Opinión

O ollo de Orwell

TECLEAR UN nome e a computadora volverase tola. Peso e medidas, a cor dos ollos, tatuaxes, o historial médico. Multas e leas coa policía. E xa postos, militancia política, credo, accións nas rúas. O carnet de calquera asociación.

Móbiles, a cada compra máis potentes, sombra inseparable. Viven nos petos. Entran polas corredoiras do cerebro en cada repenique na pantalla. Ese ollo de cristal éche o espello que nos mira. Xeolocalizándonos. Recordando a cada instante a nosa andaina. E o historial imborrable do tempo en fotos, imaxes, tuits, opinións.

Para as pantagruélicas empresas de comunicación somos de cristal transparente. Miran dentro e ceñécennos mellor que nós. Saben de amigos, fotos de familia, compañeiros de troula e traballo. Chequean condicións físicas e mentais. Por un módico prezo. Para acabar compartindo o botín da nosa intimidade co outras empresas, bancos, comercio online.

Tamén o Estado sabe todo de nós: outro ollo grande do Gran Irmán. Coñece os nosos cartiños: as altas finanzas son invisibles. Só os trampulleiros xogan ás agachadas cos cartos.

A profecía amarga de George Orwell, 1984 hai tempo que se cumpríu. A vida privada non existe nas sociedades modernas. Onde vai que morreu a privacidade! Onde vai que Robinson Crusoe escapou do illamento da súa illa! Os data bank comprimen as nosas vidiñas nunha ficha para vendela. Nin sequera somos clientes, só materia prima dun xigantesco negocio. Un clic permite acceder ao historial laboral, escola, instituto, universidade, parellas, amores e fracasos, hábitos de ocio, xogo, festa, saúde, problemas coa bebida.

Un xigantesco arsenal de datos amoréase no faiado de máquinas que xamais esquecen, gargantúas que nunca se fartan. E a ese hipermercado de privacidades acoden empresas privadas a comprarnos a vida se lles vendemos a alma. Ata os soños humanos poden ser engaiolados. Toda unha oportunidade para gobernos con capacidade para crear megabancos de datos como forma de control social. Daquela perdemos o dereito ao segredo e a vida privada é refén dos algoritmos.

Quen controla tanta información? Quen pode impedir que poderosas empresas crucen datos que posúen? Quen controla aos controladores? Máquinas, táblets, móbiles e computadoras son máis rápidos que as leis que tentan protexernos. Os megabancos de datos son unha fonte inexgotable de poder para quen teña aceso a eles.

O terrible é que o cableado frío das máquinas, as sinapses do monstro móvense sen os freos da ética. Xamais se preocupan por delimitar a delgada liña que separa o ben do mal.

Sabíao ben o autor cando en 1947 escribíu a profecía 1984. Aquela ficción distópica xa é presente real. Vixiante contra as utopías, o ollo de Orwell segue aberto.

Comentarios