miércoles. 02.12.2020 |
El tiempo
miércoles. 02.12.2020
El tiempo

Elvis no Inferno

Nick Cave é considerado un dos letristas máis importantes do rock and roll. A medio camiño entre o cabaleiro medieval e o personaxe de cómic, un libro vén de recoller as letras das súas cancións: máis de 40 anos de mística, sombra, sexo, relixión, excesos, tristeza e amor. E a morte de seu fillo.
Nick Cave.
Nick Cave.

SE OS LETRISTAS son poetas, que é entón un poeta? Acaso un home orquestra sen orquestra?
Esta é a pregunta que figura no prólogo de Nick Cave, Letras: Obra lírica completa 1978-2019, publicada por Libros del Kultrum, en edición bilingüe (inglés e castelán). Case cincocentas páxinas que xuntan a obra musical do crooner australiano. Nick Cave —cantante, compositor, músico, novelista e escritor de guións—, naceu en Warracknabeal, en Australia (1957), no seo dunha familia anglicana e lazos moi estreitos coa literatura.

Así se reflicte no texto que inaugura o libro, presentado hai máis de vinte anos en forma de conferencia, A vida secreta da canción de amor. É unha peza inzada de reflexións onde conflúen Auden, a saudade, a conferencia de Lorca Juego y teoría del duende, o salmo 137 da Biblia (Polos ríos de Babilonia, catapultado ao éxito por Boney M) ou Kylie Minogue, exparella de Cave. Pero sobre todo hai unha pluma versada no material que trata, a natureza das cancións de amor. De feito, Cave confesa a súa erotografomanía e conta que un amigo seu, que tamén a padece, chegou a escribirlle 7.000 cartas de amor á súa muller.

Quen asina esta crónica opina que as cancións vencen dalgún xeito a tristeza na que nacen. Atravesan a dor e vencen o tempo. Nun tempo onde as redes sociais borran a nosa percepción do que está preto ou lonxe, as cancións afían o noso sentido da distancia. Paradoxalmente, as primeiras cen páxinas do libro destilan enerxía, surrealismo, iconoclastia, violencia e doses nihilistas. "Menuda puta merda este percal", canta Cave en Big-Jesus-Trash-Can (Cubo de lixo do gran Xesús). En Truck Love (Amor de camión) di: "E baixou Deus e falou comigo/e hostia!, case chorei/ dándolle á manivela/ pisa ben o pedal para os paletos...".

Cave irá encontrando o seu camiño neses anos, entre performances salvaxes, pelexas riba do escenario e tipos mexando onda o guitarrista

Estas primeiras cancións correspóndense co traslado do australiano a Londres en 1980, onde coñece a miseria durante tres longos anos, ademais da heroína e o alcohol. Translocen nas propias letras: "O Señor é o meu pastor, nada me falta/ da boca do val da sombra da morte/ son a súa vara e o seu callao", canta Cave en Empalmado por amor. Cave irá encontrando o seu camiño neses anos, entre performances salvaxes, pelexas riba do escenario e tipos mexando onda o guitarrista para darlle cor ao punteo.

O negativo ten un papel predominante na súa obra e ese trazo é importante na posta en escena. A negatividade dálle a cada un dos seus concertos a categoría de acontecemento. A sociedade dixital da transparencia e o igual elimina a aura e desmitifica o mundo. Porén, moitas cancións, tamén as de Cave, irradian sombra e misterio, acentúan o diferente. "Quéroche contar dunha chavala/ xa sabes/ vive na habitación 29/ riba de min/escóitoa chorar/bágoas cálidas que salpican/ e gotean polas gretas/cázoas coa boca/de ela á eternidade..." Este último verso dálle título a un dos seus mellores discos, From Her to Eternity, co seu primeiro grupo xa extinto e inaugurando The Bad Seeds. Nel inclúen versións de Tom Waits ou Leonard Cohen.

Os 90 coinciden co seu traslado ao Brasil e a paternidade. Dese tempo é The weeping song, un dos ases de Cave para os directos ou Foi na cruz, maiormente escrita en portugués: "Foi na cruz, foi na cruz/ que um día/ meus pecados castigados em Jesus/ foi na cruz/ que um dia/ foi na cruz..." Ambas as dúas están contidas en The Good Son, un dos discos máis importantes da súa carreira. O cancioneiro de Nick Cave durante esta década non perde escuridade mística, pero profunda na súa variedade de motivos e recursos. Aquí as cancións desenvolven unha narrativa, cóntanse historias, hai tiroteos, encontros de madrugada: "Cando chegue á casa/ deixarei a bebida/ cando chegue á casa/ algo comerei/ cando chegue á casa/ quitareime das drogas/ pero agora mesmo/vagabundeo..."

Artur, de só 15 anos, logo de inxerir LSD por primeira vez, caeu por un cantil abaixo nas inmediacións de Brighton e morreu.

As cancións son importantes porque animan o pensamento. E quen pensa ten acceso ao que é completamente distinto. Quen teña presenciado un concerto de Nick Cave comprenderá que hai unha clave en calquera canción: o pouso emocional non necesariamente coincide con cantar ben. Nas súas comparecencias en vivo, dáse unha correspondencia natural entre a actitude escénica e o contido das cancións. De novo, a aura, que é unha manifestación da distancia. Os últimos anos non deberon ser doados para Nick Cave: en 2016, un dos seus fillos xemelgos, Artur, de só 15 anos, logo de inxerir LSD por primeira vez, caeu por un cantil abaixo nas inmediacións de Brighton e morreu.

Pero aínda temos tempo de parar nos últimos 90, onde Cave asina The Boathman’s Call, que inciden nos aspectos biográficos e confesións autorreferenciais. O traballo contén Into my arms, que é unha das cancións máis emotivas do seu repertorio. Os últimos discos conteñen tamén moitas letras de interese que rebelan preocupacións máis complexas, pero tamén a vella pulsión do rock. En Somos caralludos pódese ler: a Wikipedia é o ceo cando xa non queres lembrar. Contra o mundo do exceso de información, onde esta só está dispoñíbel,o cantante reclama os tempos da maduración. O énfase nos tempos distintos que require o saber. E a vixencia do realmente importante, cántao en’ Aparta o ceo’, como se reivindicase o distinto, o valor da negatividade, hoxe que vivimos na proliferación do igual e o cool: "Algúns din que só é rock and roll/ ho, pero chégache á alma/ só tes que seguir empurrando/e seguir empurrando/aparta o ceo".

O final do libro achéganos a Ghosteen, disco publicado en 2019, moi influído pola morte de seu fillo e en homenaxe a el: "O teu corpo é unha áncora /nunca pedín ser liberado/só quero dedicarme a facerte feliz/ ben, só estou agardando por ti/ agardando por ti/ agardando por ti". Nick Cave, cazador de almas roubadas.

Elvis no Inferno
Comentarios