Opinión

Libros, polos mares dos meus soños

"Teño un barco de xoguete/e nel me quero embarcar...", escribía Manuel María. E recitamos agora dando voltas como hámsters polos mares diminutos do salón, corredor, cociña, dormitorio, cociña, corredor, salón. Os soños non collen en ningún mar pero por toda a casa hai barquiños de papel, contos dos nenos, cómics. Soños pequenos que cómpre navegar. E ler.

Embarcamos noutros barcos de xoguete, "...mariñeiro e capitán / ¡Non teño medo ó trebón / nin me asusta o furacán". Estamos nun drakkar vikingo cun feixe de novelas de aventuras que limos navegando polos turbulentos mares da adolescencia con Verne, Jack London. Descubrindo outra vez A Illa do tesouro, naufragando con Robinson, baixando polo Mississippi con Huckleberry Finn.

"Navegarei por mil ríos/sete mares hei cruzar..."/nun fermoso velero sentindo os ventos da poesía. Non hai droga que enganche máis que os versos. Que pregunten a Rosalía, a Celaya, a Pessoa, a Cavafis. Que pregunten a Celso Emilio, a Miguel Hernández, a Maram al-Masri. Non hai mar capaz de conter tantos versos.

"O meu barco de xoguete/o meu barco moito val..." No po dos andeis dorme un galeón cargado de tesouros da literatura clásica. Sen lingua nin fronteiras, modelo que nunca pasa de moda. Libros de promoción esperan por nós nestes días de silencio e soidade. Cervantes e o seu irmán Shakespeare. As Mil y una noches, La peste de Camus, un pouco de todo para viaxar.

"Verei terras, verei illas/verei mares de coral..." Atracados nos peiraos da biblioteca da casa algúns barcos conservan o forro de plástico. Velaí a Virginia Wolf, a Atxaga, A Maalouf, a Santiago Gamboa, a Vuillard a carón de Cien años de soledad, ou El nombre de la rosa.

"Andiven todos os mares..." Quedan libros que desempoar e botar ao mar, moito mundo que percorrer, paisaxes, aventuras, amores que vivir.

"Xa cansei de navegar..." con Darwin no Beagle. Ou amotinados na Bounty para nos perder nas illas do Sur, cun libro pola terraza mentres envexamos aos cans. "...co meu barco de xoguete/sen saír do meu fogar".

Di Daniel Pennac que temos dereito a ler o que nos pete. A deixar de ler. A saltar páxinas. A non rematar o libro. A reler. E xa postos, mellor diante do neno. Que nos vexa cun libro nas mans. Que se decate a nena do moito que nos gusta ler. Éche a lectura virus potente e contaxioso como o coronavirus. Inmuniza contra a ignorancia e fanatismos.

A pandemia converteunos en modernos Ulises percorrendo o mar na volta a casa despois da guerra de Troia. Na longa viaxe de retorno atesourou experiencias, lugares, persoas, comidas, xoias e perfumes nos faiados da memoria.

Cando remate a corentena quedarán libros no ebook, na táblet, nas estantes. Viaxes apaixonantes "...polos mares dos meus soños..."

Comentarios