lunes. 13.07.2020 |
El tiempo
lunes. 13.07.2020
El tiempo

A revolta do lixo branco

A fins dos anos 60, os Youngs Patriots se uniron aos Panteiras Negras e aos portorriqueños Young Lords para crear unha Fronte Unido contra o Fascismo. Máis tarde, fundaron Rising Up Angry (1969-1975), unha organización revolucionaria. La Felguera publica 'Sucios, grasientos, rebeldes. Una revolución greaser'. Lois Pérez comenta o libro

Joanne Little. EP
Joanne Little. EP

"ESCOITÁDEME ben. Vou dicilo. Apagade as gravadoras. Escoitádeme ben aí fóra, fillos de puta. Liberade a Huey! E poñede de fondo a Johnny Cash, porque Johnny Cash está a dicir a fodida verdade". Quen así se pronuncia entre os aplausos da multitude viste unha cazadora coa bandeira confederada, lentes de sol e boina negra. Chámase William Fesperman, O Predicador. É o líder dos Young Patriots, unha banda urbana de Chicago. Acaba de falar para máis de 40.000 persoas, na Conferencia Nacional por unha Fronte Unida contra o Fascismo, que tivo lugar en Oackland (California) en xullo do 1969, hai 50 anos. Pide a liberación de Huey P. Newton, un dos fundadores dos Black Panthers rodeado de negros uniformados pertencentes aos Panteiras Negras. Son activistas portorriqueños, membros do Movemento Indio Americano ou líderes estudantís do Movemento para unha Sociedade Democrática. Así que nese momento histórico onde máis de medio cento de colectivos debía decidir entre o marxismo e Johnny Cash, os alí presentes optaron pola segunda vía: improvisación e rebeldía.

Un ano despois da actuación de Johnny Cash na prisión de Folsom, o mundo parece rebentar, non só en París. Estados Unidos está envolto nunha espiral de violencia e asasinatos, incluído o de Malcolm X e Marthin Luther King. A guerra do Vietnam contamínao todo. As cidades arden entre fortes disturbios e abusos policiais. O país desángrase pola vulneración dos dereitos civís e as fortes desigualdades sociais. O rock and roll responde tamén a ese desespero: unha marabillosa explosión de ruído que reflicte o panorama urbano, a industrialización e os anhelos de desexo e liberación da xuventude. A periferia das grandes cidades da Costa Este —New York ou Chicago, pero tamén Boston e Philadelphia— concentra a poboación marxinada, fundamentalmente a inmigración europea —italiana e irlandesa—, así como suramericana. E o chamado despectivamente white trash ou lixo branco: os inmigrantes brancos chegados dende Apalacchia, unha das rexións máis pobres, no sur do país, dominada polas eléctricas e as empresas do carbón. Chegaran á Zona Alta de Chicago anos atrás a través do que se deu en chamar a Autopista Hillbilly. Nese ambiente de marxinación aquela xente cultivara o amor polas armas, escoitaba country e rock and roll, amaba as motos e vestía impecabelmente. A brillantina no alto do topete, ben ergueito para non defraudar e o peite no peto da chaqueta para despois do baile. As mans aínda cheas de graxa logo de traballar todo o día no taller. No imaxinario colectivo describíanos como contrabandistas de whisky e expeditivos nos conflitos. "Para que discutir se podes pelexar?".

Chicago é unha cidade dominada por bandas, grupos parapoliciais, violencia e rock and roll e, de fondo, a corrupción política. A policía practica a extorsión, as detencións arbitrarias por motivos racistas e o asasinato. A alcaldía e a fiscalía serven aos grandes intereses empresariais; queren expropiar os terreos dos barrios do norte para actuacións urbanísticas... Mais acontece un fenómeno insólito: a toma de conciencia de clase entre algunhas das bandas con máis traxectoria. Tomando o exemplo da banda neoiorquina dos Motherfuckers —un conxunto urbano con análise política—, varias bandas coma os Young Lords ou os Young Patriots forman os Stones Revolutionaries Greasers. E de aí xurdirá a Rising up Angry Org, unha organización revolucionaria de ideoloxía socialista, que colabora cos Panteiras Negras. Decláranse fartos das guerras de bandas, do racismo e do machismo. E publican un xornal co mesmo nome. Alí sucédense as crónicas dos maltratos por parte da policía, usualmente chamados "porcos" —termo que fan extensivo ao poder establecido: Nixon, alcalde, fiscal e grandes empresarios—, crónicas de concertos de Chuck Berry, actualidade das bandas, literatura e poesía, pero sobre todo manifestos de enorme carga reivindicativa e política, que conteñen pasaxes de gran beleza e espontaneidade: "Nosoutros, o pobo fermoso, poboamos o planeta. Somos de todas as formas, cores, tamaños e idades. Somos as verdadeiras gobernantes e os supostos líderes levan tempo de máis manexando o cotarro. Acabóuselles o choio. Estámonos unindo. Perténcennos as rúas, os parques, os lagos, o ceo. Somos novos e fortes, os únicos que podemos fodelos. Amamos, loitamos, bebemos, creamos e a terra perténcenos. Que lle dean polo cu a toda esa merda de pelexarmos entre nós. Identifiquemos o verdadeiro inimigo. Temos que amar a nosa xente, a nosa terra. Avancemos ata recuperar o mundo e a lúa. É noso, fillos de puta, e imos recuperalo!".

Fundan gardarías autoxestionadas e comedores comunitarios, centros médicos atendidos por voluntariado e crean xardíns e centros culturais

Polo mesmo xornal sabemos da súa primeira voda revolucionaria. A irmá Lisa Stormy e o irmán Michael foron unidos polo pastor revolucionario da organización. A irmá Lisa compareceu ao enlace sostendo nas mans un rifle de asalto, que simboliza a vontade de loita da tribo. Cando remata a cerimonia, a música dos Stones retumba a toda hostia co seu "todos precisamos alguén en que poder apoiarnos".

Mais a actividade cívica destas bandas e da Rise Up Angry Org é variada e intensa: fundan gardarías autoxestionadas e comedores comunitarios, centros médicos atendidos por voluntariado e crean xardíns e centros culturais nos lugares onde ameaza a pantasma da especulación urbanística. Participan en concentracións e manifestacións e si, teñen lugar altercados violentos coa policía; nesta xeira de activismo haberá bastantes mortos e asasinatos, moita dor e perda na persecución do soño utópico, aquel que incluía no ideario doutra organización coma os Panteiras Brancas a legalización do LSD e a práctica do sexo libre nas rúas. Así e todo, organizan os movementos estudantís dos institutos e desenvolven unha continuada actividade de concienciación social, promovendo o entendemento entre as bandas e desterrando a violencia entre iguais; paradoxalmente, defenden a imprescindíbel posesión de armas para combater os abusos dos opresores... A presión gobernamental, o afogo económico, as drogas, o feble da súa organización en constante cambio nun clima inestábel, debilitaron a forza desta inédita alianza multirracial entre bandas de greasers, rockers e toda sorte de desherdados. A brillantina revolucionaria. O paso do tempo. Máis o espírito do seu movemento contestatario segue vixente na actualidade, moi presente na resposta aos graves incidentes xenófobos de Charlottesville, cando Trump lexitimou os movementos supremacistas.

Nun dos últimos números do Rising Up Angry, do ano 1975, aparece unha carta dunha muller negra, recluída nun Centro de Rehabilitación para Mulleres, dedicada á poeta e activista Joanne Little —un fito na loita feminista: foi a primeira en ser absolta polo uso da forza para evitar unha agresión sexual en defensa propia—. É quen lle serve de inspiración para vencer o desacougo. Grazas ao seu poema. "Eu son alguén: pode que hoxe estea afundida/pero eu son alguén!/pode que me consideres o máis baixo da terra/pero eu son alguén!/Cada día sinto a perda e a dor no máis fondo/pero eu son alguén!/Porque ao final verei a luz e a liberdade/ eu son alguén!" Se algunha vez alguén, nalgures.

A revolta do lixo branco
Comentarios