Opinión

"Tu risa me hace libre..."

"ME PONE alas", canta con versos Miguel Hernández. A risa do fillo, contada pola nai, abríndose paso ata a cela do poeta. A risa precoz nos nenos e temprana na nosa especie, a única que ri. E sorrí amodiño. Ou estoupa en gargalladas. Tan humana, abrindo as portas á felicidade alí onde é posible un chisco de felicidade. Sorriso, risa, gargalladas son caldo social que achega aos outros. Xa desde os primeiros meses xoga un papel social. O bebé ri e provoca unha resposta inmediata: os que están a carón rin.

Coa risa somos máis felices e sans. A lista de beneficios é interminable. Os que saben din que mellora a saúde, fai que nos sintamos ben, libera endorfinas relacionadas co benestar psíquico e dilúe o chapapote negativo. As gargalladas actúan como goma de borrar que elimina as cores negras que envelenan os adentros.

A risa, e con ela o sentido do humor, é fondamente humana. Fósforo, ás veces heterodoxo e demoledor, que ilumina a intelixencia. A miúdo arma perigosa contra o poder. Por iso intenta apagar as risas, silenciar a burla, o sentido do humor e o seu carácter abrasivo. Pero é imprescindible na democracia onde o pobo fala, cala, escoita, ir, búrlase. Xa na democracia grega medraban tipos como Aristófanes, o comediógrafo de afiado e irreverente sentido do humor. Burlándose de todos baixaba aos poderosos do pedestal, facéndoos máis humanos.

Mulleres e homes rin, contan chistes, toman o pelo, búrlanse dos que mandan. As mentes tétricas e inmobilistas foxen como do demo da risa, do humor. Moléstalles a ironía, non entenden a retranca. En El nombre de la rosa, de Umberto Eco, aparece o rostro terrible, severo de Jorge de Burgos, o freire ancián que non vacila diante do asasinato. Todo vale para borrar a risa humana, para esconder libro onde Aristóteles fala da comedia.

A risa que desnuda e abomina da censura, é outro instrumento da verdade. Só para os fanáticos é sospeitosa. Os dogmas de odio apostan pola cor gris, a rutina da seriedade, a crueldade. E crean sociedades sombrías e crispadas onde está prohibida a risa, o xogo, o que libera e produce pracer. Mundos tristes de censores incapaces de rir.

Es tu risa la espada más victoriosa. Por iso medios como NYTimes censuran a viñeta onde o can Netanyahu guía ao cego Trump. Velaí o poder dos cartos. Ou o terreo onde se moven fanáticos capaces de matar pola sátira dunha revista irreverente con deuses e profetas. Aquí a risa, o humor abríu fendas no cárcere social e monócroma da ditadura. Hoxe, aínda condena a rapeiros de sal gorda.

O humor, a risa que resoa, as gargalladas que estoupan son espazos contra a censura e o puritanismo. Fai o territorio das ideas máis amplo, amable e coloreado. E abre as portas á liberdade. Onde a risa pone alas.

Comentarios