martes. 10.12.2019 |
El tiempo
martes. 10.12.2019
El tiempo

Insulina, a dor e a cobiza

Nas cadeas televisivas de recheo menudean programas de saldo made in USA. Buscatesouros nos alpendres da América máis fonda. Subasteiros da cobiza que ofrecen gardamobles abandoados ao maior postor cunha pregunta entre os dentes: canto vale?

Nese país tan relixioso o dólar éche o primeiro mandamento. Tamén aquí veremos programas coas traxedias miúdas dos que venden as xoias da avoa: Compro ouro! Velaquí un sistema no que o dogma é a cobiza, o inferno a desigualdade e os seus profetas os "emprendedores". "Trunfadores" fronte a losers, di con aceno de desprezo un tal Trump.

Así, na crise dos opiáceos en EE.UU, vendéronse miles de millóns de doses que nada curaron pero crearon adictos enriquecendo ata o delirio a farmacétuicas sen alma. Agora vimos de enterarnos doutra traxedia que afecta a millóns de americanos: o inasumible prezo dunha substancia imprescindible para os diabéticos.

Aló por 1922, científicos canadenses sintetizaron a insulina artificial que hoxe, con técnicas de enxeñería xenética, está ao alcance da maioría. Aqueles canadenses venderon a patente á Universidade de Toronto ... por 1 dólar! Interesáballes máis a dor e o tratamento dos enfermos que os dólares sucios. Non contaban coa infinita cobiza dos trunfadores do veciño do sur. Nin co infinito poder e a rapacidade dalgunhas farmacéuticas: producir unha ampola custa 5 dólares e chega a venderse por 540. Entre 2012 e 2016 o prezo multiplicouse por tres. E multiplicáronse os diabéticos obrigados a comprar insulina no mercado negro ou nos países limítrofes: non podían pagar os máis de 300 euros que custa o envase mensual.

Ao final, o de sempre: negros e latinos son golpeados por prezos delincuentes. Obrigados a elexir entre pagar alquiler e comida para vivir ou comprar insulina para non morrer. A xente morre, mentres engordan os dividendos de farmacéuticas. Non lles queda outra que mobilizarse contra depredadores que chegan a embolsar ata 5000 dólares anuais cun diabético tipo 1.

Aviso para navegantes: o sistema sanitario USA é máis caro e ineficiente que o noso. A sanidade pública española, xoia da coroa do estado do benestar, é das mellores do mundo. Tamén é cara: move tantos cartos que afía as poutas dos cobizosos. E fai que algúns partidos políticos cambien servizo público por negocio privado. Farán ben os outros partidos a carón da xente do común, en domear este ecosistema de especuladores coa saúde. A cidadanía terá que defender con unllas e dentes a súa sanidade pública. España non pode copiar ese modelo de cobiza a pesar de partidos que apostan por unha medicina de calidade para privilexiados que poden pagala e unha sorte de beneficencia para o resto. A inmensa maioría xamais entenderá a fórmula de dor e de cobiza que envelena a insulina.

Insulina, a dor e a cobiza
Comentarios