jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

O son do Doutor Perro

"Showtime! Señoras y señores. Ladies and gentlemen, público amable, amable público, pueblo de Cuba, la tierra más hermosa que ojos humanos vieran, queridos concurrentes, perdonen un momento mientras me dirijo, en el idioma de Chakespeare, en english, me dirijo a la selecta concurrencia que colma todas y cada una de las localidades de este emporio del amor y la vida risueña. Heat. And when, ladies and gentlemen, I mean heat is HEAT! Estimable, muy estimado, estimadísimo público, ahora para ustedes una traducción literaria. Esto es el Tropicana!"

QUEN ASÍ falaba no preludio de Tres tristes tigres, era Cabrera Infante por boca de Benny Moré, na súa novela fundamental. Benny Moré era un cantante e compositor cubano que destacou especialmente no mambo, o bolero e o son montuno. Hoxe todo o mundo celebra a súa figura. Tamén as de Compay Segundo, Omara Portuondo ou Ibrahim Ferrer, entre outras, asociadas no imaxinario ao fenómeno do Buenavista Social Club. Pero un lustro antes diso, un estudante de Filosofía nacido en Zaragoza fixo que sucedese algo non menos importante. Na década dos 80, estes magos da música cubana permanecían practicamente descoñecidos para certo e atribulado público da península, cativado polas músicas e os ritmos anglosaxóns revestidos —non sen dificultade— de letras patrias e analxesia posmoderna. Desiguais improvisacións ao ritmo da Movida. Os ecos da música caribeña chegaban dende New York envoltos na etiqueta xenérica da salsa, con frecuencia repudiada pola suposta modernidade.

Algúns anos antes do fenómeno Buenavista, unha das figuras máis celebradas do rock en castelán e líder de Radio Futura, o músico, escritor, cantante e filósofo Santiago Auserón (Zaragoza, 1954), emprendera xa no 84 unha primeira viaxe musical e vital a Cuba. A partir do 89 iniciou alí un traballo máis sistemático. Con el, cambiaría a súa vida e axudaría a transformar a relación do público peninsular coa música cubana, achegándolle boa parte do legado das principais figuras do son, nacidas co século XX. Isto implicaba que aquela xeración cubana —coetánea das figuras pioneiras do blues norteamericano e cunha orixe labrega compartida— era a potencial transmisora de toda unha tradición musical e oral do século XIX. A curiosidade polo son cubano de Auserón, posteriormente coñecido como Juan Perro, naceu dos problemas que el e os grupos de entón encontraban para encaixar o verso cantado en castelán sobre os ritmos sincopados de procedencia afronorteamericana, propios do blues e do rock.

 Esta extraordinaria aventura musical traduciuse nun disco magnífico, Semilla del son (1991), unha antoloxía de música cubana froito do traballo de recollida e pescuda do artista. Soarán nel o Trío Matamoros, Faustino Oramas El Guayabero, o incendiario Arsenio Rodríguez, Celina González, ou o Septeto Nacional, ademais do xa citado Moré. Por moi pouco, non entrou naquel disco o Chan chan de Compay Segundo e Elíades Ochoa, gravado canda o Cuarteto Patria. Esa gravación aterrou en Madrid  só uns días despois da presentación do proxecto na Sala Sol. Co mesmo nome, editouse bastantes anos despois Semilla del son, un opúsculo escrito por Auserón para un encontro anual sobre a canción cubana. Agora, en 2019, vén de publicarse na súa versión estendida, Semilla del Son, Crónica de un hechizo (Libros del Kultrum). Quen aínda non coñeza a faceta ensaística e literaria do Auserón, encontrará aquí unha grata sorpresa: na súa figura conflúen de xeito harmónico a ledicia vital e sentido do risco propios dun roqueiro, co profundo coñecemento e erudición dun verdadeiro musicólogo. Todo, presidido por unha escrita que combina o rigor, elegancia de estilo con deixes do castelán vello e un notábel sentido do humor. O libro arranca co encontro na Habana, en 1932, de Ignacio Piñeiro —pioneiro do son— con George Gershwin. Catro anos antes, o Trío Matamoros (La cocainómana, Tú verás) comparecera en New York e algo máis tarde, a influenza cubana manifestarase na cidade do bebop e do latin jazz.

Conta Auserón que o mambo, o cha cha chá e o bolero foron as expresións en que a música cubana chegaba habitualmente á Península. Facíao a través da radio, o cinema e as salas de baile. Os grupos españois dos 60 (Los Salvajes, Lone Star, Los Brincos) enfrontaron un problema de difícil solución no seu momento, resolvéndoo en moitas ocasións con certa brillantez: facer soar con naturalidade e fluidez o castelán —lingua romance— nos ritmos do rock. Mais con frecuencia, o predominio de palabras graves do castelán chocaba abrutamente coa urxente rítmica afroamericana. A solución soaba moitas veces forzada e fóra de lugar —Bruno Lomas, co seu quedaté—. Porén, o son cubano ofrecéralle naturalidade e fluidez ao castelán na súa relación coa polirritmia africana, na dición, nos xiros e usos da linguaxe versada. A este respecto, Auserón é tamén autor dun libro que intitulou El ritmo perdido, sobre el influjo negro en la canción española (Península, 2012), onde se analiza a longa viaxe do tango africano ata o sur da Península: o xeito en que ao longo dos séculos se mestura coas manifestacións musicais ibéricas, ao tempo que viaxa camiño de ultamar, cara ao continente americano, seguindo os fluxos migratorios da escravitude negra. O libro é axeitado para confirmar que, se existe algunha unidade de destino na Península, esa é a mestura, o contaxio, o entendemento como superación do conflito. A propia evolución das linguas e das culturas, tamén a da música, é un proceso moito máis poliédrico.


Juan Perro lévanos dun estremo ao outro da illa, da Habana a Holguín, de Siboney a Guantánamo e, na busca dos seus heroes

Semilla del son, crónica de un hechizo é un libro de viaxe, un diario venturoso, unha acta notarial e noctámbula dun momento histórico onde unha estrela do rock, camiño dos corenta, sae ao encontro, unha por unha, das grandes figuras esquecidas do son cubano. Pero é moito máis, case un destino vital. Relaciónanse aquí, por exemplo, as improvisacións dos Himnos homéricos coas dos decimistas cubanos. O son, no seu formato clásico dos anos 20, estaba formado polo contrabaixo, o tres, a guitarra, o bongó alternando co cencerro ou choca, maracas e clave. Despois viría a trompeta para a formación dos septetos.

O libro de Auserón conta cunha impagábel galería fotográfica, pola que desfilan ademais del, os principais protagonistas da aventura: El Guayabero, Omara Portuondo, Pancho Amat, Tata Güines e moita outra xente. Neste proceso de procura, Auserón contou coa inestimábel axuda do poeta e periodista musical cubano, Bladimir Zamora, un cómplice da súa quinta. Especialmente emocionante resulta a parte dedicada a Compay Segundo.

Juan Perro lévanos dun estremo ao outro da illa, da Habana a Holguín, de Siboney a Guantánamo e, na busca dos seus heroes, intérnanos nas madrugadas de aprendizaxe e celebración, nos amenceres caribeños, nas tabernas e nas rúas cubanas, cos discursos de Compay e os consellos sobre o ron ou o mellor xeito de tocar o harmónico –instrumento inventado por el mesmo-, confesións e cartas manuscritas do Guayabero. Coma nun argumento de Graham Greene, intúense as sombras dos americanos David Byrne e Ry Cooder, que aparecen e desaparecen nesta historia ao xeito da guerra fría, polas dependencias da Egrem, a Empresa de Grabaciones y Ediciones Musicales propiedade do Goberno cubano. Ían á caza das vellas gravacións, movidos talvez por outro tipo de fins, sexa como for... Anos despois Buenavista Social Club acadará dimensións planetarias. Pero este libro de Auserón constitúe unha obra que vibra plena de vida, quer polo contido anecdótico, quer polo coñecemento e a ansia de aventura. Neste sentido, é un traballo literario que segue fiel o espírito do rock. O código que transcende o musical, situándose na ansia por coñecer, na transformación artística, a procura da propia identidade musical. Para Auserón e Radio Futura, resultou case imposíbel non decantarse cara os ritmos cubanos, que se manifestarán tamén aos poucos nas letras e que serán o piar sobre o que evolucione a carreira posterior e en solitario de Juan Perro.

Acompáñano ademais, a estética a medio camiño entre o sonero e o bluesman

O libro contén pasaxes marabillosas e desbordantes, coma as visitas continuadas ás adegas do hotel na busca de ron e cervexa que contribuísen a facer aflorar a memoria. E as memorias de romántico do Compay ou onde o maño e os seus compañeiros escoitan nun radiocasete, nada máis chegar a Playas del Este e por vez primeira, unha cinta do Guayabero ‘Sones del humor popular’. Como frotar a lámpada e facer aparecer o xenio. Noutras páxinas recibe clases de ilustres do tres, como Beby, un clásico da Casa de la Trova, que mesmo o inicia no código tresero,  ao respecto do mellor xeito de comparecer en escena diante das mulleres. E queda inmortalizado un xenial encontro de dous xigantes da poesía cubana, Gastón Baquero e Eliseo Diego; ideoloxicamente nas antípodas, pero unidos polo amor á palabra.

Resultan emocionantes as primeiras visitas das grandes figuras do son á Península. Auserón provoca a mestura deles coas mulleres e homes dos grandes clans do flamenco en sucesivos encontros por terras andaluzas. O receo inicial e a distancia. Finalmente, a festa e o entendemento.

Santiago Auserón ten hoxe 65 anos. É un exemplo feliz e singular do artista ecléctico e libre, onde se integran e flúen naturalmente o rock —Joe Strummer(The Clash) viviu tres meses na súa casa—, o blues e a música sureña —tamén fixo exploracións no Mississippi e New Orleans—, o coñecemento —foi alumno de Deleuze en París e é doutor en Filosofía—, o coidado da lingua —posúe un dos cancioneiros máis interesantes da música española e é autor de La estatua del Jardín Botánico—, o coñecemento da tradición cubana —hoxe é unha figura respectada polos herdeiros desta música—, asimilando con excelencia o canto e a execución á guitarra dos mestres do son. , o carisma nas actuacións e comparecencias públicas e un áxil dominio do discurso. Cómpre subliñar que cultivou sempre unha especial relación coa música galega, entre outras músicas. Auserón foi un dos artífices do descubrimento de figuras coma Sés, hoxe celebradas en todo o país. E tamén foron habituais as súas colaboracións con Uxía ou Fran Pérez Narf, no seu momento. A estes dous e ao seu disco Baladas da Galiza Imaxinaria, dedicoulles Auserón unha crítica que debera ser de público coñecemento porque estamos demasiado acostumadas a non valorar a tempo as cousas que fan as nosas mellores mentes creadoras.

No entanto, o Doutor Perro ábrenos esta porta en forma de libro aos balcóns do Caribe. Alí onde se funden os pregóns de Benny Moré co ruxe-ruxe de Ibrahim Ferrer e Bruca Maniguá,  laios de Omara Portuondo e a perna de pau do Guayabero. Solpores nos tellados e terrazas da Habana na Triloxía de Pedro Juan. E Compay canta interminabelmente Guantanamera: «¡Qué buenos zapatos llevas, Santiago!»

O son do Doutor Perro
Comentarios