lunes. 06.07.2020 |
El tiempo
lunes. 06.07.2020
El tiempo

Un dos seus

Martin Scorsese desenvolveu, paralelamente ao cine, unha intensa actividade como documentalista. A música, a literatura, a súa cidade ou o propio cine que o marcaron son os temas fundamentais que aborda neste xénero

Martin Scorsese
Martin Scorsese

MARTIN Scorsese (Queens, New York; 1942) foi dende o comezo un adicto ao cine. Criouse nunha familia de orixe italiana, devotamente católica —seu pai era pranchador de roupa e actor, e súa nai, costureira e actriz—. El afirmou algunha vez que "igual que para a heroína, a única cura que ten o cine é máis cine". E isto tivo orixe no libro Historia ilustrada do cine de Deems Taylor, que incluía fotografías en branco e negro que o neno Scorsese non cansaba de revisar unha e outra vez. Acudía á Biblioteca Pública de New York para lelo porque non tiña diñeiro para mercalo. Tanto se obsesionou que acabou por roubar varios daqueles fotogramas. Como era asmático e non andaba para moito deporte, seus pais levábano con frecuencia ao cine. E foi Duelo ao sol, de King Vidor, interpretada por Jennifer Jones e Gregory Peck, a primeira película que o marcou para sempre. Corría o ano 1946 e Scorsese tiña catro anos: a explosión de cor raiando o delirio, os disparos, a intensidade salvaxe da música, a sexualidade explícita... A calidade alucinatoria das imaxes fixera o seu efecto e non houbo marcha atrás.

Mais, canda este mito da orixe, van ser determinantes o talento e a continua curiosidade de Scorsese polos cineastas precedentes, que se vai ir manifestando implicitamente en todas as súas películas; de xeito máis explícito, nas súas películas documentais. Antes, no instituto debatiríase entre o sacerdocio e o cine, pero a negativa da universidade xesuíta local a aceptalo decanta o seu camiño cara os estudos de Literatura Inglesa na Universidade de New York, que o levará a completar alí os estudos de cine. Comparte aulas con Harvey Keitel, iniciando os dous unha grande amizade que continúa na gran pantalla cun dos primeiros éxitos cinematográficos de Scorsese, Malas rúas (1973). Keitel interpreta a Charlie, un rapaz de Little Italy que ao comezo da película acude á igrexa para queimar os dedos nos cirios e poder imaxinar o lume do inferno. Coma se fose un transunto do propio Scorsese, aparécenos un home cinéfilo, seminarista e aspirante a mafioso ao mesmo tempo, preocupado pola deriva do seu amigo Johnny Boy (Robert de Niro).

Se a fronteira entre a ficción e a realidade constitúe un debate sen fin no mundo do cine, esta fronteira é esquiva, fuxidía tamén no cine de Scorsese. As súas ficcións aparecen frecuentemente ‘contaminadas’ de elementos realistas. Hai unha intención de veracidade por parte de Scorsese: letreiros cronolóxicos, fragmentos reais de informativos ou xornais, arquivos radiofónicos, películas caseiras dos protagonistas, inserción de imaxe amateur tomadas sen iluminación ou sen trípode, cores degradadas, saltos de continuidade... Todos estes elementos resaltan a querencia de Scorsese polo xénero documental. De feito, participará como adxunto á dirección, encargándose da montaxe, dalgunhas películas documentais sobre o mundo do rock; no documental Woodstock: 3 días de paz e música (1970), onde se reflicten as ansias de experimentación e de liberación sexual de toda unha xeración —aínda que quen máis se liberou e experimentou foi quen asistiu, xaora—, ao tempo que quedan inmortalizadas algunhas das grandes e efémeras figuras do rock (Janis Joplin, Jimmy Hendrix). No mesmo ano filma Escenas de rúa, arredor das protestas e movementos en New York contra a Guerra do Vietnam. Ademais, participa na montaxe de Medicine Ball Caravan (1971) ou Elvis on Tour (1972). No ano 64 asina o seu documental preferido de todos cantos fixo, Italianamerican, onde grava os seus pais polemizando, entre outras cuestións, sobre a cociña familiar. Os dous aparecerán posteriormente en varias películas de seu fillo, consolidando a querencia de Scorsese por incluír nos elencos actorado non profesional, no camiño de darlle máis verosimilitude ás súas películas. Na mesma liña, a improvisación é un dos trazos que caracteriza tamén moitas das escenas do seu cine de ficción. A loita por borrar a fronteira entre realidade e ficción. Nun dos fitos da súa carreira, Taxi Driver (1976), Robert de Niro interpreta a Travis Bickle, o taxista psicópata. O director deixou a De Niro certa liberdade, que desembocou nunha das escenas máis memorábeis da historia do cine. Cando o protagonista se mira no espello do taxi, o guión só poñía: "Travis fala consigo mesmo no espello". De Niro di: "Falas comigo?". Para o papel do vendedor de armas Scorsese inspirárase en Steven Prince, un exadicto á heroína que protagoniza o seu documental de 1978, American Boy, onde os vídeos da infancia se mesturan co relato sobre ás drogas ou o traballo de asistente nunha xira de Neil Diamond. Prince conta alí como inxectou unha xeringa de adrenalina no corazón dunha muller con sobredose, só coa axuda dun dicionario médico. Anos despois, Tarantino recreará esta historia en Pulp Fiction.

Tamén é de 1978 o documental The Last Waltz, onde o cineasta rexistra o concerto de despedida de The Band, considerado un dos cumios da súa obra documental. Por alí desfilan Neil Young, Eric Clapton, Doctor John —morto en datas recentes—, Neil Diamond, Van Morrison, Muddy Waters, Joni Mitchell ou Bob Dylan. Nesta mesma década terá lugar a súa incursión no mundo das drogas logo do fracaso comercial de New York, New York —musical interpretado por Liza Minelli e Robert de Niro—.

O rock and roll, o blues, o jazz, o doowop ou o swing son algúns dos estilos que caracterizan as músicas da filmografía de Martin Scorsese. E neste aspecto vai xogar un aspecto fundamental Robbie Robertson, líder de The Band, quen se convertirá en colaborador habitual e asesor musical seu até a actualidade. Nos 80 e 90 verán a luz películas como Toro salvaxe (1980), O rei da comedia (1982), Un dos nosos (1990), O cabo do medo (1991), A idade da inocencia (1993) ou Casino (1995), entre outras, que situan a Scorsese como un dos mellores directores de cine da historia. Acentúase nelas o influxo da literatura, a coidada selección musical como elemento que sitúa as súas historias no tempo e no lugar, nesta procura case enfermiza, conforme á máxima de Renoir: "A realidade sempre é máxica".

Do ano 95 é o documental Unha viaxe persoal con Scorsese a través do cine americano, onde analiza as súas influenzas, centrándose especialmente no western, o cine de gangsters e o musical, entre outros. No ano 1999 ve a luz A miña viaxe a Italia, onde fai un percorrido vital e cinematográfico polo cine italiano na compaña da súa familia. Alí rebélasenos a influenza do neorrealismo italiano na obra do director: Visconti, Rosellinni, Antonioni, Fellini...

The Blues (2003) é unha serie de cinco documentais producidos por Scorsese sobre a orixe e a evolución deste xénero músical. Dirixe el mesmo unha das pezas, Feel Like Going Home, onde se ocupa do blues de Chicago, de quen Muddy Waters, Howlin’ Wolf ou Willie Dixon foron os seus máximos expoñentes. Outros dos directores do proxecto son Clint Eastwood ou Wim Wenders. Nos anos sucesivos seguiranlle No Direction Home: Bob Dylan (2005), documental fundamental sobre o bardo do rock ou Shine a Light (2008), gravación fallida sobre os Rolling Stones. Tamén George Harrison: Living in a Material World (2011), onde o gusto de Scorsese pola imperfección se plasma na pouca atención ao período beatle do guitarrista británico, centrando as case catro horas de documental na súa carreira solista e preparación para a morte. A literatura ocupará un lugar importante tamén na obra documental de Scorsese. De 2010 é Public Speaking, unha conversa en forma de documental coa escritora e cronista de New York Fran Leibowitz e o seu bloqueo literario de trinta anos.

Mais unha vez reseñada a súa obra documental, cómpre poñer o foco en Rolling Thunder Revue, a sublimación e un dos puntos culminantes da mestura entre realidade e ficción do director. Recóllense aquí os detalles da mítica xira emprendida por Bob Dylan —acompañado de Joan Baez, Joni Mitchell, Sam Shepard ou Allen Ginsberg, entre outros— a mediados dos 70. Para isto sérvese de testemuños verídicos do propio Dylan, pero tamén de relatos falsos do protagonista do documental, un xenio na arte da máscara durante toda a súa vida. Os personaxes inventados conviven con outros reais daquela aventura musical e intoxicadora e ábrese e péchase a cinta coa imaxe dunha película de George Meliès —homenaxeado xa por Scorsese en A invención de Hugo—, onde un mago fai desaparecer unha muller.

Se as películas de Scorsese son tratados de ética, os seus documentais reflicten basicamente a historia da música e do cine, que é a historia do noso tempo. A dor, o exceso e a búsqueda non son patrimonio exclusivo da ficción, tampouco a violencia nin o perdón, o paso do tempo, o sentimento da culpa. Unha historia que comeza nun libro aos catro anos, en calquera parte, e non rematará ate que se apague este marabilloso incendio, o espellismo da vida.

Un dos seus
Comentarios