Opinión

Camiño da liberdade

CANDO SE achega un período electoral, preséntanse ocasións para falar de todo e para escoitar ás políticas que falarán sen parar do goberno, de machismo e feminismo, dos parlamentos, dos concellos, dos alcaldes, dos concelleiros e conselleiros, das deputacións, presidentes e deputados provincias, dos asesores, dos ministerios, dos enchufados e dos altos funcionarios de Facenda, da Seguridade Social, do Estado ou das autonomías. Haberá ocasión para escoitar discursos enormes con linguaxe apropiada e pensada para a audiencia. Discursos e mitins con promesas e con gabanzas para todos os presentes.

Haberá ocasión para escoitar discursos enormes con linguaxe apropiada e pensada para a audiencia. Discursos e mitins con promesas e con gabanzas para todos os presentes

Haberá réplicas e contra réplicas na persecución do voto, é dicir, de quen vota. Efectivamente, os votantes son perseguidos polos axentes electorais, para os que no voto de cada cidadán vailles a vida, o traballo e o salario, con liberdade ou, se fai falta, sen ela. Estes axentes electorais obran en tódolos territorios, son servidores ideolóxicos coa mirada fixa, co camiño marcado e coa meta perfectamente definida. Xa andaban polos camiños, dacabalo da burra ou dun cabalo, no tardo franquismo. Daquela eran todos do mesmo parecer e sempre gañaban. Os que non, calaban.

Un deles, Venancio de Tralotoxedo pasou á historia. Baixaba pola corredoira coa súa burra cargada de papeletas para contar e, ao chegar á cantina, parou, pediu unha xarra de cervexa ou de viño, unhas sardiñas de lata con tomate e deulle unha gran aperta e un bico nos morros á burra, antes de dicirlle ao ouvido, con voz moi alta: bebe e come do que queiras, Raxada, que gañamos! Gañamos, si señores! Ao parecer Venancio non era moi apreciado nos lugares de recolleita, pero todos votaran o que naquel momento tiñan que votar. Malaia o demo! Onde estaba a liberdade?

A liberdade está no querela, no desexala, dicía Voltaire. A liberdade é un demo, é un dereito e un privilexio dos homes e das mulleres, dos lobos e lobas salvaxes que solta a Xunta de Galicia para que non morra a especie, e dos paxariños que van, voando e cantado, anunciando a primavera de póla en póla, pousándose nas gallas de calquera árbore. A liberdade está aí. Para administrala, xa o dicía a Tía Manuela, cómpre intelixentemente pescudar cal é o camiño que nos leva a ela.

Comentarios