viernes. 05.03.2021 |
El tiempo
viernes. 05.03.2021
El tiempo

Xogando co rato

HAI UN ratiño que vive dentro e fóra dos contos, bulebule de pelo difícil de albiscar. E hai a boliña de plástico que manda ordes ás pantallas. O primeiro é case invisible, o segundo case omnipresente.

Sobre todo desde que nas escolas tenta ocupar o embigo do ensino e quere apoderarse do lugar máis querido, o patio de recreo dos xogos virtuais. Algunhas venden como conquista a marea de pantallas que substitúen a libros e dicionarios. Cando poden convivir e apoiarse, unha ferramenta máis de aprendizaxe, non mellor que compañeiros e profesores. A biblioteca é o centro, o embigo, o corazón quente de toda escola, de todo instituto, de toda universidade, de toda cidade.

As rapazas, os nenos xa viven dentro dun universo virtual cunha sobredose de pantallas e sobreestimulación tecnolóxica. Por iso empeza a haber familias, profesores que dubidan que haxa que prolongar iso nas aulas: a ditadura das pantallas.

O mundo é máis grande, máis complexo e máis estimulante que unha pantalla. Hai árbores reais, auga que corre, bechos apaixonantes, sons e palabras, ratiños de verdade. Cores, pesos, formas, olores, texturas tamén están fóra das pantallas. E as clases creativas tamén viven a este lado da realidade.

Chama a atención que os grandes gurús do mundo tecnolóxico busquen para os fillos unha educación sen tantas pantallas. Queren que sexan capaces de perderse e atoparse no mundo real, con compañeiros reais sen o salvavidas das redes sociais. Non son os fillos os que están enganchados ás pantallas: erguen a vista e ven aos adultos pendentes do móbil. Se nais e pais foran lectores, os fillos serían lectores.

Os primeiros son anos dos grandes descubrimentos, da explosión da creatividade, dos ollos asombrosamente abertos ao mundo real, coa enriquecedora compaña dos iguais. Aprendendo xuntos, que é a mellor maneira de aprender. Necesitan vivir, respirar, relacionarse co medio, compartir os ritmos da natureza. Todo iso pode estar a este lado das pantallas. Gilles de Gennes, Nobel de física 1991 di que as mans foron a orixe da intelixencia. Xurdiu no home porque tiña mans e podía utilizalas para facer cousas. Recorda que fan falta tres habilidades: a manual, a de observar e os conceptos abstractos. E que para pensar hai que estar en contacto coa realidade. O mundo real é máis cercano, máis quente, máis motivador que o mundo virtual

Avisan os pedagogos que a tecnoloxía non é boa nin mala senón un recurso máis para aprender. E que a nosa relación coas pantallas debe buscar algunha equidistancia entre apocalípticos que as odian, e integrados que non poden respirar sen elas.

O rato que vive nas sombras, que late nos soños, que case nunca vemos foi substituído polo ratiño de plástico que vive nas mans. Que xoga co dedo índice da man.

Xogando co rato
Comentarios