jueves. 29.10.2020 |
El tiempo
jueves. 29.10.2020
El tiempo

Políticos na súa burbulla

CADA SEMANA, sesión de control ao Goberno. Tamén nas autonomías. O espectáculo é tan obsceno que poucos soportan ese circo de gladiadores maleducados. Só os nosos representantes semellan contentos na burbulla onde se dilúen as dúas prioridades que angustian á cidadanía: o pan e a pandemia.

Non estraña que medre a fenda entre gobernos e gobernados. E a desconfianza nas institucións. Aquí e acolá medra a distancia entre política e cidadanía. Aínda resoan aquelas voces iradas: "Non nos representan"!

O músculo das institucións ten que ver cos lazos entre o que a cidadanía demanda e o que ofrecen os seus representantes. Se non están á altura do tsunami de problemas que ameazan, se só están cómodos na burbulla, aparece a ruptura.

Nesa burbulla, o establishment semella máis atento ao monopolio dos seus intereses que a responder ás demandas sociais e resolver xuntos os problemas da cidadanía. E máis aló das palabras grosas nos hemiciclos a xente sospeita que nos lles custa poñerse de acordo en soldos e privilexios.

Medra a sensación de que os partidos móvense por inercia. Que se burocratizan. Que a política profesionalízase. Que só compiten os líderes. Que pouco ou nada deciden os militantes de base. Debates, eleccións redúcense a ver quen gaña ou perde. Quen ofrece boa imaxe. Márketing electoral. Estratexias de comunicación deseñadas por unha arañeira de asesores na sombra. Enquisas para mover opinións e non para pulsar problemas, o futuro das sociedades.

Ata que chega a ira. O ruído e o balbordo atordan. O estrondo de líderes fortes. A sementeira de medo éche unha táctica para manter o poder. Ignorando que a alternancia está na base de toda democracia. E que en política sempre hai respostas distintas aos problemas.

A desesperanza dá paso á indignación cando a cidadanía se percata de que os políticos, enleados no seu cainismo, non están á altura neste tempo de desolación económica e pandemia. Preguntan para que serve a economía se non axuda ás persoas, ao tempo que recordan como correron a salvar bancos mentres millóns de familias quedaban á intemperie.

Temos chegado a isto: a profesión peor considerada é a política. Enganchados aos tetos do público, os líderes dificilmente volven á vida civil se atopan portas xiratorias. Os interinos no servizo público eternízanse nos postos. En apenas vinte anos a desconfianza nos políticos pasou do 65% ao 88%. Mentres se recortan servizos básicos e poñen en risco o estado de benestar: educación, pensións e, a xoia da da coroa, a sanidade pública.

Son cousas que importan á cidadanía, tan alleas, tan afastadas e cheas de ira contra a burbulla amniótica e morna onde viven, sestean, refúxianse e reproducen os malos políticos. Que copan portadas. Que invisibilizan aos bos.

Políticos na súa burbulla
Comentarios