viernes. 15.11.2019 |
El tiempo
viernes. 15.11.2019
El tiempo

Para ti, con agarimo

A POLÍTICA, moitos non a entenden e outros, tamén moitos, non queren entendela. Uns gózana e outros sófrena, sendo tan importantes e tan consecuentes os primeiros coma os segundos. E os que andan na política, a que se dedican? Que fan e que pensan? Non o sabe ninguén. Ninguén sabe cal é a actividade daquel ou daquela que hai tantos anos que vive da política, que anda a diario nos mitins, nos debates, nos despachos, nas manifestacións ou encontra das manifestacións, nos faladoiros radiofónicos e televisivos. Ou que andan nos comentarios de tódalas redes sociais como expertos en dicir o que eles consideran que os demais queren escoitar. Equivocados, seguramente, na maioría dos casos e en case todas as ocasións e circunstancias.

Os políticos repiten mil veces a mesma mensaxe, sexa verdade ou mentira, e seguen sen rubor falando de renovación, de adecuación aos tempos que veñen...

Os políticos actuais son xente nova, aparentemente ben formada, ben educada e moi faladora. Son novos, moi novos os que gobernan partidos vellos, tan novos coma os outros. Funcionan en tódolos aspectos, como o facían os líderes clásicos. Recorren o territorio con slogans imprecisos e parecidos. Van e volven, como se traballaran de comerciais, dando detalles do produto que ofertan e polo que moita xente, máis da que eles pensan, non se interesa.

Repiten mil veces a mesma mensaxe, sexa verdade ou mentira, e seguen sen rubor falando de renovación, de adecuación aos tempos que veñen, nos que o moderno ten un enorme valor só por selo e por conxugar ben co peso da tradición, coñézase ou non. E, quen son? Quen son eses milleiros de candidatos, de asesores, de predicadores e de especialistas en mercadotecnia que sementan frases apropiadas "para un roto e para un descosido"? Quen lles paga e de que viven?, pregunta a Tía Manuela.

Pisan nos escenarios con soberbia e aparentando seguridade, diríxense a ti, como se foses un axente electoral incondicional, e marchan correndo coa cabeza ergueita, repasando a mensaxe para o seguinte palco, crean ou non nela. É o conto de nunca acabar! Tratan de personalizar a oferta e non sempre o conseguen. Que magoa! Deberían coñecer a Carlos Oroza, aquel magnífico poeta que personalizaba o seu libro para cada un dos compradores, cunha dedicatoria de puño e letra: "Para ti, con todo o meu agarimo e agradecemento pola túa enorme sensibilidade e o teu aprecio".

Para ti, con agarimo
Comentarios