Opinión

Estatística sen clientela

"CHEGUEI A peitear máis de cincoenta noivas nun ano", conta a peiteadora dunha vila da montaña luguesa. "Agora, só catro. Non hai mocidade". Velaquí a fotografía nidia da España Baldeirada. Da Galicia Baldeira.

Sen noivas, sen noivos non hai casas. Sen casas non hai fillos. E sen fume na cheminea, sen lume na cociña, non hai vida. Fotografías así aquí e acolá. "Iste vaise, aquel vaise / e todos, todos se van...", cantaba con versos a nosa Rosalía. A crise, craro, o despoboamento. Sen xente, non se precisan servizos. Un día foi o peche da escola. Outro, o instituto, innecesario. Pecharon a oficina da Caixa, máis atenta aos cartos que á xentiña. Co peche do cuartel da garda civil foi medrando o medo, e os anuncios de empresas privadas de seguridade. Van resistindo as farmacias, negocio necesario con xente tan maior. Ata que quedan sen clientela.

Con motivo das pasadas eleccións, os partidos achegáronse a pobos e vilas. Aterraron coa mochila chea de promesas para amañar a desfeita, a falta de servizos, as falcatruadas dos xabarils, a despoboación, a falta de oportunidades que expulsa á mocidade. Oxalá acerten nuns tempos críticos para o rural e non pasen do disputado voto do señor Caio ás comenencias do poder.

Desde a España Baldeirada mírase con abraio e melancolía como a España Chea reivindica, porque pode e ten xente, o dereito a decidir, algo que vén de serie no ADN das democracias avanzadas como a nosa. A menos que decidir signifique algo que teña que ver coa insolidariedade e os privilexios, algo incomprensible en forzas progresistas. Velaquí as dúas Españas: Madrid, Navarra, País Vasco e Cataluña encabezan o ránking da renta. Nos antípodas da riqueza: Extremadura, Melilla, Andalucía e Ceuta.

O Ine vén de publicar a súa enquisa de fecundidade. Galicia é a comunidade cunha maior porcentaxe de mulleres novas sen fillos. O 93,5% das menores de trinta anos non teñen fillos, en España o 88%. Entre 18 e 55 anos, 274.918 galegas non teñen fillos, e delas 100.473 nin os teñen nin queren telos. Cando a enquisa indaga nestes números atopa unhas Administracións que semellan vivir de costas á sociedade: escasos permisos de maternidade e paternidade, axudas escasas por fillo, incapacidade para conciliar traballo e familia.

Xa é tema recurrente que a mocidade é a nova clase social de pobres. Que os soldos apenas permiten chegar a fin de mes. Que a fenda da desigualdade e cada día más ancha. Que a precariedade laboral impide facer plans de futuro na idade na que hai que facer plans de futuro.

Máis aló de Peinador, Alvedro, Porto e Lavacolla, a mocidade formada e titulada atopa poucas saídas. E explica os números do Ine e máis do Ige. Moitos números. E moitas proxeccións para tan escasa clientela.

Comentarios