domingo. 25.08.2019 |
El tiempo
domingo. 25.08.2019
El tiempo

Versos na treboada

Percíbese unha rara electricidade no ambiente entre eles. E moito máis, por todas as palabras que caen coma lóstregos na nosa mirada sobre o real, que no serven para explicar "o que pasa"
PIXABAY
PIXABAY

"E EU AMIGO, sae ao aberto". Pensaba eu neste verso utópico de Hölderlin hai uns días conducindo a través dunha espectacular treboada, preto do Bierzo. Volvía dunha actuación no Barco de Valdeorras. Mais os tronos que acompañaron o peche do meu recital foran coma premonitorios, lóstregos de distinta feitura alertaban das intencións da noite. Caían coma cae a palabra nas persoas e ilumina o escuro. Ciclo de Perto, do Concello do Barco, leva case unha década reunindo narradoras e narradores orais, así como poetas. É unha iniciativa que pon en valor a resistencia lánguida pero necesaria da nosa lingua e a nosa cultura, fronte á resignación xeralizada á uniformidade de pensamento. Nos tempos da proliferación dos festivais masivos, Gustavo Docampo acariña con paciencia outros xeitos de mirar, onde conflúen no espazo público crianzas e adultos, anciáns e adolescentes. Descubrir a esencia gastada da palabra. Cando non chega, eu alúmolle á guitarra e que chova.

Subindo Pedrafita reparei nas ruínas dun castelo e pensei na novela de Kafka O castelo. É unha obra inconclusa onde intuímos, entre outras cousas, o suave arrecendo da loucura, a de Kafka e a do agrimensor, protagonista da historia. Busquei entón a torre do castelo nesas ruínas de Pedrafita e, ao non ver a torre, veume Hölderlin á cabeza. Tanto quixo saír Hölderlin ao aberto que abrazou a loucura e recluíuse no alto da torre dun castelo, en Tubinga, versos e esquizofrenia. Chegamos a Lugo de madrugada, aínda coa electricidade no corpo, non sei se pola guitarra ou pola treboada. Fundido en negro.

Día seguinte. Mañá radiante. Praia de San Vicente do Mar. Dúas horas de coche xa nas costas. Quince a nada. Á noite toca actuar no Festival Fala O Mar de Combarro, unha marabilla de festival dirixido pola poeta Tamara Andrés e organizado pola Asociación Cultural Armadiña.

Meu fillo está a construír un castelo na area; por momentos paréceme ver a Hölderlin nunha das súas torres: "Meu amigo, sae ao aberto". Que carallo era o "aberto" e que nos quería dicir Hölderlin? Conxurei a cervexa especial para poetastros pero non obtiven resposta, e ademais queimei os brazos. Trinta a nada. O "aberto" sería a utopía? A liberdade?

A mañá e a tarde transcorren entre lecturas e reunir forzas para ofrecer un bo recital. Hölderlin era poeta e para el o utópico tiña que ser un mundo sen linguaxe. A poesía era a treboada e, se a treboada quere internarse no fío entre a linguaxe e o mundo, os versos eran lóstregos entón? Merda, queimara tamén o nariz. Punto de saque directo.

Talvez se subise á rede? Pero sen linguaxe non nos quedaría nada, coma estar ás escuras, só o momento. Por exemplo, esa parella: moreno e ben parecido el, rubia e ben parecida ela, tombándose os dous sobre dúas toallas, acompañados dos seus dous nenos de anuncio. Obsérvoos oculto entre as tapas do meu libro e as gafas de sol, percíbese unha rara electricidade no ambiente entre eles. E moito máis, por todas as palabras que caen coma lóstregos na nosa mirada sobre o real, que nos serven para explicar "o que pasa": case non falan entre eles. Están anoxados por algo. Ela fai ademán de coller o seu vestido para marchar pero el quítallo violentamente. Están a discutir. Os seus dous nenos nacen ao mundo no baño do mar, alleos ao que pasa. É unha escena máis propia da Lanzada, pero estamos en San Vicente e os feitos lánzanse tamén aquí: ela tenta de novo e varias veces coller o vestido, o neno pequeno achégase e di que ten gana de cagar. Ela acompáñao ao baño, acendendo un cigarro. El aproveita entón para agocharlle a roupa, revisa o móbil dela que quedou sobre a toalla. Ela volve e os nenos chaman agora o seu pai para que se bañe con eles. Ela tenta coller o vestido, el arríncallo da man e ergue. Agora están os dous de pé. Ela fai un primeiro ademán de golpealo timidamente no ombro.

—¿Tienes prisa por irte? —pregunta el—. Porque te llamó él ahora, ¿no puedes estar tranquilamente con tus hijos o qué?

A ela parece faltarlle o aire e tenta coller o vestido de novo. El non lle deixa. Comezan a insultarse, primeiro polo baixo, pero cada vez de xeito máis aparatoso. Irrompen os nenos na escena. O maior sitúase entre eles: "No discutáis, por favor, ¡No discutáis!". Véxoo e parécenme berros que se perden na antesala dunha treboada que aínda nin comezou. Entón o neno comeza a chorar, non ten palabras para lle poñer ao que pasa. O máis pequeno contáxiase do maior e chora tamén, coma un neno sen o cubiño da area. "Pero no llores, Felipe, para ya, ¿no? Deja de hacer el tonto, hombre. Es tu madre, que anda con un anormal". Ela abrázao e tenta consolalo: "No pasa nada, mi vida, es papá, que lleva dos días sin dormir y no aparecía, pregúntale a qué anduvo". Observo totalmente paralizado a escena, agarrado ao libro. Recollen as cousas ás carreiras e marchan, entre os choros dos dous fillos, que camiñan atrás deles sen saber moi ben o que pasa. A xente das outras toallas mírase a unha para outra, aínda tentando ordenar o suceso. Ergo e corro á auga bañarme. Saio rexuvenecido, aliviado.

Podemos sentir a dor e a ledicia, todo está arredor. O castelo afunde aos poucos entre a marea que sobe e con ela vanse Kafka, Hölderlin e o castelo. Poñerlle palabras o real, iso é o mundo para nós. Na realidade só existe o agora, o resto evocámolo coa linguaxe, o pasado, o que aínda non pasou. O "aberto" é a renuncia ao filtro da linguaxe. Máis aló das palabras, non hai nada. O que hai en nós de humano aparece con elas. Hölderlin quixo fuxir e acabou tolo nunha torre.

Deixamos fuxir a tarde a Alba máis eu e chegamos a Combarro. Faise noite e Fala o Mar. A noite é cálida e o recital ten lugar ao aire libre, entre hórreos e vendo as luces da ría ao fondo. Tento centrarme no recital, rescato uns versos de miña avoa sobre a súa infancia na Terra Chá, anos 40, cando ás veces non podía ir á escola e tiña que ir coas vacas no medio da treboada. E outro verso aparéceseme, de Celan, outro lóstrego máis, con enigma: "Viña, viña/ viña, unha palabra, viña/ viña a través da noite/ quixo resplandecer, quixo resplandecer".

Versos na treboada
Comentarios