lunes. 10.08.2020 |
El tiempo
lunes. 10.08.2020
El tiempo

E de súpeto, Olga Tokarczuk

A biblioteca pública éche unha cesta de cereixas xigante. Tiras, e sae unha danada e agre. Aquela é pequena e ruín. Pero esta, ai, esta é saborosa e vermella e redonda. Quedas con ela e rexeitas as outras: temos dereito a ler, reler, saltar páxinas, volver atrás, rexeitar un libro, di Daniel Pennac.

Nas mans ‘Los errantes’, o relato máis ambicioso desta muller. Ler é unha forma de viaxar. Jules Verne, novelista de anos atrás, deu a volta ao mundo. Cruzou selvas e desertos. Chegou á lúa. Viaxou polas profundidades marinas e arribou ao faro do fin do mundo sentado na súa casa en Nantes. Ou como escribe Manuel María: "Andei por tódolos mares… / sen saír do meu fogar".

‘Los errantes’, fermoso e estraño libro de viaxes que sobe a un barco, un avión, e voa por riba das fronteiras para se explorar a un mesmo. Mestura de inquedanzas, inxenio, apuntes de Filosofía. Será unha novela? Conta con humor que un editor preguntou se mesturara arquivos no ordenador. Velaquí unha autobiografía, ensaio, contos, libro de viaxes, vivencias, anotacións. Aposta polo fragmentario, ás veces o feo e deforme no "vaivén do bus, troupeleo do tren, o poderoso ruxido do avión, no abaneo do barco". Con ollos de asombro, de pasmo infantil que xamais debera abandonarnos mentres percorremos as corredoiras deste mundo escuro. Ou deambulamos con esperanza meditando na nosa burbulla de tempo.

Na cesta de cereixas da biblioteca, sempre pública, hai outros da escritora de apelido imposible. ‘Un lugar llamado Antaño’ fábula de tres xeracións de labregos polacos desde a 1ª Guerra Mundial ata hoxe. Sae despois ‘Sobre los huesos de los muertos’, historia dunha constructora de pontes retirada, agora mestra de inglés mentres ao redor aparecen cadáveres de asasinados. Mestura de conto de fadas e thriller cunha fonda preocupación pola natureza e o arrepiante impacto dos humanos sobre os seres vivos. Non hai máis. Haberá que buscar outros libros da Tokarczuk no sistema de bibliotecas públicas que funciona tan ben.

Miras a pestana as notas sobre a autora. Indagas en internet sobre os libros que escribiu esta licenciada que abandonou a psicoloxía para dedicarse á literatura para sorte de todos nós. Resulta que é escritora multipremiada. Dela fan reseñas os principais medios, aínda que na súa Polonia natal, politicamente tan triste, o seu activismo intelectual e feminista levouna a ser considerada traidora. A quen?

Como os libros vacinan contra os fanatismos, quedamos coa delicia do seu estilo literario, a imaxinación, a infinita creatividade movéndose por un mundo fragmentado, con tantas arestas. A súa afanosa busca, a paixón ardente polo ser humano e o mundo no que nos movemos errantes, foron recoñecidas co Premio Nobel 2018. Olga Tokarczuk.

E de súpeto, Olga Tokarczuk