martes. 12.11.2019 |
El tiempo
martes. 12.11.2019
El tiempo

Paciencia

AGOSTO pasou e, como dicía o refrán, aquel dito popular dos paisanos labregos das montañas de Galicia, "quen mallou, mallou". Pasou e non volverá ata dentro de once meses. Aí vén o inverno apurando o paso, atropelando ao outono e deixándoo sen respiro e á xente, sen descanso. Quen non foi capa de aproveitar o verán entra apuradamente noutro tempo, naquel ao que corresponden tarefas diferentes, labores distintos, en calquera dos oficios. Quefaceres distintos, miradas distintas e todo diferente. Os políticos sábeno ben, pasou a festa e rematou a romaría. Esfumouse o ministerio, acabouse o discurso e, logo, cómpre ir coa xogada a outro escenario, a outra parte. Rematou agosto e aló vai un ano máis, foi bo ano, para uns, e para outros, non.

En Navarra, en Murcia e en Madrid foi como foi, igual que na feira de Triacastela, ou en calquera outra das múltiples que temos, cando un perde outro gaña. Sempre igual, uns van á feira e venden ben e outros, na mesma feira, perden o que teñen. Incluso hai quen perde o crédito e a reputación enteira, por moi grande que sexa. Moitos perden por falar e outros perden por calar. Que pasa? Son cousas da feira, do negocio desproporcionado, da fantasía, do oportunismo e, mesmamente, da miseria, desa penuria que padecen os homes e mulleres dos nosos andares.

Son cousas da arrogancia que teñen aquelas persoas que debían ser humildes defensoras dos cidadáns, de tódolos cidadáns de tódolos lugares do mundo. Pero... "cando un perde outro gaña". E aínda é peor cando perden sempre os mesmos, os que agardan tempos mellores, que non chegan. Na política tampouco parece que veñan eses tempos mellores. Quen sabe? En calquera caso, cómpre agardar. A pesar de que non chove ao gusto de todos, "nunca choveu que non escampara". Sigamos agardando!

A paciencia e a resignación, compañeiras da sabedoría, son hoxe necesarias. Son ferramentas que axudan á cidadanía para fabricar a ponte sobre o lodo que enzoufa a nosa terra, a nosa convivencia e o noso pensamento. Aí está, teñamos paciencia e agardemos por outro agosto para empezar a mallar no seu tempo. Si, señor, no seu tempo, cando o centeo e o trigo estean maduros, cando o grao se vexa seco, limpo e sen caruncho.

Paciencia