Opinión

Cantores do mar

EN MALPICA de Bergantiños tamén se acaba un mundo para empezar outro, o mar inmenso, "sen camiños e sen explicacións" no dicir de Alessandro Baricco, o italiano autor de Seda. E, detrás do mar que se verá? Ondas bravías, cantigas de Martín Codax, de Mendiño e de Paio Gómez Chariño, versos de Manuel Antonio, o rianxeiro cantor e amigo do mar enteiro. Riqueza no mar para as xentes nosas, traballo, amor e soño nesta Galicia que foi mariñeira onde non foi labrega. Rosalía de Castro quería ver o mar e os seus precursores, Nicomedes Pastor Díaz e Xohán Manuel Pintos, dedicaron versos fermosos aos seus mares do nacente e poñente.

Ao carón do mar, a vida é doutra maneira, diferente. E, o mar coa súa auga salgada é como un tránsito para a circulación das ilusións, para atravesar mundos descoñecidos, para ir a non se sabe onde ou coa mirada posta naquel punto fixo, como dicía esta cantiga popular: "Meus ollos van por lo mare, / mirando van Portugale". Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Lugrís Freire, co seu Alalá do mar, e moitos máis fixeron resoar as cabezas dos lectores coa beleza dos seus cantares mariñeiros. Cantares da raia, da liña entre terra e mar, de 1.500 quilómetros de lonxitude.

O mar é como un tránsito para a circulación das ilusións, para atravesar mundos descoñecidos, para ir a non se sabe onde ou coa mirada posta naquel punto fixo

Foron e son moitos. Leiras Pulpeiro, Ramón Cabanillas, Luís Amado Carballo, Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor, Xulio Sigüenza, Aquilino Iglesia Alvariño, Augusto Casas, Prieto Marcos, Ánxel Sevillano, Emilio Pita, Díaz Jácome, Fabeiro Gómez, Celso Eminio Ferreiro, Pura Vázquez, Avilés de Taramancos, Xohana Torres, Luz Pozo Garza, Xosé Luís Méndez Ferrín, María Fariña, Darío Xohán Cabana e Bernardino Graña son todos eles nomes que, seguindo a Manuel María da Terra Chá, teñen moito dito sobre o mar e as súas beiras emocionais e físicas.

Un grupo de estudantes do Ies Urbano Lugrís de Malpica, mozas e mozos con talento, tesón, forza e ganas de saber, de coñecer e de aprender, achegaron nomes de poetas. Non recitaron versos, pero falaron entre eles mentres atentamente se escoitaban. Todos eran sabedores de que no mar, igual que na terra, cultívanse as ideas e así, amigos lectores, constitúense fontes de coñecemento e de prosperidade para todos ou, cando menos, para moitos. Esas ideas, xa o dicía a Tía Manuela, dependendo de quen veñan, poida que o poder queira erradicalas. Outra vaca no millo!

Comentarios