Opinión

Amas de cría

PRIMEIRO A mamadeira e despois o biberón fixeron verdadeiros estragos en moitas familias. Empezaron a usarse no século dezanove, pero non foi ata principios do vinte cando as medidas hixiénicas ofertaban as mínimas e imprescindibles garantías. O biberón impúxose e evitou o tránsito e a circulación das amas de cría, daquelas mulleres que andaban polos fogares ricos dando de mamar aos meniños e facéndoos cos seus fillos irmáns de leite. Aos cadelos, aos años e aos porquiños que quedaban sen nai, dábaselles coa mamadeira, de calquera maneira.

Cando xa se tiña confianza no biberón, a partir de 1920, desaparece a función daquelas mulleres coñecidas, recoñecidas e apreciadas como amas de leite ou amas de cría, mercedarias e sufridoras para darlles o peito e o leite a aqueles alleos nenos da teta. Delas só quedan as lembranzas e os recordos, como o relato histórico e biográfico que Mª Carmen Vázquez fai de Manuela, unha paisana nosa que foi a Barcelona e volveu cando o rapaz cos dentes aguzados xa marcaba as súas mamas, con carreiros de sangue propio.

As mulleres da realeza, da aristocracia e da alta burguesía non podían dar de mamar aos seu fillos. Estaba mal visto

Ao parecer, esta forma de alimentar aos fillos da nobreza vén do século dezasete e as mulleres eran maioritariamente de Navarra e La Rioja. Pero despois de que a raíña María Luisa Gabriela de Saboya pasara unha tempada en Burgos, as burgalesas fixéronse co monopolio ata que Fernando VII pide, para a súa filla Isabel II de Borbón, unha ama de cría de Cantabria. As pasiegas tiñan a fama.

Mulleres das montañas de Santander ían polas cidades da península ofertando leite de calidade, dando de mamar por un salario que permitira volver ao lugar de partida cuns cartos tan necesarios e tan difíciles de gañar. Chegaban ata Granada e alí, diante da catedral, concentrábanse para ofertar os seus servizos na chamada Praza das Pasiegas. Todo o que recordan e se recorda destas emigrantes de temporada está a salvo no Museo das Amas de Cría Pasiegas, no municipio cántabro de Selaya, no Val do Pisueña.

As mulleres da realeza, da aristocracia e da alta burguesía non podían dar de mamar aos seu fillos. Estaba mal visto. Por iso as aldeás mozas, incluídas as galegas, alimentadas con produtos da terra, novas e recén paridas, ían co leite posto para que outros nenos alleos se alimentaran. E, os seus fillos? Deles encargábanse os avós, igual que agora. Pero, dábanlles leite da Marela e da Romera, da Parda ou da Caldela.

Comentarios