Opinión

O bardo da zurda

Billy Bragg responde ao arquetipo do cantautor tradicional de esquerda. Nacido nos suburbios de Essex, medrou como cantautor escoitando Dylan e The Clash. Cantou contra o tatcherismo, viviu a miseria e viu a luz musicando o legado do lendario Woody Guthrie onda Wilco. Corenta anos despois, segue en pé de guerra. Publica en Anagrama Las tres dimensiones de la libertad, un alegato pola democracia e os dereitos civís.
BIlly Bragg. ARCHIVO
photo_camera BIlly Bragg. ARCHIVO

COMECEMOS cunha falsa distopía, moi relacionada coa historia que queremos contar: o intrépido filósofo e científico John Galt, dende o seu agocho nas Montañas Rochosas, move os fíos dun movemento clandestino. Son Os Non Saqueadores, emprendendores empresarios e intelectuais que combaten alí onde poden Os Saqueadores: a clase política e os cultos relixiosos. Estes defenden que a actividade económica debe estar regulada e sometida a unha forte imposición fiscal. Pero John Galt, o noso afouto heroe, conducirá finalmente todos os empresarios da nación aos centros de decisión económica, provocando entón a quebra do sistema. Lidera esta rebelión o símbolo elixido por Galt como estandarte da insurrección, o dólar. Así, a súa man invísibel librará os Estados Unidos da ruína do intervencionismo.

Este é o argumento de A rebelión de Atlas, novela de Ayn Rand, autora rusa emigrada a Estados Unidos. A obra é a máxima expresión do que se deu en chamar filosofía obxectivista, desenvolta pola propia autora. Basicamente postula que a realidade —o estado das cousas— só se domina obedecéndoa. Que o propósito moral da vida é a procura da propia felicidade e o único sistema social consonte con este fin é o capitalismo puro —chamado tamén capitalismo laissez- faire (deixar facer)—. Un tal Alan Greenspan foi testemuña da súa escrita, décadas despois sería o gurú dos mercados.

A rebelión de Atlas viu a luz en 1957, talvez en resposta a outra obra distópica duns anos antes, Fahrenheit 451, escrita en 1953 por Ray Bradbury. Aquí o autor pinta un mundo onde os libros están prohibidos. O protagonista pertence a unha brigada dos bombeiros encargada de queimalos. O Goberno considera que ler impide a felicidade ao encher a xente de angustia. Ao facelo, as persoas fanse diferentes, cando deben permanecer iguais na ignorancia.

No ano da publicación da novela de Rand, nace no Reino Unido Billy Bragg (Barking, Essex, 1957), no seo dunha familia da clase traballadora dos suburbios. Seu pai traballaba como subdirector nunha fábrica de gorros e súa nai, de orixe italiana, pertencía a unha familia de froiteiros. O país vive unha época de bonanza económica asentada nas políticas keynesianas, o imposto redistribuídor e o Estado de Benestar. Mesmo o primeiro ministro, o conservador Harold Macmillan, chega a dicir que aos ingleses nunca lles fora tan ben.

Con doce anos descubre a súa paixón pola poesía, incitado por un profesor que o convida a ler un poema da súa autoría nunha emisora da radio local. Co veciño do lado, aprende a tocar a guitarra. Soan os Faces, os Rolling Stones e o skiffle de Lonnie Donegan, co seu Rock Island Line.

A adolescencia de Bragg nos 60 estará marcada por unha crise enerxética mundial


Como agroma nun adolescente a súa vocación de cantautor?

A realidade non é máis cá expresión de fíos invisíbeis e vasos comunicantes que se funden coa vida. A man invisíbel. Sabemos que Dylan é unha das influencias confesas de Bragg. E sabemos tamén que Dylan visitou en 1960 a Woody Guthrie, moi enfermo e hospitalizado en New York. Nese mesmo ano, ve a luz Os fundamentos da liberdade, ensaio económico do austríaco Friedrich Hayek. Nel afírmase que o maior inimigo da liberdade é o regulacionismo dos mercados. O neoliberalismo aínda non ten nome. Pero unha Man Invisíbel, a mesma que defendía outro pioneiro do libre mercado, Adam Smith, xa comezou a moverse. Case vinte anos máis tarde, o libro de Hayek será reivindicado por Thatcher ou Reagan.
Billy Bragg. ARQUIVOA adolescencia de Bragg nos 60 estará marcada por unha crise enerxética mundial que, no Reino Unido, deixa un rastro de fabricas pechadas, a quebra do ferrocarril e o colapso da minaría do carbón, entre fortes disturbios sociais. Deles, entre outras, nace a primeira banda de Bragg, o grupo punk Riff Raff. No mesmo ano debuta The Clash e un ano máis tarde, en abril do 78, Bragg poderá constatar como é posíbel integrar a música rock no movemento político de esquerdas. Será testemuña dun dos entroidos do Rock Against Racism, con concertos ao aire libres para centos de miles de persoas, organizado por varios colectivos onda a Liga Anti-Nazi. Un ano despois, Tatcher, da man dos preceptos de Hayek, chega ao poder.

No 81, Bragg disolve a banda e anda no paro, ingresa no Exército, pero alí só dura tres meses. No 82 bótase á estrada como cantautor, desprazándose en medios públicos. Xa está no mesmo sendeiro que outros percorreron antes ca el. 1931: no mesmo ano que a novelista rusa Ayn Rand obtén a cidadanía estadounidense, un novísimo cantautor e poeta chamado Woody Guthrie atravesa medio país dende Oklahoma até California. Fuxe da seca canda granxeiros e desempregados do Medio Oeste e, fortemente impresionado por esa convivencia, sela a súa adhesión ao movemento obreiro.

En 1983, Bragg grava unhas demos que sairán á venda como elepé, Life’s a riot with spy vs. spy, editado en Charisma Records e colleitando excelentes críticas. Principio del formulario. Antes de acabar ese ano, ficha por Go! Records, situándose no alto das listas independentes e no número 32 das nacionais. Xirará por Europa, actuando para causas benéficas e no 84 é detido por unha sentada anti-apartheid; ve a luz Brewing up with Billy Bragg, o seu segundo álbum. E o terceiro, débelle o seu título a un poema de Maiakovski, Talking with the taxman about poetry (Falando sobre poesía co inspector de facenda).

California Stars. O título que lle dá nome ao disco é o nome da rúa onde vivía a familia de Woody Guthrie en Brooklyn


Acumula éxitos e recoñecementos e cara o final da década, Bragg xa é un personaxe de culto. Cómpre destacar Mermaid Avenue, gravado xunto á banda Wilco, con cancións non editadas do gran Woody Guthrie, entre elas a fermosísima California Stars. O título que lle dá nome ao disco é o nome da rúa onde vivía a familia de Woody Guthrie en Brooklyn, Estados Unidos; unha sentida homenaxe ao pai dos cantautores protesta.


Mais paralelamente a isto, Bragg seguiu gañando prestixio até a actualidade tamén como ensaísta e divulgador, fuxindo de imaxes estereotipadas da estrela do rock —son soadas as súas críticas aos comportamentos filofascistas de Morrisey—. Nun tempo onde cada vez hai máis pobreza, pero a xente ten fartura de conexión —á Rede—, Bragg segue defendendo a importancia dun equilibrio de poder que favoreza o groso da cidadanía.


No auxe do comportamento reaccionario e a moda da guerra contra a corrección política, Billy Bragg defende os valores da sinceridade, a igualdade e a responsabilidade como inseparábeis da conquista da liberdade. Xaora, esta nobreza de pensamento contrasta con tantos pseudointelectuais e artistas por riba do humano e o divino, atarefados nas redes na súa obsesión pola xerarquía e a súa posición nela. Non admiten que se poñan en entredito os seus privilexios e prexuízos. Para eles, a liberdade é un concepto unidimensional e o único importante é defender o seu dereito a expresar unha opinión. Pero esixir que te escoiten ao mesmo tempo que te negas a escoitar non é liberdade de expresión, é ter carta branca para dicir o que queiras sen oposición nin consecuencias.

Cantábao Woody Guthrie en This land is your land: "Mentres estaban alí famentos/ quedei alí preguntando/ esta terra está feita para ti e para min/ cando ía camiñando/ vin alí un cartel/ dicía Sen violación/ pero por outro lado/ non dicía nada/ ese lado foi feito para ti e para min".

A vida xira sempre arredor dunha pregunta: De cal lado estás? Do lado de quen escribe a Historia? Ou de quen a sofre?

Mermaid Avenue. Billy Bragg e Wilco
Unha marabillosa caixa do tempo en forma de letras de cancións escritas polo gran Woody Guthrie na última etapa da súa vida e legadas case corenta anos despois a alguén digno de musicalas. Billy Bragg e Wilco compoñen un disco forte e delicado onde destaca a tristeza nostálxica e luminosa de California Stars

Comentarios