Opinión

Calquera cousa é posible

A realidade e a ciencia ficción están máis cerca do que parece. Teno moi claro e moi explicado Elon Musk, o fundador de SpaceX, empresa dedicada a fabricar foguetes para realizar misións indagatorias no espazo, para acabar nun período breve coa colonización de Marte e facer deste planeta un lugar acolledor para os turistas e paseantes tecnolóxicos do espazo. Poida que o Camiño de Santiago, despois de tanto tempo a pleno rendemento na terra teña, algún día, un ou varios ramais seguindo as órbitas doutros planetas, con paradas en estacións espaciais, creadas polos promotores do futuro Xacobeo.

O mundo e as formas de vivir e pensar están cambiando apresuradamente, están dando pasos xigantescos para que uns saiban o que pensan e o que queren os outros, antes que eles mesmos. Investigadores e científicos preparan aparellos tecnolóxicos capaces de ler as ondas cerebrais da xente e transmitir por escrito os seus pensamentos, o que queren dicir, o que queren facer, as súas pretensións e as súas satisfaccións.

A mente das persoas estará directamente conectada a un ordenador e o pensamento distribuirase en rede, para que a colectividade conectada o aproveite ou o arquive para outra ocasión

A mente das persoas estará directamente conectada a un ordenador e o pensamento distribuirase en rede, para que a colectividade conectada o aproveite ou o arquive para outra ocasión. Efectivamente, Marte está máis cerca do que din. Xa non hai distancias nin ciencia ficción, todo é realidade inmediata, onde xoga un papel primordial a intelixencia artificial. A onde irá parar esa tan falada protección de datos?, quen preservará e defenderá as liberdades individuais dos humanos? Quen poderá garantir a igualdade e a identidade de cada home e de cada pobo? E a solidariedade, para que?

As ideas, a fala, os sinais de identidade e a memoria irán a ritmo de máquina, tal como os tecnólogos ordenen, tal como nos espera o futuro que nos constrúen. A Tía Manuela teno claro, «se queren, calquera cousa é posible». Amigos lectores!, nesta situación e diante tantos avances, non fai falta que pense ninguén. Coa conexión ao ordenador todo estará en orde, polo menos, na súa orde. Como noutras ocasións, cada persoa será un número, que ao nacer suma e ao morrer, resta. Para que se quere outra identidade? Vaiche boa!

Comentarios