viernes. 15.11.2019 |
El tiempo
viernes. 15.11.2019
El tiempo

Vestida de branco por Sudán

TEN VINTEDOUS anos. Icono da loita de Sudán contra a ditadura. Contra a forza bruta. Contra os militares enfrontados ao pobo. Vestida de branco.

Alaa Salah no teito dun coche canta: "Sudán é de todos!". A xulgar pola foto, Sudán é de todas: a maioría son mulleres tentando poñer un pouco de sentidiño diante da brutalidade, entre a euforia da caída do ditador Omar al Bashir e o medo á xunta militar que o substituiu.

As protestas de Sudán están protagonizadas por mulleres. Centos delas reunidas en Jartún diante do palacio presidencial, diante do cuartel xeral do exército, amo do poder e dos privilexios. E da violencia contra o pobo. Alaa fala á xente contra o racismo e o tribalismo e di que Sudán non é para unha élite senón para todas, para todos.

Alaa vestida cun tobe branco, túnica tradicional sudanesa, con pendentes de lúa dourados. A fermosa túnica branca de Alaa éche a súa arma máis poderosa, símbolo de forza, pureza e coraxe.

As manifestantes son mulleres fortes que loitan polo país, polos fillos, polos dereitos de todos. Queren que a comunidade internacional sexa consciente das demandas das mulleres, dunha revolución amable e feminina que elas din Thawra! Alaa representa ás mulleres nos bordos mesmo de se apoderar do presente e preparar o futuro.

Alaa cantaba e a multitude respondía "Thawra!". "Queimáronnos en nome da relixión!", "Thawra!". "Encarceráronnos en nome da relixión!". "Thawra!". "Pero non hai que culpar á relixión!", "Thawra!". Alaa vestida de branco lidera a loita contra a bota da ditadura e agora contra a consello militar que tenta perpetuarse no poder. Con esa prenda, con esa cor branca as mulleres protagonizan as protestas. Na foto, os aretes dourados reflicten as luces dos móbiles. Sentadas multitudinarias contra o poder. No país onde se xuntan o Nilo Branco e o Nilo Azul, as mulleres xúntanse nas prazas tentando parir un país onde se poida vivir.

A Alaa, estudante de arquitectura e enxeñería, pola silueta e o fermoso vestido branco, chámanlle kendaka, raíña nubia. Ela di que a historia do país está marcada por raíñas influíntes. E que nestas horas durísimas as mulleres queren protagonizar a historia do país. E combater por un Sudán democrático e próspero.

A súa loita non é facil nin gratuíta: ameazada de morte, desafiando disparos e gases lacrimóxenos nas protestas desde decembro pasado. Cun prezo excesivamente alto: máis de cen mortos xa.

A icónica foto de Lana H. Haroun con Alaa sobre o teito dun coche multiplicouse por miles nas redes sociais e saltou as portadas dos medios. Cargada de luz irradiaba a forza das mulleres enfrontadas á brutalidade. Oxalá esta segunda primavera árabe que protagoniza xente do común, en Sudán mulleres, veña vestida de esperanza. E de cor branca.

Vestida de branco por Sudán
Comentarios