Opinión

Ciencia e progreso

SE FALAMOS de ciencia, parece que estamos falando de algo serio e transcendental, parece que estamos aludindo a algo capital, crucial para a vida da humanidade e mesmamente para vida individual de cada quen. Dicíao moi ben Isaac Asimov, "un sutil pensamento erróneo pode dar lugar a unha indagación frutífera que revela verdades de grande valor". Efectivamente, o mesmo dicionario di que "ciencia é o conxunto dos sistemas de coñecemento con obxecto e métodos de estudo determinados e baseados en leis obxectivas que se poden verificar", que se pode contrastar e probar se é como debe de ser, se é ou non verdade.

E, que é a verdade? Sen aplicar moita ciencia, poderíamos entender que é xusto o contrario da falsidade. A ciencia, a través da discusión, da análise e o estudo, descubre a falsidade e pode darnos pistas sobre a verdade, desconfiando como dicía Marco Aurelio que "todo o que escoitamos é unha opinión, non un feito; e, todo o que vemos é unha perspectiva, non é a verdade".

A ciencia, a través da discusión, da análise e o estudo, descubre a falsidade e pode darnos pistas sobre a verdade

A Unesco, en honra a Bernardo Houssay, Premio Nobel de Medicina en 1947, proclamou o dez de abril como Día da Ciencia e a Tecnoloxía. Pola súa parte, a Real Academia Galega de Ciencias elixiu o día 8 de outubro como Día da Ciencia en Galicia, en honor a Frei Feijoo. Neste ano, 2018, o homenaxeado foi o ilustre matemático e xeógrafo Domingo Fontán Rodríguez. Os promotores desta iniciativa merecen parabéns de quen escribe e a bo seguro que tamén de vostedes.

Pero hai máis, o dez de novembro é o Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento. Temos o día da Ciencia na rúa, o Día da Ciencia na escola, o Día da Ciencia en Galego, o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Non está mal, podemos falar do Día da Ciencia en cada lugar e en cada casa, garantindo que mozas, mozos, homes e mulleres entendan que a Ciencia, en calquera das disciplinas, na física e na lingüística, na farmacoloxía ou no dereito, é un motor que empuxa á sociedade e que lle axuda a avanzar pola ruta do progreso, a ciencia certa.

A Tía Manuela contáballes aos novos: "Ciencia formal, natural, social, básica ou aplicada, é coñecemento e cartos para investigar, para pescudar no que hai, difundir o que se sabe e orientar o que veña. É saúde, é futuro e benestar".

Comentarios