lunes. 28.09.2020 |
El tiempo
lunes. 28.09.2020
El tiempo

Pere Casaldàliga, un bispo en alpargatas

O home que vén de morrer con 92 anos, foi relixioso, poeta, referente da teoloxía da liberación, raro saber que escudriña buscando a Deus na casa dos derrotados. Algo que causaría alarma na curia romana onde reinaba aquel papa polaco chegado do frío e que tanto amaba a pompa e a circunstancia do poder.

Lemos nas noticias que dan conta da súa morte que viviu gran parte da vida na Amazonía, a carón das tribos máis esquecidas. Deles aprendería leccións inesquecibles da súa estatura tan humana, como a convivencia coa natureza, o fondo sentido de comunidade e a relativización de tantas cousas que nos lastran.

Chamábanlle Bispo dos Pobres, algo que desde este lado da xerarquía, semella unha contraditio in terminis. Por iso acabou nun esquecido recuncho do Mato Grosso onde uns poucos facendeiros moi ricos e moi amigos daquela ditadura brasileira, invisibilizaban aos indíxenas.

Foi, con alpargatas e vaqueiros e sombreiro de palla un bispo incómodo en Roma. E tamén un tipo perigoso para os terratenentes brasileiros que tan pouco valor dan á vida dos prescindibles. Que tan pouco respectan á selva, consumida onte e agora mesmo polo lume, o monocultivo da soia, a depredación de madeiras nobles e a cobiza. Mala cousa enfrontarse a matóns que rouban as terras, maltratan e expulsan aos pobres e destrúen o delicado ecosistema da selva amazónica, patrimonio da Humanidade e pulmón imprescindible do planeta.

Na foto, o cadaleito do bispo descansa sobre os obxectos e materiais humildes que o acompañaron na loita a favor da natureza e dos indíxenas desprezados. Todo fala da súa loita, dos seus soños e da quentura amable para convivir coas comunidades.

Na despedida do bispo Casaldàliga léronse cousiñas como o poema A paz inquieta onde clama pola paz e a xustiza, pola vida multiforme da natureza, polas tribos indíxenas. Nunha diócese tan grande como un terzo de España este home, miope e fráxil, tivo que enfrontar a terratenentes para frear a violencia contra a xente.

A pesar das duras advertencias de Roma xamais abandonaría a a Amazonía. Na herdanza das súas palabras mantense acesa unha raiola de luz, un chisco de sal que sazona. Di: O gran atentado éche a fame no mundo. Di: O chamado 3º Mundo é un escándalo para a historia humana, porque é un mundo prohibido, marxinado, explotado, inferior que sobrevive en vez de vivir. Di: "Vou amando as cousas e a xente / cidadán de todo e estranxeiro".

Nos seus ollos miopes, luz que aluma. Na figura fráxil, sal que daba sabor á vida dos esquecidos e humillados. Para eles, hai máis de dous mil anos escribiuse aquilo do evanxeo, estraña palabra grega que vén significando boa noticia para os fartos de malas noticias, os que como Pere Casaldàliga van pola vida en alpargatas.

Pere Casaldàliga, un bispo en alpargatas