viernes. 10.07.2020 |
El tiempo
viernes. 10.07.2020
El tiempo

Unha noite no Tony's

Andaban dous cegos a hostias nunha verbena. Ninguén sabía o que facer para separalos. Achegouse o tolleito de onda os altofalantes e dixo: "‘fas, ho? Garda a navalla!". Non fixo falta máis
Tony Lomba
Tony Lomba

ALBA E MÁIS eu fomos visitar uns amigos, o Iago e a Iria. Quedaramos para ver xuntos unha das verdadeiras luces de Vigo: o Tony Lomba. Chegamos á Fábrica de Chocolate, chea ata a bandera, bandera, na mesma Rúa de Churruca. Xa non quedaba nin rastro do concerto de Calamaro de había vinte anos na Iguana, nin dos cócteles de cor azul do garito da Silvia Superestar. Saíu o Tony canda o Elio dos Santos ao escenario. Ía elegantemente vestido de branco. Iniciou o seu marabilloso recital con Viva la Navidad, a última composición do dúo, onde declara que voy a reventar.../ nunca collín semellante maraca coma neste Nadal. Pode que esteamos avariadas, ou talvez estea avariado o mundo, tanto me ten. Pero a espontaneidade, o grao de provocación e loucura artística do Lomba é pouco habitual. Foi ofrecendo o repertorio aos poucos, combinando o baile cun rango vocal que lle permite cantar a corenta centímetros do micrófono. Ora é Tony Bennett, ora é Domenico Modugno e despois parece Sinatra acompañando a The Pogues. Aguantou co traxe algunhas cancións para despois, xa case espido, en calzóns violetas e camiseta fluorescente, envolto en luces LED, pisar o territorio do Máxico Imprevisto.

O que sempre se busca e poucas veces acontece, tendendo naturalmente á súa propia busca: a do frontman ideal na fronteira entre a vida e a arte. E iso inclúe pedir unha xenebra no medio da canción reclinado sobre a barra, chamarlle a atención ao publico, xurar en todo polo medio da letra, rozar o escándalo cantando comodamente sentado entre as bebidas da concorrencia ou tratar con valentía temas tabú, incluída a querenza peninsular —na súa ampla concepción— por todo tipo de bandeiras, o escarnio da estrema dereita... A simpatía que esperta ten que ver coa entrega desinteresada e consagrarse á liberdade hedonista, asomando a cabeza aos seus límites. Opino que é un exercicio artístico de extravío consciente e necesario.

Trátase dun intérprete vocal de primeira orde que presenta algúns dos trazos do xograr, no sentido de Rabelais –—as baixas paixóns—, o que nos comentaba Fo no seu Misterio Bufo: o xograr que nace do pobo e toma del a súa rabia, para devolverlla filtrada do grotesco pola razón. E sinceramente, vivimos un tempo complicado para a defensa das liberdades, perderémolas se non pelexamos por elas, pero tamén exercéndoas; sobra algún artista querendo erguer tratados de moral. O público é intelixente e crítico nunha medida bastante superior á que pensamos. Pode que esteamos producindo personaxes moralizantes e aburridos por riba das nosas posibilidades. Por iso temos sorte de contar con alguén coma Tony Lomba na nosa cultura.

Xa só actúa con Elio dos Santos —músico de traxectoria e produtor— tres veces contadas ao ano. Renega das ofertas que lles chegan como dúo humorístico.

Comentounos despois do concerto que a industria non tolera discursos coma o seu na música. Xa só actúa con Elio dos Santos —músico de traxectoria e produtor— tres veces contadas ao ano. Renega das ofertas que lles chegan como dúo humorístico. É probábel que algunha xente precise de certas etiquetas para enfrontar propostas arriscadas coma a do Tony, pero para moita outra, coma nós, constitúen un sopro de aire fresco, os estraños confíns.

O reverso das luces de Vigo. Nalgún lugar escribín sobre a necesidade de buscar a luz no que non brilla. Pois de tanto buscar a luz, corremos o perigo de quedarmos cegos, coma no conto do comezo. Escollino adrede. A moralidade do cego e o tolleito, e a dignidade é un tema fundamental no teatro da Idade Media. Nun determinado momento, o cego dille ao tolleito: "Non é dignidade ter as pernas dereitas ou ter ollos que ven. A dignidade é non ter ninguén que te someta. Vivir nun mundo onde ninguén teña amo ningún". Isto dicíano os xograres no século XIII e XIV, cando se mofaban da ofendida clase dirixente e dos poderes da época. Moita soberbia os homes e só servimos para xuntar moscas.

Saímos confortadas as catro á madrugada de Vigo. A Iria e a Alba bailaban na festa de Zinema e Muller do garito do lado e eu observei o meu amigo. Coñézoo dende que teño uso de razón. "Ser un mesmo noutra pel", segundo a definición de Atahualpa. Igual é abondo nesta vida conservar un par de amigos de verdade. E iso que tivemos un conflito serio con nove anos; aquel día eu volvera da escola, anoxado e chorando porque discutiramos no recreo sobre se existía Papá Noel ou non. A miña opinión de que si existía digamos que era minoritaria. Todas as compañeiras e compañeiros de clase opinaban que non existía. Así que collín o álbum verde da casa e encontrei a foto. Sorrín compracido e aliviado porque alí estaba Papá Noel, e eu ao seu lado. El sabía de min, eu era alguén para Papá Noel. Extraína con coidado e gardeina na carteira. Ao día seguinte, cando soou a campá, entramos na clase. Fun o primeiro en entrar, saquei a foto da carteira e subinme riba da miña mesa. Cando estaban xa case todos dentro, berreilles: Claro que existe Papá Noel! Aquí teño a proba! Achegáronse curiosos a min algúns e observaron a foto en silencio. O Iago sentou rindo na súa cadeira. Escoiteille dicir ao Pedro: "Que subnormal, serás pardillo, ¿pero no ves que es un disfraz?" Acheguei a foto e caín na conta de que si: aquel non era Papá Noel. Deume gana de chorar, sentín unha tristeza verdadeira. 

—Lois, que fas riba da mesa? Baixa agora mesmo, hoxe non saes ao recreo. Demo de neno!

Eu pedíralle a Papá Noel un Molto Container e unha grúa con mando aquel ano. Fora o neno máis feliz do mundo, pero iso xa era o pasado.

Unha noite no Tony's