viernes. 10.07.2020 |
El tiempo
viernes. 10.07.2020
El tiempo

E Dylan colleu o fusil

O pasado 27 de marzo, xa en pleno confinamento na maior parte de Estados Unidos, Bob Dylan, con 79 anos, compareceu de novo. Ao seu estilo: sen ruído, sen previo aviso. Coma a balea branca, para despois desaparecer logo do estrondo.

Xa en pleno confinamento na maior parte de Estados Unidos, Bob Dylan, con 79 anos, compareceu de novo. Ao seu estilo: sen ruído, sen previo aviso. Coma a balea branca, para despois desaparecer logo do estrondo. Publicaba unha nova canción orixinal, Murder Most Foul  (O asasinato máis noxento). A peza máis longa da súa carreira (17 minutos) e a primeira en oito anos. Sen vídeo ningún nin máis promoción ca un tweet dende a súa conta oficial: «Pode ser do voso interese», anunciaba. Lembro que a escoitei varias veces aquela noite e tardei en durmir. Apenas tres acordes ao piano cunhas cordas de violín e pouco máis. Penumbra, desolación, nostalxia, crepúsculo. Si. E a súa voz gastada contando en primeiro plano. Pero que contaba? Un talkin’blues —blues falado, coma nos seus inicios— Unha novela musicada? Ou unha canción novelada? Así que erguín de madrugada e comecei a tomar notas. Dallas no ano 63. O asasinato de Keneddy... Nas redes, aínda non había rastro da letra orixinal. Pero sentíase a chamada dalgo transcendente. Coma cando sentes a Johnny Cash sen saber o que di.

Faltaban semanas para asistirmos ás terríbeis imaxes dos enterramentos nas fosas comúns da illa de Hart (Bronx, New York), un lugar inhóspito e deshabitado, propiedade do goberno. Mais Dylan xa anunciaba a traxedia no interior dun tema: "Fillo, a era do Anticristo apenas comezou/ que hai de novo, gatiña? Que dixen?/ dixen que a alma dunha nación foi arrincada/e está entrando nunha lenta descomposición/teño sangue nos meus ollos/teño sangue nos meus oídos".

Axiña se foi debuxando o contido. O centro da canción, ao que alude o título, xira arredor do asasinato de Kennedy durante unha visita a Dallas no ano 63. Un dos episodios máis vergoñentos da historia de Estados Unidos e nunca aclarado de todo. Un tolo? A mafia? O establishment? O Ku Klux Klan? Unha mestura de todo? Posibelmente.

A sombra de Dylan é tan grande que o ruído que xera impide moitas veces ver o obvio. Son moitas as cancións en que fala abertamente de política. Pero a categoría da súa escrita e a súa música transcende o explícito. Ao longo do tempo, a depuración da técnica en todos os planos levouno a unha evolución moi concreta: unha paisaxe musical que tende ao minimalismo e á concreción sintética de imaxes. 

Se o comezo da canción xira arredor de Kennedy nunha brillante sucesión de rimas que nos remiten a un poema pop,  a segunda parte da canción intérnanos na viaxe ao universo persoal do autor. Dylan cita a Wolfman Jack, o mítico picadiscos radiofónico da película American Graffiti (George Lucas, 1973).

E a partir de aí parece que se deixa levar á busca de títulos de cancións, nomes de autores, amizades, palabras e imaxes que mellor sirvan á estrutura da mesma, superando case o cento de referencias. Nina Simone, Ray Charles, o pintor pop e amigo persoal Karl Wirsum, Shakespeare, Etta James, Elvis... Case todos os versos admiten unha lectura literal e un dobre senso bastante refinado: fala do jazz e de all that junks —todos eses ionquis: Thelonious, Charlie Parker, Miles...— e a seguir cita All That Jazz, referíndose ao mesmo tempo a unha das secuencias do musical Chicago.

O fascismo? Trump? O asasinato de Kennedy como aviso? A evocación que segue é tan poderosa que non resiste alomenos unha lectura posíbel

Ao día seguinte, encontrei a letra en inglés. A fotografía da canción estaba completa e o momento non é casual: no medio dunha das maiores crises mundiais da historia, Dylan non perde a ocasión de apuntar á cerna do problema. O fascismo? Trump? O asasinato de Kennedy como aviso? Pero a evocación que segue é tan poderosa que non resiste alomenos unha lectura posíbel: a nostalxia polo pasado, a morte das amizades e das figuras que a través da música e a arte fixeron a nosa vida mellor, o refuxio dos recordos, o único que queda... Onde todo está resolto, ao alcance da nosa man, inalcanzábel ao mesmo tempo. Podes volver pero non podes volver. A matemática dylaniana: un exercicio de consciencia no inconsciente.

Non sabemos se é un testamento, pero quen o escribe sabe ben que tampouco queda moito. A pulsión do esencial. Fala dunha historia que puido ser e que non foi, anulada sistematicamente polo lado máis escuro do poder e que inevitabelmente ten consecuencias no presente e no futuro.

Decidín traducir a canción ao galego, escoller vídeos e contidos que puidesen ilustrar esta marabilla do Premio Nobel de Literatura e subila á Rede. A semana pasada, Bob Dylan acadaba por primeira vez o número 1 nas listas estadounidenses. Moitas voces sitúan a súa canción xa á altura das que o fixeron pasar á historia.  As obras mestras permítennos proxectármonos a moitos lugares distintos. Vomítanse cara adiante e transcenden o espazo e o tempo.

A min leváronme ao verán pasado, a New York. Viamos no horizonte a illa de Hart, a do libro de Mezz Mezrow, ‘Really the Blues’. Alí onde os presos descargaban os mortos non reclamados hai case cen anos; gardaban os dentes de ouro e os aneis dos cadáveres en bolsiñas de tabaco Pall Mall, para o troco e o contrabando. Un século despois é unha azotea triste de traxedia. Pero alí Mezz encontrou, coma Dylan, a música que buscara toda a vida. Amor e perda, vida e dor. Todo no pozo do tempo.

Os tempos están cambiando. Dylan non: "A escuridade e a morte chegarán cando teñan que chegar".

E Dylan colleu o fusil