Opinión

O 25 aniversario

TODO FAI pensar que o Xacobeo 2021 será importante para Galicia e para as distintas comunidades que integran Europa. Parece un desexo, un anhelo dos grandes programadores, unha esperanza para os integrantes dos distintos sectores produtivos, empresariais, comerciais, de negocio, de investigación e de promoción turística. Os promotores culturais de calquera rama, os investigadores e científicos, os homes e mulleres de letras, das humanidades, das ciencias sociais, das xurídicas, das enxeñarías, da arquitectura e das ciencias da saúde ven no 2021 unha lámpada de esperanza para seguir camiñando polas sendas da igualdade, da amizade e da solidariedade entre homes, pobos, nacións e estados.

Neste senso, cómpre que os responsables da administración pública poñan mans á obra para axuntar esforzos e facer que o 21 sexa, como foi o 93, un Xacobeo de todos, dos hostaleiros, dos comerciantes, da igrexa, dos relixiosos e profanos, dos universitarios, dos traballadores de pico e pa, dos intelectuais e funcionarios, dos camiñantes e dos que, pola razón que sexa, non andan nin van a andar.

É, pois, período de conmemoración, tempo para lembrar e loar os éxitos, para reflexionar sobre os desacertos e poñer o ollo no futuro

O presidente da Xunta parece que está polo labor e probablemente aproveite a ocasión e a circunstancia para parlamentar cos grupos do Hórreo e agrandar a dimensión do acontecemento, tal como fixera, a mediados de 1991, quen foi a alma mater do Xacobeo 93, o seu amigo Vázquez Portomeñe. Pasaron vinte e cinco anos. É, pois, período de conmemoración, tempo para lembrar e loar os éxitos, para reflexionar sobre os desacertos e poñer o ollo no futuro.

Estamos principiando o ano do vinte e cinco aniversario daquel renacer do Camiño de Santiago que, sen pausa e sen parada, segue avanzando e contribuíndo á necesaria dinamización económica e cultural de Galicia. Non convén esquecer tampouco que, o 10 de decembro de 1993, a Unesco declarou ao Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade. Foi un magnífico e frutífero acordo, adoptado na cidade colombiana de Cartagena de Indias, na ourela do mar Caribe. Xa que logo, tamén hai que conmemorar o 25º aniversario deste declaración que puxo ao Camiño de Santiago, a Galicia e a Santiago de Compostela no punto de mira do mundo mundial.

Comentarios