Opinión

A riqueza dos humildes

DO PASADO e do vivido, da experiencia e o apalpado queda o que queda, pouca cousa ou unha inmensidade, segundo se queira, segundo a percepción de cadaquén. Despois dos avatares e das vicisitudes da cada día, de cada mañá e da cada tarde, hai quen pensa que só queda a ilusión e a esperanza. Un amigo mariñán da Mariña luguesa, profesor nun centro educativo do centro de Barcelona, mostraba a súa confianza plena na literatura, na arte e na lectura, na música e na liberdade dos homes e mulleres que poboan o mundo, que traballan e fan grande a riqueza dos humildes e xenerosos.

A música ten aquí un valor extraordinario e, como di a Tía Manuela, é unha reforzada ferramenta para preservar a memoria

Velaí está a valentía de moitos galegos que, traballando a reo no seu ou na súa profesión, dedican tempo e moito tempo, traballo e esforzo para que a cultura e a educación, xunto coa solidariedade, a igualdade e a xustiza sexan valores incuestionables da sociedade nosa. Valores e principios que enraícen e medren en cada casa e en cada esquina. A música ten aquí un valor extraordinario e, como di a Tía Manuela, é unha reforzada ferramenta para preservar a memoria. A memoria, outro dos grandes bens que lles queda a aqueles pobos e a aquelas xentes que pouco máis teñen.

Coa mesma idea, Jei Noguerol, amigo e amigo de moitos dos lectores, volveu resoar coa súa voz fonda, sacando do corazón palpitadas continuadas de dozura, cun magnífico traballo e dous temas, Qué noite a daquel verán e Port d'en Perris. Noraboa, profesor, mestre e cantautor noso! As farolas mariñeiras do paseio Lluis Companys seguirán alumeando indefinidamente para darlle visibilidade ás vivencias de Noguerol naquela Galicia da década dos setenta do século pasado.

E falando de música e de memoria, A Quenlla vén de sacar do abismo dez cantigas de Martín de Padrozelos. A literatura e a música foron, tamén aquí, ferramentas apropiadas para un traballo conveniente que puxo a andar, polos escenarios, ás composicións de quen, ao parecer, foi o primeiro trobador da lírica galega, cun traballo ben fermoso, Trobador no Camiño, as cantigas de Martín de Padrozelos. Son nove cantigas de amigo e unha de amor, musicadas e interpretadas nun xesto valente de revalorización do pasado. Grazas, amigos de A Quenlla, compañeiro Noguerol, amigos e amigas, saúde, traballo e sorte!

Comentarios