Opinión

Boas festas!

A FORZA DA publicidade segue empuxando, incitando ao consumo, procurando que os cidadáns gasten e gasten canto poidan, ou máis aínda, en xogo, en lotería da clase que sexa ou co nome que sexa: Euromillón, La Primitiva, Bonoloto, El Gordo, Lotería Nacional, La Quiniela, Lototurf, Quinigol, Quíntuple Plus, en fin, unha morea de marcas distintas para alentar o afán do xogo de azar, coa correspondente ambición de cadaquén e coa pretensión de que gaste a xente o que non ten. A lotería semanal, do Nadal ou o sorteo de El Niño, para reenganchar e seguir perdendo, cada vez máis, independentemente dos slogans cos que se adorna o negocio.

A empresa é Loterías y Apuestas del Estado, unha sociedade mercantil adscrita ao Ministerio de Facenda de España, unha vendedora de ilusións a prezos de ouro, unha recadadora que, polas boas ou polas malas, baleira totalmente os bolsos daqueles que xa os teñen pequenos e máis baleiros que cheos. E, aí estamos, como dicía Ovidio, para non perder, o xogador non deixa nunca de perder. Malia o demo!, andan os ladróns detrás dos que rouban e os burócratas, en plena acción, vendendo recibos e, ao seu modo, repartindo sorte.

Aínda así, á inmensa maioría da xente tócalle a lotería, cando menos, o reintegro na maioría daqueles números que non compra. Efectivamente, para gañar non se debe xogar. Pola contra, os galegos gastamos máis de 173 millóns de Euros na lotería do Nadal, facendo unha achega económica importante ás arcas do Estado e mantendo viva a esperanza para o vindeiro ano, que virá novamente con décimos a barullo, uns con premio e a maioría, como sempre, sen el.

Por máis que non toque, a vida continúa e a lotería tamén segue acosándonos cada semana, con ofertas variadas, con premios ben repenicados para dalos a coñecer aos catro ventos, con negocio seguro para os promotores do xogo e ignorancia explícita dos compradores, deses que manteñen, a pesar de todo, a confianza cega no 0,001% das posibilidades ou, mesmamente, na conversión dos soños. En calquera caso e sen perder as perspectivas de futuro, vamos rematar este conto con aquelo de, como en moitas ocasións se dixo, "o importante é ter saúde". Amigas e amigos lectores, boas festas e venturoso aninovo!

Comentarios