jueves. 29.10.2020 |
El tiempo
jueves. 29.10.2020
El tiempo

Tantas espadas de Damocles

E AGORA ESTA pandemia. Atemorizando á xente, paralizando a economía. Xusto cando empezabamos a esquecer a Gran Recesión, a da precariedade laboral que impide vivir con dignidade.

Este virus, aquela crise son luces vermellas dun modelo económico que ameaza ao planeta, o único fogar que temos. O deterioro dos ecosistemas provoca o éxodo de millóns de seres humanos aos que non van deter concertinas, fronteiras.

Segue a violencia contra a metade feminina da Humanidade. Alí onde invisibilizan á muller prescinden da metade do cerebro condenándose á pobreza e a un desenvolvemento precario. Iso sen falar da falta de respecto á dignidade humana e o atentado aos dereitos humanos.

As redes, a informática que tanto axuda: sen ela non podemos vivir. Teñen o perigo de nos converter en datos anónimos dun lucrativo negocio dominado por pantagruélicas multinacionais fóra de control.

Segue o escuro, multimillonario negocio das guerras do fin do mundo. Enquistadas ao longo dos anos non solucionan conflicto ningún: Libia, Irak, Siria, Iemen... para vergonza da familia humana.

O ruído, a furia, a diversión ata morrer pola que apostan tantas pantallas, infantilizan ás sociedades e adurmiñan á xente, plastilina moldeable en mans do poder.

Todas esas espadas de Damocles enchen de desesperanza. O divorcio entre gobernos e gobernados favorece a aparición de líderes fortes e partidos nos bordos da democracia. Xorden rexímenes autoritarios, teocracias, partidos xenófobos e ultraconservadores, nacionalismos identitarios como flautistas de Hamelin engaiolando aos desesperados.

Medra a fenda que separa aos políticos da xente do común. Non extraña que este tsunami contra a democracia ocorra agora con tantas espadas de Damocles ameazantes. Fronte ao pesimismo, hai que crer na democracia. Non é agasallo gratuíto senón edificio en construción que implica dereitos e deberes, sentido cívico e compromiso político.

Só a democracia respecta os dereitos fundamentais das e dos cidadáns.

Só a democracia frea a tiranía separando poder executivo, lexislativo e xudicial.

Só na democracia contan os votos e non a vontade de matóns populistas e credos sombríos.

Só na democracia hai alternancia no poder de partidos que representan a diversidade, nunca a totalidade.

Só a democracia garante dereitos políticos das e dos cidadáns.

Só a democracia respecta a liberdade de expresión, reunión e asociación.

Só na democracia os poderes do Estado están nas mans de delegados, sempre interinos, da cidadanía.

Só a democracia respecta a pluralidade entre diferentes opcións: partidos e non sectas.

Moitos son os problemas. Todos teñen solucións. Nunca fáciles nin inmediatas, xamais máxicas, só democráticas para nos enfrontar ás ameazas e defendernos das espadas de Damocles.

Tantas espadas de Damocles
Comentarios