Opinión

O sangue da tristeza

Chet Baker foi o enfant terrible do jazz. Afondou coma poucos na autodestrución e só encontrou repouso na heroína e na música. A sombra oculta tras un rostro anxelical e un talento desbordante, agochaba un misterio de malleiras na infancia, soños rotos e a pulsión enfermiza por ser coma os seus ídolos do bebop

Chet Baker

XULGADOS DE Lucca (Italia). 1961. Un fiscal, visibelmente anoxado, interpela a berros o acusado, no medio dun xuízo. Este escóitao con desgana, con aceno ausente, mirando o letreiro que reza na parede, La leggue e iguale per tutti. Debera. A heroína non.

—Cara de anxo, corazón do demo! 

A quen se dirixe é a Chet Baker, o enfant terrible do novo jazz norteamericano, xulgado por uso ilegal de receitas médicas. A entrada do rapaz de pel pálida e traza de actor de Hollywood no Palacio de Xustiza da cidade italiana non dista moito das súas entradas triunfais no Birdland, un dos locais míticos do jazz en New York; asínalle autógrafos ás fans a través das rexas das fiestras, sorrí de esguello para os fotógrafos. Dese aceno insinuante e sedutor, tivera a culpa unha pedra que un amigo da infancia guindou contra un farol; rebotou contra a súa boca e fíxolle perder un dente. O dente perdido limitou a súa amplitude de rexistro. Pero tamén axudou a que desenvolvese unha técnica moi particular. 

Para un anxo do inferno, o inverno é o palacio e a Chettie cáenlle quince meses de prisión. A gloria cuspirá soidade, só interrompida polas cartas, moreas de libros e revistas Playboy que lle envía Carol, unha noiva de entón, e os laios de Halema, a súa muller, ao outro extremo do patio do cárcere, tamén condenada por tráfico de drogas. Ás noites, Chet xoga ao xadrez cun iugoslavo co que restaura libros no taller de encadernación. Para combater o mono da heroína, devora os libros de madrugada. Recibirá a visita no cárcere dun produtor italiano interesado en levar a súa vida ao cine. O músico acepta a proposta, coa condición de que lle deixen encargarse da banda sonora. Non lle será difícil: neses meses de cadea compón 32 cancións. Mais non volve saber nada do produtor. A posta en liberdade é un acontecemento; nada máis saír, recibe varios anticipos dunha discográfica interesada no material que compuxo. Coa recadación, merca un flamante Alfa Romeo SS e algo de heroína para celebralo. Contrata dous músicos enganchados ao cabalo e grava un disco en Milán. Actúa nun filme titulado Ulatori alla sabarra. O papel é doado, só ten que facer del mesmo. Asinte a todo o mundo e durme; cando esperta interpreta unha canción ou pasea en Vespa por Roma. Nos seus diarios deixa escrito que 1961 é o ano en que comeza a escoitarse música eléctrica en Roma. Fala de poetas con frautas e tambores que recitan á porta dos restaurantes.

1929. No ano da Gran Crise, un día despois de que Fleming inventase a penicilina —realmente o que fixo foi observar que as bacterias non medraban arredor do mofo dun cultivo bacteriano seu— e de que Trotsky fose expulsado da Unión Soviética, nacía en Yale (Oklahoma), Chesney Henry Baker Junior. No jazz, son os anos de declive do estilo New Orleans. A partires do 35 a aparición da gravación eléctrica e da radio daralle un impulso sen parangón á música popular. Soan nas ondas os discos de Duke Ellington, Count Basie, Chick Webb, Cab Calloway,... A banda sonora das malleiras de seu pai ao pequeno Chet, de corpo fráxil e mirada perdida.En 1940 a familia múdase á Costa Oeste atravesando a Ruta 66. En Los Ángeles, nun almacén da Ymca, o rapaz comeza a executar melodías de oído nun vello piano de parede e canta os éxitos que escoita pola radio. Na escola saca boas notas, malia que comeza a ter problemas co resto de rapaces; métense con el polo seu aspecto infantil e a súa fraxilidade física. Tampouco axudará que a nai o poña a cantar algunha noite en público nun dos restaurantes en que traballa. Chámanlle maricón. A rabia comeza a agromar e á mínima comeza pelexas cos outros que rara vez gañará.

No instituto non precisa partituras. Abóndalle con escoitar unha canción dúas veces para reproducila

No ano 43, comeza a ruptura no jazz, dominado ata entón por, entre outros, Coleman Hawkings. Melodías redondas e cálidas. Pero é nese contexto onde Lester Young abre unha fenda: fraseos entrecurtados no medio de melodías aparentemente baleiras... De súpeto irrompen Dizzy Gillespie, Kennie Clarke, Charlie Parker ou Thelonious Monk —que botará dous anos no cárcere por asuntos de drogas, tocando un piano imaxinario sobre a madeira dunha mesa—. Nace o que os impostores chaman bop e esa música inunda a imaxinación do adolescente Chet Baker. No instituto Glendale cursa estudos musicais, pero axiña se aburre de estudar partituras que non precisa. Abóndalle con escoitar a canción un par de veces para comezar a reproducila na trompeta. Axiña a improvisación. 

O bop parece máis unha invención dos xornalistas ca outra cousa; co bop catalóganse cousas que os xornalistas non poden etiquetar doutro xeito. A confusión é un elemento moi apreciado no gremio: permítelles disimular a ignorancia sobre algúns dos temas que tratan. Obviamente todos os nosos amigos son a excepción a esta norma! Malia todo, diremos que esta xeración de anovadores cultiva a tradición do jazz recorrendo en especial ao blues. Introducen desviacións e variacións harmónicas a partires das convencións do xénero e, a partires dos ritmos creados pola sección rítmica, introducen outros novos. Chettie comeza a ir tamén ao seu ritmo: convértese nun consumado especialista en roubar gasolina cunha goma. Outras formas da melodía e as primeiras experiencias de intoxicación coa inhalación do carburante. 

A falta de máis ideas, decide alistarse no exército no ano 46. A súa última noite antes de partir ten un encontro sexual con Gloria, a súa noiva de entón. O dato ten máis importancia da que parece. A descrición dese encontro converterase nun elemento recorrente na vida de Chet Baker, que adornará unha e outra vez de detalles inventados: a rapaza deulle unha foto e bicouno e saíu correndo do coche coa luz da lúa escintilando nos seus cabelos... A habilidade para converter a realidade nun conto de fadas, do mesmo xeito en que persuadirá ao seu favor os obxectivos das cámaras anos despois.

1947. Chet Baker é destinado a Berlín. Entre a neve contempla a cidade destruída, que se repartiron os rusos e os americanos. Mulleres rusas deambulan arrastrando os pés polas zonas bombardeadas, recollendo escombros e cargando ladrillos con pas. Enrólase na orquestra do exército e practica coma nunca. Polas revistas de jazz, a Downbeat e a Metronome, coñece os astros do momento: Shorty Rogers, Art Pepper, Al Porcino... Ao ano seguinte está de volta en Estados Unidos. Entra en contacto cos músicos do bebop e frecuenta os traficantes de marihuana. Comeza a despuntar nas jam sessions do Showtime e un tempo despois chega o episodio con Charlie Parker. El dirá que foron chamados todos os trompetistas de Los Angeles e que Bird elixiuno nada máis escoitalo tocar; a verdade é outra, foi chamado Baker só por referencias que Parker xa tiña sobre el. A partires de aí, e axudado polas fotografías que se publican das súas primeiras gravacións, a figura de Chet Baker non fai máis ca medrar, entre o receo da meirande parte dos músicos negros; agás Dizzy Gillespie, quen sempre tratará de axudalo. É elixido pola Downbeat o trompetista máis influínte do momento, por riba de Miles Davis. Canda Gerry Mulligan, forma un espectacular cuarteto co que a lenda inda medra máis. Volve ao Exército, proba a heroína nunha casa duns amigos músicos e xa nunca abandonará a escuridade, recibe unha malleira onde perde varios dentes. Veñen os discos onde brilla a súa voz —fráxil, doce, delicada— e o seu discurso diferente nos fraseos, breve e minimalista, inconfundíbel. Italia e a fama. O cárcere. De volta na casa, traballa durante meses nunha gasolineira de sol a sol. Trasladarase a Europa, onde vivirá de forma errante, entre París, Londres e Amsterdam, permisiva no relativo ao sexo e as drogas. Durante os anos 60 grava a súa mellor música e desafía os tratados de anatomía, coa súa resistencia á heroína, entre escándalos, mulleres abandonadas, fillos sen pai, amigos mortos por sobredose en habitacións de hoteis, detencións e infelicidade. My funny Valentine...

1988. Amsterdam. Un corpo sen vida xace no medio da beirarrúa, ao pé dun hotel. Identifican o protagonista de Let’s get lost, o documental de Bruce Weber. Caeu pola fiestra, pero o oco é demasiado pequeno para un accidente. Na habitación, sobre a cama, o kit de viaxe dun drogadicto e a trompeta no seu estoxo. A dureza do diamante, ao igual cá da vida, descóbrese no camiño. Born to be blue.

Comentarios