viernes. 14.08.2020 |
El tiempo
viernes. 14.08.2020
El tiempo

O PIB do benestar social

COMO NON entendemos de números xigantes, as previsións económicas trastocadas polo coronavirus asustan. E afectan á saúde da economía, do grego oikonomía, administración do fogar, algo que entendía, e do que era ben capaz, a xente do común. A economía dun país, coas súas magnitudes macroeconómicas, ten tanta complexidade que queda nas mans de expertos. Pero os que viven, votan, consumen e pagan impostos teñen dereito a preguntar para que serve unha economía se non axuda á xente. 

Hai titulares que estremecen. España está entre os países con maior caída do PIB: 9,2%. A débeda escalará ata o 115,6% e o paro o 18,9%. Estes números significarán algo cando a xente non poda pagar pan, teito e lume que permiten vivir. Din, oxalá acerten, que en 2021 o PIB medrará un 7%. Agora precisamos do amplo paraugas da UE, a Europa da Xente. Mentres lemos noticias sobre o Produto Interior Bruto, total de bens e servizos producidos no país cada ano. Aí entra todo, ata gastos negativos como a loita contra incendios, contra o narcotráfico ou a compra de armas. Pero hai cousas que non mide e teñen que ver coa vida e o benestar da xente. Cando se fala do PIB pensamos en máis obxectos, máis consumo de combustible, máis cartos, máis construción de casas. Máis consumo que nos engorda a adelgaza o planeta. 

Podería haber outro PIB medindo o feito de poder pasear con seguridade pola noite. Sentar nunha terraza. Que conte o respecto ás paisaxes, ese ben social. Ou a disponibilidade de servizos sanitarios ao pé da casa. O nivel educativo da poboación. A gran riqueza dos pobos non é a economía senón a súa cultura e a súa educación. Un pobo inculto non xera máis que miseria, recorda Emilio Lledó. O PIB do futuro no pode cuantificar só o consumo de electricidade, a produción de cemento e aceiro. Tamén pode medir unha das nosas riquezas, a esperanza de vida. Non todo pode ser contar o número de coches, turistas, móbiles ou televisións de plasma. Outro PIB tería en conta os niveis de voluntariado, a boa xestión dos bosques autóctonos, praias e ríos limpos. 

Medrar non é ter máis, consumir máis, encher a rebentar o bandullo de obxectos baldeirando de vida e recursos o planeta. Sinalan algúns economistas que máis intelixente e solidario sería decrecer. Quizais o planeta teña motivos de gratitude para o coronavirus que castiga, da oportunidades e obriga a medir de xeito diferente o PIB dunha riqueza concentrada en poucas mans: distribuída con máis equidade suporía maior desenvolvemento. A calidade de vida vai ser o principal parámetro para medir o benestar económico. A saúde dun país e a felicidade social vai máis aló dos números da economía dun país. Con outras regras respectuosas co medio e a favor de todos: o PIB do benestar social.

O PIB do benestar social
Comentarios