Opinión

Non se rían

As eleccións do vindeiro vinte e oito deste mes de abril son importantes para a cidadanía e moi importantes para ese nutrido grupo de candidatos que queren representarnos no Congreso ou no Senado. Unhas oitocentas persoas recorren estes días Galicia. Algunhas van pisando asfalto, andando polas corredoiras, se é o caso, prometendo o ouro e o mouro, sorrindo en cada esquina, mirando pacientemente e recoñecendo as necesidades de cada provincia, de cada concello e, se é necesario, de cada familia, por grande que sexa. Outras van, sinxelamente, con nome e apelidos nas papeletas

Pola provincia da Coruña aparecen nas listaxes de aspirantes a deputados e a senadores (incluíndo os suplentes) douscentos vinte e cinco nomes; por Lugo e Ourense, cento setenta e oito e cento oitenta e seis, respectivamente, e pola circunscrición de Pontevedra aparecen relacionadas duascentas doce persoas, dispostas a ir a Madrid para defender os interese deste país noso, os seus e dos seus veciños. Así o indica, se o reconto non está mal feito, o BOE do pasado día dous. Suplentes a esgalla nalgunhas candidaturas. Por que? e para que? Cando veñan as municipais, en moitos concellos de Galicia, as candidaturas non poderán ter suplentes.

Vostedes, prezados lectores, por favor, non se rían, aínda que, como dicía Horacio, sen risa e sen amor non hai ledicia

Para o Congreso, doce organizacións preséntanse nas catro provincias, ás que hai que sumar as candidaturas do Partido Comunista Obrero Español (PCOE), pola Coruña; de Converxencia 21, por Lugo; de VOU, por Ourense, e de Escanos en Branco, por Pontevedra. Para o senado é parecido, menos o PCOE e Converxencia 21, todas as outras organizacións presentan candidaturas ao Senado. Que Deus reparta sorte!

É unha gozada ver a tanta xente ocupada, disposta a servir, razoando, pensando e programando o futuro que vén tan belo e tan ditoso. Serán os políticos, expertos e veteranos, novos e renovados, capaces de modular a realidade social? Serán quen de fomentar a convivencia, a igualdade, a xustiza e o benestar? Aínda ben non dixo a Tía Manuela que a política era un exercicio de responsabilidade, os interlocutores, todos suplentes dalgunha candidatura, riron ás gargalladas, miráronlle aos ollos e calaron. Vostedes, prezados lectores, por favor, non se rían, aínda que, como dicía Horacio, sen risa e sen amor non hai ledicia.

Comentarios