lunes. 14.10.2019 |
El tiempo
lunes. 14.10.2019
El tiempo

Da postal ás redes sociais

A rapidez na transmisión da información na actualidade fainos vivir en directo todos os acontecementos mundiais, obriga a andar á présa, apresuradamente por onde queira que sexa

A XENTE de antes non coñecía o Facebook, YouTube, WhatsApp, Instagram, Twitter nin LinkedIn, comunicábase a través doutros medios máis lentos pero tan eficaces como estas modernas redes sociais, sen as que moita xente, nos tempos novos, non podería vivir. Enumeramos algunhas, pero a listaxe é enorme e cada unha delas procura ser a primeira, a de máis usuarios, a de máis e mellor servizo, a necesaria. Fotos instantáneas a moreas en cada teléfono dos milleiros de millóns de usuarios da telefonía móbil, información de todo tipo, contrastada e sen contrastar, certa ou non, en cada instante de tódolos días.

Esta rapidez na transmisión da información fainos vivir en directo todos os acontecementos mundiais, obriga a andar á présa, apresuradamente por onde queira que sexa, con axilidade nos pés e coa cabeza esperta. Obriga a vivir en círculo, nese que crean os que promoven e moven cada unha das redes sociais. Lamentablemente, poida que os dunha roda non saiban nada dos que andan seguindo a outra. Estamos, pois, en tempos borrosos, con moita e con nada información ao mesmo tempo.

Moitas das persoas que coñecen calquera de vostedes, non falan ou falan soas. Quen o diría?, "Margarita ía pola beirarrúa falando e aquel señor de polo albelo tropezou outra vez coa mesma farola". O que camiñaba detrás, tropezou nel e os dous pararon no chan da rúa, caladiños, mentres os integrantes dun grupo de turistas cos cascos nas orellas, retrataron o sucedido e, nuns minutos, antes de que se incorporaran os caídos, á casa dun deles chegaba a foto que enviaba o seu fillo Francisco dende Osaka.

Noutros tempos era imposible. A comunicación era máis demorada. Unha postal procedente do estranxeiro tardaba meses en chegar a Madrid e varios días ou semanas, dende Madrid ao seu destino en calquera punto de Galicia. Aínda así, a carta postal foi como a revolución no sistema de comunicacións na segunda metade do século XIX. A primeira tarxeta postal, sen foto, é de 1869. Imprimiuse en Austria e estendeuse rapidamente por toda Europa, chegando aquí un par de anos despois. A Tía Manuela lembra con nostalxia a época das postais e festexa con ledicia a rapidez das redes socias.

Da postal ás redes sociais
Comentarios