lunes. 14.10.2019 |
El tiempo
lunes. 14.10.2019
El tiempo

Xogando á ruleta rusa co clima

Miudiña, con coletas, co seu asperger ao lombo, mobilizando á rapazada do planeta ferido: Fridays for Climate. Unha adolescente sueca, Greta Thunberg.

Como a cousa vai a máis, sentada cada venres co carteliño 'Skoltrejk för klimatet' diante do Parlamento en Estocolmo, aparecen brigadas de derribo contra a fráxil icona mundial. Ese think tank de negacionistas vencellado ao conservadurismo na UE e en EE UU, e ao mundo turbio e xigante dos combustibles fósiles que financia a desinformación sobre o cambio climático,

Daquela, lanzáronse contra a diana da rapaciña cunha sistemática campaña de difamación, ou máquina de fango, que tan ben describiu Umberto Eco. 'Greta éche un títere do corporativismo verde', 'Profeta con pantalóns curtos', 'Cebo para atrapar aos críticos coa desfeita climática', 'Rapaza fondamente perturbada'. Esta tropa acomodada e fondamente reaccionaria semella unha manada de hienas acosando á gacela Greta. Non faltan grupos da ultradereita tentando emporcallar a figura mobilizadora. Pero nada frea as marchas multitudinarias que alertan da crise climática e concentran centos de miles de persoas. A revolución da mocidade, contra o inmobilismo dos vellos. A angustia dos máis pobres, contra a cobiza dos ricos. O futuro, contra o pasado.

Todas, todos tentando copar o relato do presente. Así, ata once premios Nobel apostan pola Terra. Rigoberta Menchú pide tres veces perdón: por emporcar a Terra, por non coidala, por destruíla.

Máis de 5.000 actos en 156 países na semana de conscienciación pola emerxencia climática. Alí vimos os rostros da ira dos rapaces. Berran nas rúas e presionan aos gobernos. O seu talón de Aquiles: modos de vida e hábitos de consumo.

Influímos globalmente actuando localmente. A crise climática do fogar compartido con centos de miles de especies animais e vexetais hai que protagonizala na casa de cadaquén e nos hábitos particulares de consumo. Cómpre recoñecer os dereitos da Terra se queremos que siga sendo o planeta verde da vida, azul da auga, sangue da vida, coas cores de arco da vella da biodiversidade. Un fogar fermoso, san, a casa dos seres vivos, o único que temos: 'Non hai planeta B!', berran. Somos a única especie humana que sobrevive a carón de centos de miles de especies animais e vexetais nuns ecosistemas que soportan a urdida da vida. Antropoceno: etapa que define a nosa influencia excesiva sobre o planeta.

Greta Thunberg éche o rostro mediático pero os científicos recordan que levamos anos de retraso. Que os sistemas que sosteñen a vida están fondamente danados. Que insectos, paxaros e grandes mamíferos esmorecen. Que hai países camiño de saír do mapa. Que o noso será dos máis afectados. Que xa non podemos seguir xogando á ruleta rusa co clima do planeta.

Xogando á ruleta rusa co clima
Comentarios