sábado. 08.08.2020 |
El tiempo
sábado. 08.08.2020
El tiempo

Un matrimonio de batas brancas

OS NOSOS cerebriños denuncian o estado da ciencia no país. Recortes nos programas, dotación dos centros, precariedade laboral. Con batas brancas e pancartas negras de furia educada protestan nas rúas.

A Cosde, confederación que reúne aos científicos, denuncia recortes de 20.000 millóns entre 2009 e 2017. E como sabemos que saben, da medo que o poder peche os ollos, que o goberno non atenda as demandas. Produce calafríos ler que marchan, que cerebros formados aquí, investigan e producen nos países ricos.

Gobernos con partidos diferentes apostaron polo ladrillo poñendo os ovos do desenvolvemento na mesma cesta. Formigonaron a costa con entusiasmo. Ergueron pirámides imposibles de pagar e manter: Cidade da Xustiza, do Circo, da Música, do Cine, Cidade da Cultura. Aeroportos. Ladrillos como esterco da corrupción. E pesada herdanza para o futuro: cada neno que nace trae debaixo do brazo un pan sen pagar de 24.000 euros.

Lonxe de aquí o matrimonio de neurólogos Candelaria Gómez e Juan Fueyo, compre o gran soño da medicina no Centro do Cancro MD Anderson, Houston, USA. Veñen de descubrir un virus que combate o tumor cerebral máis letal activando o sistema inmune.

¿Cantas batas brancas traballan no exilio dos laboratorios en países punteiros? Cerebros privilexiados constrúen alá un futuro sen tanto ladrillo: ciencia cun infinito valor engadido. Mentres aquí o Colectivo Carta pola Ciencia denuncia o seu progresivo abandono provocado por recortes na inversión do goberno actual.

Os esforzos para reter os cerebros máis lúcidos, mentes innovadoras, os miolos máis emprendedores, son unha aposta polo país. Pero J.M. Fernández e 11.000 investigadores máis denuncian que forman parte dunha xeración perdida: a máis preparada e na que máis cartos se investiron. Farto, o seu portavoz, deixa a ciencia e emigra a Bruselas, a un exilio, ollo! sen mansión nin bogavantes.

Outro grupo de investigadores, con dous membros da R. A. das Ciencias á cabeza, recolle firmas para denunciar recortes contra a liña de flotación da investigación. Desde 2009 os presupostos minguaron nun 36%. Efectos: reducción de patentes nun 60%, perda de ducias de miles empregos e miles de investigadores fóra do país. Mentres os quixotes que quedan traballan en condicións precarias e recursos cada día máis limitados. Deste xeito, o cambio de modelo produtivo queda en nada.

Pero aquí, ai, mantemos entretido ao persoal con ruído de bandeiras e sobredose de fútbol. Ou enfrontando idiomas irmáns, ferramentas de comunicación e identificación. Ou tentando volver ao XIX con bromas dos símbolos ou hilarantes ripios para o himno.

Mentres polas fendas da crise e políticas miopes vanse, e procrean ciencia fóra, solteiros e matrimonios de batas brancas.

Un matrimonio de batas brancas
Comentarios