miércoles. 28.10.2020 |
El tiempo
miércoles. 28.10.2020
El tiempo

Ela tiña a forma da auga

Perderse en Monforte de Lemos pode levar a atoparte con Lois Pereiro ou Mina Loy

Mina Loy.EU ERA UNHA deusa do efémero. Pénsano os poetas namorados e así definiu Deleuze a poesía, como outros falan do amor. Carver preguntábase: "De que falamos cando falamos de amor?" e Los Rodríguez cantaban: "Por qué cantamos canciones de amor? Lo dijo la chica que te dijo que no... No se puede vivir del amor".

Escribo estas liñas namorado, coma Keats, sentíndome coma Jaromir Hladík. El era o autor, tamén, dunha traxedia inconclusa, Os inimigos, da Vindicación da eternidade e dun exame das fontes indirectas xudeas de Jakob Boehme. Sobre todo, era o protagonista dun conto de Borges, O milagre secreto. Algunhas cousas na vida, coma no amor, acontecen coma secretos milagres e está ben que así sexa: o canto do merlo no tellado dun faio, a voz queixosa da cantora, o abanear dun bambán baleiro na aldea da infancia... Hladík estaba igual ca min, a piques de morrer fusilado, non de amor. Pois o editor deste suplemento anuncioume cortés o envío á miña casa do pelotón de fusilamento literario. O delito foi anunciar un artigo pra hai dous días que inda estou escribindo agora. Así que podería aparecer en calquera momento.

Pero namentres non o fan vou falar da poesía e do amor. É nos momentos finais onde se nos rebelan as cousas verdadeiramente importantes. Hai uns días pensei nisto ao perderme no coche polas rúas de Monforte, logo dunha actuación. Dobrei unha esquina e de fronte vin ao Lois Pereiro. Pintárano en xigante ocupando o lateral dun enorme edificio. A chegada da primavera no noso país está ben porque loce o sol e agroma entón toda unha variedade de brancos no pobre bronceado dos transeúntes. Pero ocasiona momentos incómodos á par que habituais, cando bicas alguén no saúdo e chocan unhas Ray Ban contra as outras. Pra evitar ese trance tan snob entre dous Lois, quiteinas eu e entón rescatei do asento do acompañante unhas notas sobre a poesía do Pereiro. Enviáramas por correo Manuel Outeiriño, logo dun acto en Ourense. É un texto do boletín da RAG onde o Manuel repasa o esteticismo e a terribilità na poesía do único Lois memorábel. Reparei nuns versos del, case o derradeiro, da súa Poesía última de amor e enfermidade:

"Déixate devorar por quen te escolla/
agora que es unha luz evadida/
da escuridade que te tiña capturado./
Déixate devorar e impide feramente/
que te volva habitar e te contaxie/
a túa latente sombra irrevocable."

O Pereiro chega neses versos á sinxeleza, nun lugar moi parecido á verdade, como se soubese que presenciaba un intre definitivo. Mais eu vexo tamén neles unha salvación polo amor. É como se a memoria actuase por nós e nos remitise ao verdadeiramente importante.

Pasáballe ao checo do conto de Borges: diante do pelotón do fusilamento, o autor repasa en escasos segundos e con todo luxo de detalles as eivas das súas obras e outros momentos do presidio. Un procedemento que lembrei tamén nos contos de A illa ao mediodía de Cortázar e  en A ponte sobre o río do bufo de Ambroise Bierce. O arxentino fálanos do entresoño dun pasaxeiro no interior dun avión e todo o que acontece nel. Axiña ve unha illa deserta pola ventá, aló embaixo. Ao final, o noso protagonista non está no aparello. É o único supervivente dun avión accidentado, que se estrelou no mar. No conto do Bierce acontece algo parecido: un sentenciado describe a opresión dunha corda na gorxa. Sinte que esta cede e cae ao río. Axiña é quen de chegar á beira e corre cara a súa casa. Alí pode ver a través da fiestra a súa familia. Pero esperta desa visión e está agoniando, pendurado da forca sobre a ponte.

Eu, á única verdade que cheguei foi á de que me perdera en Monforte, mais xurei non contarllo a ninguén. Inspirado polos versos, lembrei unha escena doutro río, o do Sar: unha parella abrazábase á beira da auga. Ela estaba subida nun banco e acariñáballe o pelo. El entregábase ao abrazo por completo, como se chegasen tamén a unha verdade profunda, nese lugar tan rosaliano e baixo a choiva.

Dalgún xeito o amor é coma un combate contra o tempo e contra o esquecemento. Reafirmámonos nunha certeza, talvez das poucas que se poidan obter deste paso polo mundo. Que o amor, malia ser fuxidío, existe, o amor é. E existe tamén pola memoria. A mesma que outros presumen de non ter, cando non saben se foron ás clases ou non, se o máster foi en Harvard ou foi en Aravaca. Que máis ten? A memoria está sobrevalorada, o importante é namorar!

Arthur Cravan medía dous metros, perdeu contra Jack Johnson na Monumental de Barcelona e namorou de Mina Loy, a poeta futurista

Sabíao Arthur Cravan, o sobriño de Oscar Wilde, o poeta boxeador que pelexou contra a realidade e foi talvez o primeiro patafísico. Medía dous metros, perdeu contra Jack Johnson na Monumental de Barcelona e namorou de Mina Loy, a poeta futurista. Antes de se cruzar con ela, xa escribira Maintenant, unha xoia de revista, un milagre de amor pola literatura e en solitario, que lle foi entregando en man a cada un dos membros da Academia Francesa.

Daba conferencias en coiros, embebedábase, pelexaba con calquera e foi recibido en New York por Marcel Duchamp. Pouco se conserva del: algunha imaxe adestrando e estrañas fotos que o confirman como a primeira estrela do rock, trinta anos antes do invento eléctrico. E tamén un libro: o volume epistolar Cartas de amor a Mina Loy, un milagre da poesía. Nel sabemos que se disfraza, por exemplo, de soldado norteamericano pra non pagar o bus en que percorrerá o país. Finalmente establécese en México, onde abre un ximnasio pra impartir clases de boxeo. Mina Loy e mais el están completamente namorados. Pero por algún motivo, non atinan a encontrarse. Ela emprende a viaxe cara á fronteira, o mesmo lugar onde se perdeu Ambroise Bierce. Cando chega alí a poeta, el non está. O último que se sabe é que subiu nunha barca e perdeuse en ultramar.

 Ao fin, na poesía ou no amor, buscamos o que nos falta. Mais é un intento nobre, non coma o dos políticos sen currículo. De cando en vez acontecen a poesía e o amor xuntos, coma no final de A forma da auga, a fábula cinematográfica de Guillermo del Toro. A princesa sen voz afunde sen vida no océano. Tentou por todos os medios salvar a do seu namorado, ese ser estraño e vulnerábel que é coma un divindade das augas. El bícaa na profundidade e ela esperta. Máis nada sabemos. Só a voz do ancián que se pregunta pola fortuna dos amantes e lembra un poema insinuado por un namorado hai miles de anos. No entanto, a descarga do pelotón cae sobre Hladík, o preso checo. Talvez sobre min, agora que petan na porta:

"Non percibo a túa forma e encóntrote arredor de min. A túa presenza enche os meus ollos co teu amor e o meu corazón avergóñase, porque estás en todas partes".

Ela tiña a forma da auga
Comentarios