Opinión

Mirade, unha bolboreta!

A PALABRA é así de longa. Polisílaba, din os que diseccionan o idioma. Sobre a pradaría de letras da fermosa palabra revoan bolboretas. O neno di: unha bolboreta! Porque quedan poucas. E cada aparición destas xoias efémeras provoca abraio.

Primavera, claro. As flores espertan. Coas cores e recendos chaman por insectos que van esmorecendo. Cousa del cambio climático. Vidiñas que dependen da temperatura ambiental e da sincronización coas flores.

O descenso das poboacións de bolboretas é alarmante. Escapan cara o norte do forno de calor. Foxen da destrución dos hábitats, pradarías abertas a ventos e soles. As plantas perden a un dos principais polinizadores, esta marabilla que zuga o azucre e fecunda as flores.

Das 234 especies diurnas de lepidópteros (escamas e ás) que contan os entomólogos xa se perderon 16 e a cifra vai en aumento. Afirman que o 70% das nosas bolboretas están en declive. Pero hai máis. Desde que abrumadora influencia humana está a piques de inaugurar unha nova era, o Antropoceno, todo semella estar ao noso servizo. Por exemplo, ese sexto continente de plástico que medra nas encalmadas dos alisios recolle unha tóxica sementeira de lixo que asfixia a vida e envelena os fráxiles ecosistemas mariños.

E.O. Wilson fala de reservar Medio planeta, algo así como unha xigantesca arca de Noé para protexer da depredación e da cobiza humana as especies salvaxes. En catro décadas reducíronse nun 50%. En Primavera silenciosa, R. Carson alerta de amplas zonas onde o silencio substituiu o ferver da vida e o rechouchío dos paxaros. Agora, unha abondosa soupa química ao servizo do insaciable bandullo humano envelena o medio con insecticidas, plaguicidas, pesticidas, ao fin biocidas, que denudan de vida bosques primarios, ríos e pradarías.

As talas masivas son otra causa de desaparición de especies de bolboretas nos seus santuarios. Hai plantas ligadas a unha soa especie de bolboretas. A desaparición dunha especie pode desequilibrar todo un ecosistema. E aquí hai que contar con 234 especies diurnas e ata 4.000 nocturnas. Estamos a falar de cousiñas vivas moi importantes pois os insectos supoñen máis da metade da biodiversidade. E os lepidópteros son o segundo grupo máis numeroso. Por comparación, os vertebrados son o 5% desa biodiversidade.

O fráxil equilibrio da natureza sempre está a piques de romper. Non sabemos o que temos. Malgastamos unha herdanza que non nos pertence. A cobiza está borrando as cores máis fermosas da natureza. Sen esta bicharada miúda o mundo será invivible. As bolboretas sosteñen coa súa fraxilidade a saúde de boa parte do planeta. Agora, case invisibles, están en perigo. Ata que unha nena sinala co dedo a súa efémera, súbita, sincopada visibilidade. Mirade, unha bolboreta!

Comentarios