Opinión

A praia debaixo das lastras

HETERODOXOS E moi enfadados buscaban a praia debaixo das pedras nas rúas de París. E cando aquí as plumas de escribir eran perigosas, os compañeiros escribían nos muros da revolución do 68: Prohibido prohibir.

Aquí últimamente prohíbese moito, desde rap elemental ata libros con malandanzas ben sabidas de narcos e partidos, pasando por oportunistas tentando colgar presos políticos, imposibles nunha democracia, nos expositores de Arco, onde toda provocación artística debe caber.

Prohibido prohibir soa con forza diante da onda de puritanismo e afán censor duns poderes alerta contra a cultura de trazo fino ou de brocha gorda. Facebook vén de dar marcha atrás no veto á paleolítica Venus de Willendorf, censurada por pornográfica. A estatuilla de ventre, xenitais e peitos abultados, representación da fertilidade, foi vetada polos algoritmos. E chegan noticias do museo inglés de Manchester que retira un almibarado cadro de ninfas desnudas polo debate #MeToo. Non se sabe se é censura ou marketing.

Ata nas aulas máis meapilas da longa noite de pedra poidemos mirar e interpretar esta Venus opulenta. Os extasiarnos ante a alada Victoria de Samotracia, a Venus de Milo ou as Cariátides do Erecteion. Volven malos tempos para a libertade de expresión, para a fecunda provocación das artes, para a heterodoxia dos que exploran camiños inéditos.

Censura desde as alturas, censura nas bases. Menudean nas redes os censores, os Torquemadas, os Calvinos intolerantes, os Savonarolas. Ferocísimos insultadores disparando dogmas desde o anonimato. Ás veces visten ropaxes progresistas e cun inflamado verbo de esquerdas defenden a súa ortodoxia. Hiperactivos vixiantes da moral e do puritanismo convértense en censores dispostos a encender a pira debaixo das ideas herexes, quizais o máis valioso das relixións.

Para os poderes a cultura resulta sospeitosa. Dictan unha malfadada lei que a oposición non é quen de derogar. E iso que ata os tribunais acaban corrixindo o furor censor como no caso de Cassandra ou os titiriteiros.

As redes semellan campos minados onde o deambular libre das ideas empeza a ser exercicio de alto risco. Cada día amence coa cara rota polos zascas, fake news, imputacións malintencionadas, cos terribles ¡Pásalo!, campañas a favor ou en contra, boicots a persoas e produtos do inimigo, escritos apócrifos atribuídos a figuras públicas.

As ideas, claro, son libres. Tamén o odio. Desmesuradas condenas a rapeiros quedan en nada pero cumpren unha función pedagóxica: atemorizar, enmudecer, paralizar. A censura revela a debilidade do poder. Condenas e multas non impedirán que a xente siga tentando chegar ás praias onde sopran ventos de libertade. E onde bolen incansables, baixo as lastras do medo, as ondas das ideas.

Comentarios