jueves. 26.11.2020 |
El tiempo
jueves. 26.11.2020
El tiempo

O humor na tradición oral

Apareceu Trump no televisor dun bar de Lugo. Declarábase inmune ao coronavirus. Dous vellos observábano impasíbeis dende a barra, dixo un: "O vello contar, contaba morrer". Sorriron e continuaron ao seu.

É PROBÁBEL que querer falar hoxe do humor na tradición oral pareza coma querer andar en carro pola autopista. Sexa como for, parece indiscutíbel que o humor é un trazo característico de boa parte dos nosos contos. Esta peculiaridade nosa, tanto na súa vertente espontánea como na súa manifestación escénica, traduciuse a día de hoxe tamén nunha inxente nómina de narradoras e narradores orais, pertencentes a varias xeracións, incluídas as máis novas. Son elas quen,  sorteando todo tipo de dificultades e contextos adversos, continúan percorrendo bibliotecas, teatros, escolas, institutos, centros culturais, asociacións veciñais, cárceres ou universidades. Espallan, a través da palabra, parte do noso repertorio literario de tradición oral. E tamén a súa calidade humorística.

3000Na sociedade do rendemento, expresión acuñada polo filósofo coreano Byung-Chul Han, onde a persoa de rendemento se abandona á liberdade obrigada ou á libre obriga de autoexplotarse, a palabra oral e o conto reivindican tamén a necesidade da pausa, a interrupción. Pois tamén é a nosa a sociedade do cansanzo. Xaora, o humor é un elemento facilitador nesta ardua tarefa. E existen varios elementos na nosa tradición oral que favorecen a calidade do seu  humorismo. Por exemplo, a asimetría no plano socioeconómico e político que presidiu historicamente as relacións de poder; os contos de tradición oral teñen a súa cerna nas clases populares, na xente traballadora que se reunía nunha pausa da vida cotiá: o relato, a chanza, o sucedido ou a anécdota aparecen no medio dunha malla, nun lavadoiro, recollendo as redes do mar, nunha lareira, tendendo a roupa, cosendo,...

Tamén, a evocación dun mundo eminentemente rural, onde este diálogo se produce tamén a través dunha lingua minorizada e obxecto de estigmas. Non é casualidade que o sentido do humor galego, na súa mellor versión, sexa tradicionalmente un, o que vai de abaixo arriba: aparecen así nesta dirección as chanzas co poder eclesiástico, co caciquil, co poder económico, coa xente que renuncia das súas orixes... E este contexto é o que favoreceu o desenvolvemento de certas sutilezas que hoxe son características das nosas mellores narradoras e narradores orais: os silencios, os dobres sentidos, as chanzas, a fina ironía que é un humor agochado, o certeiro uso da lingua... Certo sufrimento conleva a necesidade dunha mirada crítica e amábel a un tempo sobre a experiencia do mundo e xera un humor moi distinto. Penso que foi Laxeiro, dixo: “Ha, somos un gran país... pero que carallo de xente!". Carlo Ginzburg propuxo a idea de que estar avergoñado do teu país podería ser sinal inequívoca de que pertences a el.

Unha señora xa maior do Courel estaba chorando ao ver arder a súa casa: "Polo menos, se lle ardese aos outros tamén..." Son feitos e sucedidos aparentemente insignificantes, vagas anécdotas; pero que se reiteran a través dunha mirada humorística nos nosos contos de tradición oral. Rebelan, ao tempo, a delicada observación do mundo e a natureza das persoas, sintetizada con humor, no sentido que lle atribuía Celestino Fernández de la Vega, en O segredo do humor: o esforzo por comprender. Non sucumbir á comicidade gratuíta ou á traxedia. E sorrir. Porque froito de quen escoita e comprende, agroma o sorriso, o aceno característico do humor.

É probábel que esta pandemia puxese de manifesto tamén outras enfermidades do noso tempo. A negatividade da sociedade disciplinaria de Foucault xeraba tolos e criminais. A positividade desta sociedade nosa do rendemento e o yes we can xeran depresión e incapacidade para a empatía. Pero na axitación non agroma nada novo. Precisamos tamén parar e degustar o aburrimento. Walter Benjamin chamábao "O paxaro de sono que incuba o ovo da experiencia»".  E probábel que esteamos cansas, pero o cansazo devólvelle o brillo ao mundo. A palabra e o conto de narración oral abren un espazo para a contemplación, a necesidade das persoas de desprendérense do eu e habitar de novo outras vidas, outros mundos, mergullarse en quen temos fronte a nós. Escoitar. A gelassenheit, os tempos mortos dos antigos místicos. O humor é curativo tamén. Talvez nos axude a abandoar certas ideas que hoxe producen estupro: que alguén poida concibir a pandemia como a xustificación da reducción da ética social.

En todo caso, cómpre celebrar o vigor do noso humor e a nosa literatura de tradición oral; maniféstase na actualización constante dos nosos vellos contos a través das nosas voces máis novas, coa súa imaxinaría invísibel de acenos e palabras. Constitúe este un trazo tamén característico da tradición: o da rescrita e a adaptación dos clásicos. A tradición é transmitir o lume, non adorar as cinzas. E só asumir o risco da reinterpretación é ser fiel a este legado; o contrario, é traizoar o propio espírito dos nosos contos de tradición oral.

Na Havana, á saída do teatro, saíu un emigrado felicitar a Castelao polo discurso. E este díxolle: "E... gábasme o discurso e lo’ non me dis nada do traxe?". Fuxir da solemnidade, empatizar cos máis, reencontrarse a través da palabra da outra cun mesmo.

------------------------------------------------------------------
(O sábado día 24 de outubro terán lugar en Lugo as Xornadas de Literatura de Tradición Oral organizadas pola AELG, baixo o título de O humor na tradición oral).

O humor na tradición oral
Comentarios