jueves. 22.08.2019 |
El tiempo
jueves. 22.08.2019
El tiempo

O can shakespiriano

Lou Reed foi o enfant terrible do rock durante a segunda metade do século XX. Impulsado por Andy Warhol, completou unha carreira iconoclasta dende o individualismo e a fidelidade case suicida á terna de sexo, drogas e rock and roll. Anthony DeCurtis desvela en Lou Reed: una vida as obsesións e penurias dun xenio que nunca deu o brazo a torcer.

Lou Reed era unha das figuras clave da contracultura da segunda metade do século XX. A súa achega iconoclasta e rebelde ao rock and roll é hoxe celebrada de xeito unánime, pero non estivo exenta no seu día de enormes controversias, todo tipo de críticas atroces e fracasos comerciais. Tildado de visionario, psicópata, xenio, misóxino, ionqui, impostor, maltratador ou ególatra por unha gran cantidade de xente que o cruzou, foi o protexido de Andy Warhol, rompeu unha enorme cantidade de tabúes coas letras das súas cancións e prefigurou o punk. Poeta, cantante, guitarrista e compositor, o seu carácter anárquico e individualista fixo del un artista en conflito permanente con todos: as discográficas, os amigos, as parellas, os músicos, o público... Un detalle: tivo que aturar ata case que trinta sesións de electroshock para curar a homosexualidade cando só tiña quince anos. Nacido no seo dunha familia xudía (Brooklyn, New York, 1942), os pais de Lewis Allen Reed decidiran levar o seu fillo á terapia por sorpresa, convencidos do bo desenlace desta idea, tristemente habitual por aquel entón. Os ataques de pánico e cólera acompañaríano para o resto da súa vida.

Anthony DeCurtis —profesor universitario de literatura, crítico da Rolling Stone e amigo persoal de Lou Reed— traza en Lou Reed: Una vida (Libros Cúpula) un completo daguerrotipo con todo tipo de detalles sobre a figura do músico que quixo ser o Raymond Chandler do rock. Coa mudanza da súa familia de Brooklyn a Freeport —outro suburbio neoiorquino—, chegou a rebelión do Reed adolescente. A ambivalencia no seu comportamento xestárase xa de cativo, froito dunha personalidade excéntrica e propensa ao exceso. E debatiuse sempre entre a ambición por medrar e acadar o éxito e a de frustrar adrede as aspiracións de seu pai. Se durante o día destacaba nos deportes, polas noites incidía en todo tipo de excesos e provocacións.

Namentres os compañeiros devoraban a Playboy, el interesábase polos escritos do Marqués de Sade e cultivou unha querencia moi prematura pola poesía: Baudelaire, Gingsberg e Burroughs, Hubert Shelby e unha figura clave na súa teima por escribir: a do poeta Delmore Schwartz, unha sorte de lenda caída en desgraza, que foi o seu mentor na Universidade de Siracusa. A teima deste era que Reed non perdese o tempo co rock e se centrase na súa faceta como escritor. Pero o seu amor polo doo-wop, o rock e o rythm and blues fixo que montase unha banda con compañeiros da Universidade —xa o fixera no instituto—, aproveitando tamén para cultivar a súa faceta de vendedor de drogas polas residencias universitarias, onde actuaba con certa frecuencia. Así e todo completou os seus estudios con méritos, pero a súa fascinación polos baixos fondos e polas personaxes que os habitaban, fixo que non tardase moito en trasladarse a Manhattan e voar só, onde entrou en contacto, entre outros, con John Cale, un novo músico de vangarda.

Unidos no gusto pola música e a literatura, a afección por todo tipo de drogas foi outro dos seus vínculos: marihuana, ácidos, Benzedrina ou heroína; da súa obsesión por esta última naceu un dos seus clásicos, ‘Heroin’, unha oda ao opiáceo e a viaxe. Tocaban polas rúas do Harlem e pouco despois fundaron a Velvet Underground, proxecto que encontrou en Andy Warhol un dos seus valedores fundamentais. Fusionaron o rock de vangarda coa arte pop e as postas en escena da banda combinaban a proxección das películas de Warhol de fondo, os bailes con látego incluído do poeta Gerard Malanga ou a escenificación de chutes de heroína. Os concertos nas veladas de The Factory —o taller e lugar de reunión do artista plástico e da súa troupe— ou no Max’s Kansas City —outro garito de referencia— valéronlle á banda para facerse un nome na escena neoiorquina, dominada polo ambiente gay e transexual.

A posterior incorporación da artista alemana Nico á banda foi o comezo do fin

Ao tempo, foi unha fonte de inspiración para Lou Reed, que plasmaría en clásicos coma Walk on the wild side,‘Venus in furs ou Sweet Jane moitos dos sucesos e personaxes habituais daquelas noites sen fin. Circo e exceso, surrealismo, sexo e depravación. Intoxicación e un nivel imposíbel de decibelios. Xiraron pola costa oeste, en pleno auxe do hippismo; cancelaron boa parte dos seus concertos. A posterior incorporación da artista alemana Nico á banda foi o comezo do fin. Lou Reed acabou botándoa, preso dos celos pola atención que ela acaparaba. Prescindiu tamén do seu amigo John Cale e, finalmente, do mentor Andy Warhol, que fixera as veces de mecenas e produtor. A partires de aí, sucédense as tentativas en solitario de Lou Reed por acadar o recoñecemento e o éxito que significara para moitos a Velvet Underground, convertida xa para sempre nun grupo de culto. 

A década dos setenta vai unida na vida de Lou Reed ás metanfetaminas e ao abuso do alcohol, pero tamén o achegamento ao glam rock e á colaboración con David Bowie que, convertido nunha estrela, producirá Transformer, un dos seus discos máis notábeis nesta década. Sucédense os discos Berlin e Rock and roll animal, con Lou Reed convertido nun detective do submundo neoiorquino, unha sorte de Virxilio nocturno das metanfetaminas e o coiro. Habitual de todo tipo de antros, desenvolverá o interese por entrevistar e gravar os máis variados personaxes, que non terá reparo en levar á casa con asiduidade. A faceta pública de Reed neste período non axuda moito: as súas pelexas e saídas de ton —case sempre baixo o efecto de todo tipo de drogas— cos entrevistadores acadan niveis lendarios. Convértese nun especialista en suspender concertos, ben por embriaguez, ben por capricho, ou por discutir con parte do público... E chega Metal Machine Music, unha oda ás pastillas consistente en todo tipo de distorsións eléctricas, ruídos e pasaxes inaudíbeis que o colocan como precusor do punk, cando este movemento aínda está a piques de estourar.

 A súa vida sentimental non presenta moita máis orde: ás acusacións da súa primeira muller Betty Kronstad por malos tratos, únese a controvertida relación coa súa segunda parella, Rachel, transexual dos baixos fondos coa que se ve envolto en todo tipo de altercados e rumores, ata que desaparece do mapa en estrañas circunstancias. Mais nos oitenta e da man da súa segunda muller Sylvia, consigue abandonar o consumo das substancias dos setenta. Sucédense entón os seus discos máis celebrados que culminan en New York —que constitúe ademais un enorme éxito de ventas, en contraste co resto da súa obra— confirmándoo como o gran escritor da súa cidade e da súa sombra.

Ao tempo, reúne bandas conformadas por exquisitos músicos coma o guitarrista Robert Quine, quen malia todo non acabará ben con el tampouco. Durante os oitenta implícase nas reivindicacións políticas, inquerido por Bob Dylan. E o tempo achegaríalle tamén outra sorpresa, que dá conta da importancia da súa obra: o movemento político que derrocou o réxime comunista checo e puxo o dramaturgo e activista Václav Havel como presidente de Checoslovaquia chegou a chamarse Velvet Revolution (Revolución de Veludo), pola enorme influenza que a música da Velvet xogou no mesmo. Este detalle sería confirmado polo propio Havel nunha entrevista que lle realizou o mesmo Lou Reed –encargo da revista Rolling Stone-, e que non se puido chegar a publicar polo errático enfoque narcisista do entrevistador. Malia todo, na mesma, o dirixente checo sinala, preguntado por Reed, que "a música por si mesma non abonda, pero pode axudar ao espertar espiritual das persoas". Xa no século XXI afonda noutras disciplinas coma a fotografía ou a poesía, colabora con Metallica e segue xirando con asiduidade por Europa, mesmo participando nun recital de poesía catalá en New York canda Patti Smith e a súa terceira e derradeira parella, Laurie Anderson.

A música e a obra de Lou Reed correspóndense exactamente coa súa aparencia nas lou-reed-passes-away-age-71actuación ao vivo: a permanente tensión e concentración dos seus xestos obedece a unha enorme loita interior, de negación constante e de transformación, debaténdose entre a necesidade por perdurar no imaxinario da cultura contemporánea e a ambición por transitar o camiño do underground, coa sombra de pai sempre de fondo e a pantasma de Delmore Schwartz sempre cerca —Lou Reed afirmou en moitas ocasións que se lle aparecía con frecuencia na casa—.

A publicación completa das súas letras durante a década dos noventa e a aceptación como un escritor de fuste e categoría e o recoñecemento masivo por parte dos seus pares da literatura –incluído Andrew Wylie, O Chacal —amigo personal do artista e talvez o representante literario máis influente do mundo, admirador confeso da obra escrita de Reed— virán paliar, en parte, esta ruta dos sacrificios, sempre cun pé na dor e outro no abismo.

Asentou nunha escrita directa e precisa de letras, combinando tenrura, rabia e dor a partes iguais


A teima por reflectir na súa música o son auténtico e despoxado da cidade e a propia natureza cruenta do mundo é unha xenialidade que asentou nunha escrita directa e precisa de letras, combinando tenrura, rabia e dor a partes iguais. Co tempo, converteu tamén a súa voz errática, envolta en ataques repentinos de ira e volvendo obsoletas e irrelevantes as calidades tonais –saltando notas de xeito consciente- nun perfecto instrumento comunicativo máis aló do obvio. Morreu en 2013, dous anos despois dun transplante de fígado. E cruzou para sempre, a beira do lado salvaxe, coma os "cans shakesperianos" do poema de Delmore Schwartz, envolto no misterio: "Cans shakesperianos, nenos estraños/ Que Freud e Wordsworth discutan sobre este neno/ que anxos e platonistas xulguen o can/ o can que corre, detense, nariz distendida/coma se entendera o vento e a chuvia/ E ti tamén Wordsworth: están os nenos de veras cegados pola gloria, son expertos na escura Natureza?".

O can shakespiriano
Comentarios