martes. 17.09.2019 |
El tiempo
martes. 17.09.2019
El tiempo

Unha cama de estrelas

Jeff Tweedy e Wilco tomaron o relevo da tradición musical americana de raíz a finais dos anos noventa. Dende o alt country internáronse na exploración da electrónica, o rock clásico e a procura incansábel da melodía. De grupo de culto ao estrelato. Hoxe teñen un exército de fans en todo o mundo. Polo camiño houbo depresións e abandonos. Pero nunca faltou o amor á música. Este mes o grupo de Chicago publica un novo disco, Ode To Joy

 

Wilco
Wilco

A vella historia. Un cantante norteamericano de éxito ingresa en maio de 2004 nunha clínica de rehabilitación. O motivo: ter a mesma adicción có Doctor House, a Vicodina -nome comercial da hidrocodona-. O abuso deste opiáceo -un derivado da codeína- ocasiona ansiedade, fortes dores de cabeza, náuseas, confusión, visión borrosa, depresión... O artista bota alí unha tempada. Deambula pola clínica, escoita toda clase de horrores. E todos lle parecen moito máis graves có seu. Para vencer este desequilibrio tenta fundirse coa dor dos demais. Unha noite, un home confésalle a súa desgraza: cóntalle que cando tiña nove anos, seu pai matou a súa nai. Logo deulle de beber ao fillo –que presenciara o feito- coa promesa de que así o esquecería todo. Mais a cousa non funcionou e aquel neno convertérase no alcohólico que agora lle confesaba a súa dor. Consternado pola historia, o artista ve a luz e recupérase, decatándose de que aquel non é o seu lugar. Pero todo comezara moito antes.


Jeffrey Scot Jeff Tweedy –compositor, músico e poeta- naceu o 25 de agosto de 1967 en Belleville, Illinois, no seo dunha familia de clase traballadora. Seu pai traballaba no ferrocarril en Saint Louis e era alcohólico: acostumaba beber 12 latas de cervexa ao día. Súa nai deseñaba cociñas e padecía xaquecas crónicas. Mercoulle unha guitarra ao seu fillo cando este tiña 6 anos. O rapaz dicíalle a todo o mundo que xa aprendera a tocala. Causáralle unha fonda impresión escoitar na radio o Born to Run, de Bruce Springsteen. Tal fora a impresión que, con oito anos, grava a canción nunha vella cinta TDK e na portada escribe cun bolígrafo azul o seu nome. Paséase pola escola afirmando que a canción é súa. Di que el escribiu a letra e que ademais gravou todos os instrumentos. Algún rapaz protesta e di que xa escoitou esa canción na radio. Tweedy respóndelles: pode ser, é bastante popular. Para o aniversario de súa irmá repite o procedemento e grava Turn, turn, turn, o éxito dos Byrds. Pero a verdade é outra. O rapaz non sabía tocar aquela guitarra ata que, con 12 anos, caeu da bicicleta. Así que botou todo o verán confinado na casa. E daquela aprendeu.


En 1981 coñece no instituto a Jay Farrar e faranse inseparábeis. Xuntos acudirán ao Mississippi Nights, un local  da cidade. Alí ven en directo os Stray Cats e presencian na parte de atrás da sala, unha forte discusión entre Dee Dee Ramone e un locutor de radio. Os dous rapaces beben da historia. Dos vasos comunicantes do rock. De feito, Tweedy é un namorado dos Ramones e da música country namentres o seu amigo prefire os Sex Pistols. Ao pouco, Jeff únese á banda de Jay e de seus irmáns. Tocará o baixo nunha competición de bandas rockabilly. Gañan o primeiro premio. Fanse chamar The Primitives pero en 1986 cambian o nome, xa liderados polos dous amigos. Forman Uncle Tupelo, un grupo do que se deu en chamar alt-country ou country alternativo. As influenzas musicais son moitas e variadas: Hank Williams, Byrds, Dylan, Neil Young, The Carter Family, Gram Parsons... As letras aparecen imbuídas do espírito de Kurt Vonnegut ou Kerouac, autores que os dous rapaces descobren na libraría da nai de Jay. Comezan a ter certo éxito e Tweedy cóllelle gusto á bebida. Coñecerá á rexente dun garito de Chicago, o Lounge Axe. Chámase Sue Miller e programa 16 concertos da banda en só catro anos. No 91 comezan a saíren xuntos.

Asoman entón no seu repertorio os medios tempos, pezas intimistas de corte folk, cancións puramente country ou escaladas roqueiras


Ao tempo, no grupo, os egos chocan e as discusións multiplícanse logo dos concertos. Así as cousas, Jay Farrar deixa Uncle Tupelo en maio do 94. En agosto, logo do último concerto, Jeff Tweedy convence aos membros restantes para unirse a unha nova formación e ensaiar. Decide tamén deixar de beber. Nace así Wilco e neses ensaios xéstase AM, o seu disco de debut. Asoman entón no seu repertorio os medios tempos, pezas intimistas de corte folk, cancións puramente country ou escaladas roqueiras como Casino Queen (esta converterase co tempo nun dos seus moitos éxitos perdurábeis). Hai un camiño que se intúe pero aínda non se sabe por onde tirar. Paralelamente, no ano 95, Jeff e Sue casan. Wilco comeza a se facer un nome, especialmente coa saída dos dous seguintes álbums: Being there (1996) e Summerteeth (1999). Pero a travesía non é doada e a estrada convértese na súa casa. Wilco non soa nas radios e a súa difusión case remite ao periplo aquel do poeta Walt Whitman: vendía os seus libros chamando porta a porta. A banda xirará incansabelmente tocando en todo tipo de locais. Jeff Tweedy ten xa 30 anos. De repente, cámbialle a vida. Pasa de gañar 20 dólares por noite e pagar 80 de habitación en moteis de mala morte a verse formando unha familia, coñecendo os primeiros éxitos e gozando dunha maior estabilidade económica. No 1998 prodúcese un feito fundamental que vai situar definitivamente a Wilco. O panorama musical americano divídese en dous. Dunha banda, o auxe do grunge; doutra, a música pop de carácter máis comercial. Pero así as cousas, Norah Guthrie, a filla de Woody Guthrie –cantautor folk finado nos 60 e figura de referencia para Dylan e outros- proponlle ao grupo de Tweedy musicar o legado inédito de seu pai. Wilco acepta e, na compaña do británico Billy Bragg, gravan Mermaid Avenue –terá dúas secuelas posteriores- onde destaca especialmente California Stars, unha luminosa cama de estrelas. Segundo o propio Tweedy, a súa canción preferida de entre todas cantas fixo.

O álbum acadará gran repercusión. O público e a crítica identifican nos Wilco a terceira vía: o novo rock americano ou alt country. A música de raizame que recolle o legado da tradición americana. A que se forxou alí entre o blues, o hillbilly, o country dos corenta e cincuenta e que unha vez electrificada deu lugar ao rock, nas súas variadas formas.

Tweedy afirmou en varias ocasións que o máis substantivo da música americana aconteceu entre 1968 e 1973 –afirmación algo discutíbel pero non exenta de verdade-. Iso explica en parte os primeiros discos e a ecléctica evolución da banda, bebendo indistintamente de fontes tan opostas. O outro elemento que cambia as cousas será a irrupción de Jay Bennett. Este multi- instrumentista introducirá a banda na experimentación electrónica e na sofisticación dos arranxos musicais: sons previamente gravados, loops, atmosferas sonoras, estridencia, psicodelia... Pero tamén a procura incansábel da melodía, trazo distintivo do pop. E o talento como letrista do seu líder. Summerteeth (1999) é o disco que lles abre as portas do Reino Unido. Nas súas letras asoma xa o rostro da depresión.

 Pero con estre traballo poñen o primeiro pé en Europa. Ao mesmo tempo, o ego de Bennett e as pretensións por liderar en exceso o camiño a seguir chocan constantemente con Tweedy. Este sofre habituais ataques de pánico, episodios depresivos e faise adicto de pleno á Vicodina. Non é quen de pasar máis de cinco semanas sen recorrer a ela. Sexa como for, Wilco madura e chega a súa obra definitiva, Yankee Hotel Foxtrot (2002). Malia que venden máis copias deste disco ca de todos os anteriores xuntos, o traballo fora rexeitado previamente pola discográfica Warner, chegando a prescindir dos servizos do grupo. Jay Bennett é expulsado da banda durante a gravación. E este proceso é inmortalizado nun documental ben interesante titulado I am trying to break your heart.

Wilco gaña un Grammy ese ano. Non acoden á cerimonia. Para aquel entón, Jeff Tweedy xa é pai. Pero a súa adicción non cesa, á que lle engadiu tamén a marihuana.


O paradoxo é que, nesta senda de indagación sonora e experimentación, Wilco deixa de ser un grupo de culto, coñecido só por unha pouca xente, para chegar ao gran público. A banda de Tweedy é comparada así con The Band ou Jeff Beck.  O guitarrista Nels Cline, un virtuoso dos efectos e a experimentación incorpórase ao grupo en 2004. Co seu seguinte disco, A ghost in born, Wilco gaña un Grammy ese ano. Non acoden á cerimonia. Para aquel entón, Jeff Tweedy xa é pai de dous fillos, Sam e Spencer. Pero a súa adicción non cesa, á que lle engadiu tamén a marihuana. Ingresa nunha clínica de rehabilitación e ve a luz un libro seu de poemas, Adult Head. Ao igual cás letras de Wilco, o libro reflicte con crueza e talento literario os problemas da súa vida persoal. Pero hai naturalidade, riqueza lírica e beleza formal.


Os discos sucesivos, Sky blue sky (2007) e Wilco, The Album (2009) non acadan a altura dos precedentes, pero a importancia da banda vén dada pola repercusión das súas xiras, especialmente en Europa. O Reino Unido, Alemaña, Holanda e especialmente España convértense en escenarios habituais de Wilco. O repertorio cambia constantemente, tamén a ambientación das pezas interpretadas. Así e todo, a banda desenvolve unha gran pericia e excelencia nos seus directos. A voz feita nostalxia e espello. Algunhas opinións bótanlles en falta algo máis de risco e espontaneidade. A perfección pode ser unha arma de dobre fío.

En todo caso, o exército de seguidores da banda multiplícase e os seus concertos tornaron dende hai anos en cerimonias bautismais de comuñón musical. Nelas é posíbel gozar, entre outras, de Impossible Germany, canción que contén un soberbio solo de guitarra de Nels Cline. Este pasa por ser un dos momentos máis emocionantes da música en directo, segundo as críticas entendidas. A revista Rolling Stone inclúe o Yankee Hotel Foxtrot entre os 500 discos máis importantes da historia do rock and roll. En 2009 morre Jay Bennett. Pero a actividade de Tweedy é frenética, nun intento manifesto por aferrarse a todo o que o fai feliz. O mundo non ten sentido por si só. O que ten sentido é o noso xeito de miralo. A nosa mirada cámbiao todo, por iso é importante ser quen de centrala. En 2010 Wilco organiza o seu propio festival, o Solid Sound Festival, unha enorme proposta multidisciplinar. Ademais o artista producirá nese mesmo ano a Mavis Staple, unha das compoñentes dos Staple Singers.  No 2011, Jeff Tweedy comeza un proxecto musical cos seus dous fillos, de once e quince anos. En 2014, á súa muller élle diagnosticado un cáncer. Baixo o nome artístico de Tweedy, grava un disco co seu fillo maior e afirma nas entrevistas que este traballo foi de grande axuda para a familia nese momento.

 
Star Wars (2015) e Schmilco (2016) son os últimos traballos da banda. Malia que non suscitaron unha grande acollida por parte do público, o prestixio e seguimento da banda non cesaron. O público parece identificar unha verdade e espírito independente na figura de Jeff Tweedy –hoxe convertido ao xudaísmo- . El non deixou de xirar ata a actualidade, tamén en solitario. Unha sorte de camiño de redención. Esta práctica corresponderíase coa súa intención de expoñer pezas inéditas e avanzar na composición. O compromiso coa indagación artística e a evolución. Diante das acusacións do purismo, el dixo que os propios puristas traizoan o espírito da música e da arte. Pois a natureza da arte é cambiar a través do tempo. E obviar isto é renunciar á súa esencia verdadeira. Tweedy detesta tamén a mitificación da dor coma fonte de inspiración. Opina que, en todo caso, a arte aparece malia a dor. E móstrase feliz de ter abandonado as adicións e poder levar unha vida plena e tranquila, a pesar dos problemas aquí relatados. 

Jeff Tweedy vén de publicar as súas memorias en 2018. E agora Wilco anuncia un novo disco neste setembro, Ode to Joy. Prometen que será moi distinto e sorprendente. Unha oda á alegría. Ao mellor só se trata diso, de xogar alegremente. Coma ser neno e gravar nunha vella cinta TDK o Born to Run. Ou soñar con ser Springsteen. Moito despois de que Woody Guthrie predixera a vida do cantante e as miserias da noite americana: 

"Gustaríame pousar/a miña cabeza esgotada esta noite/sobre unha cama de estrelas de California/gustaríame soñar/que as miñas tristezas desaparecen/dende unha cama de estrelas de California".

Unha cama de estrelas