Opinión

Europa, a balsa da Medusa

POUCO MÁS que unha frase e abonda para entender o que nos pasa. Por que doe España, a innomeable. Por que doe así Europa. A viñeta de El Roto: "Ou fronteiras sen Europa, ou Europa sen fronteiras. Elixide".

Xa temos elixido. E aí estamos, nas atalaias do paraíso, agochados tras dos valados. Mortos de medo, camiño a unhas ‘"sociedades de anciáns falando de cousas vellas en casas antigas", cunha demografía minguante onde o único que medra son os pobos abandonados da España Baldeira.

Velaí Hungría, que saltou do comunismo irreal ao ultracatolicismo, atrincheirándose na súa insolidariedade contra os valores da mellor Europa, e non contra os euros. A mensaxe ultraconservadora do goberno gaña apoios, mesmo naqueles sectores que levantaban o puño como xesto de forza e unión dos perdedores.

Xusto ao lado Polonia, co seu discurso de fe cristiá tan pouco cristiá, e de xenofobia. O Telón do Medo substituíu ao Telón de Aceiro. Os Viktor Orban, os Kazinski militan con infinito entusiasmo nun nacionalismo excluínte e supremacista, perigo que corren os nacionalismos cando o amor polo propio vai sendo arrasado polo odio ao outro. Falan, a causa arroibo, de ‘devolver o país a Deus’. A que Deus? Non quedaramos que os infinitos nomes agochan o mesmo? Outra vez a amarga reflexión do escritor franco-libanés Amin Maalouf: ‘A miúdo pregunto se as relixións non son máis que inventos dos homes para ocultar o verdadeiro rostro de Deus’. O populismo con tintes fanáticos e sombra de fascismos volve a ser relixión oficial.

Velaquí este Salvini, especie de duce da crueldade e odio aos migrantes nas súas balsas da Medusa. Alí onde gobernaban forzas democráticas desde a 2ª Guerra Mundial avanzan imparables os xinetes da apocalipse nacionalista, xenófoba, racista, cuasi fascista. Cun discurso rotundo contra a inmigración e políticas cheas de muros físicos e mentais. Pobre Italia tan cerca de Deus e tan afastada da mellor humanidade!

Pero ningún deles é capaz de frear a cobiza, diñeiros sucios, fame pantagruélica polo petróleo dos desposuídos, apetito desordenado polas materias primas dos non-países e estados fallidos.

Tema complexo e solucións difíciles. Precisa da mellor Europa, santuario de dereitos humanos e liberdades democráticas. ONGs benintencionadas, carretando cargamentos de seres humanos en barcos solucionan pouco. Máis vale que nos poñamos en mans de expertos, que as sociedades presionen e que os políticos atopen solucións. Iso, ou seguir cocendo o caldo de neofascismos, racismo e xenofobia.

Á utopía dunha Europa sen fronteiras para a familia humana sucede a distopía dunha paisaxe inzada de fronteiras sen Europa, onde naufraga cada día, sen o romanticismo de Théodore Géricault, unha flotilla de barcas da Medusa.

Comentarios