Opinión

Unha activista no medievo

"TODOS NACEMOS incendiarios e morremos bombeiros", citaba Umberto Eco. Pero hai quen fixo o camiño inverso, como a activista e informática Manal al Sharif. Esta muller saudí, nin de lonxe puido imaxinar onde lle empuxaría a vida. Os inicios habituais preparábanlle para exercer de muller caladiña camiñando pola vida á sombra do varón: o pai, o irmán, o marido. En Arabia Saudí, a finca medieval da familia dos Saud, berce do Islam máis rigoroso.

Vimos a esta muller, convertida na imaxe das mulleres saudíes reivindicando o dereito a conducir un coche, xusto no país que paga luxos obscenos co petróleo aos infinitos príncipes da familia real.

Cousas que pasan na parte en sombra dun mundo alleo aos dereitos humanos. Tan cruel que invisibiliza á muller. Malgasta así a metade do cerebro humano. Así lles vai, así nos vai.

De fundamentalista a activista: un salto cun custo persoal brutal. Un país que prohibía conducir ás mulleres, é un país coas mulleres prohibidas. Prohibicións que non teñen base legal pero están no ADN de tradicións inmutables que impón o varón co seu credo masculino, e soporta a muller.

A campaña de mobilizacion valiente e imaxinativa de Women2drive, na que participou, tamén mobiliza á policía. O réxime tolera mal que a que naceu para ser islamista radical, poida converterse en activista radical a favor das mulleres saudíes engaioladas tras os barrotes do niqab. Pero ata ese cárcere de tea negra ten fendas por onde se coan anhelos de liberdade, neste caso vía internet, ventá aberta ao mundo ás veces cos cristais sucios. Case é o mesmo que o resto do mundo pode ver deste país que vai concedendo ás mulleres dereitos a pouquiños pero é incapaz de ocultar a represión medieval. Conseguiron votar por primeira vez en 2015 pero apenas ocupan cargos públicos con poder real.

Na súa loita Manal perde o traballo, perde a casa, perde a custodia do fillo: non perde a esperanza. Agora éche un símbolo das saudíes na procura dos dereitos fundamentais e da súa liberdade. A muller saudí vive discriminada na lei e na vida diaria. Só co permiso do varón tutor pode viaxar, realizar un traballo remunerado, cursar estudos superiores ou casar. A recente fuxida doutra rapaza saudí, Rahaf Al-Qunun a Canadá, sacou á luz inxustizas contra as mulleres no sinistro reino saudí.

Cousas normais nunha democracia levan a Manal á cadea. Cando sae, a súa loita amplíase a favor das inmigrantes no cárcere. Agora éche unha activista a favor dos dereitos humanos. Estes dereitos dos homes, das mulleres son máis terrenais pero máis efectivos que os que invocan sátrapas medievais cos seus credos sombríos, lonxe do s.XXI e da mellor humanidade. Tentan condenar ao silencio e á invisibilidade á muller. E a vivir no medievo.

Comentarios