Opinión

Senda aberta

O RADAR, ese aparello que, mediante a emisión de ondas electromagnéticas, é capaz de determinar a velocidade á que se move calquera coche estaba situado detrás dunha silveira, inmediatamente despois dun sinal que limitaba a velocidade de circulación a cincuenta, naquel tramo da estrada pola que circulan milleiros de automóbiles guiados por eficientes condutores. Informacións xornalísticas din que en Galicia hai sete ou oito radares fixos dos que máis cartos recadan por multas, dos aproximadamente seiscentos distribuídos polas estradas, baixo o control da Dirección Xeral de Tráfico.

As cifras, prezados lectores, explican o gran negocio. As arcas do Estado ingresan por taxas, recargas e multas da Dirección Xeral de Tráfico máis dun millón de euros cada día. E, a onde van? Algúns destes ingresos gástanse en prevención, en concienciar á poboación para que sexa prudente ao volante, para que non corra máis do debido e para que pense que "o importante é chegar". Outra porción importante vai directamente para xerar postos de traballo, para pagar ás persoas que recadan, a aquelas que fan a "receita". Maldita enfermidade!

Parece que un manto de perversión cobre e murcha as ilusións daqueles condutores seguros, pacientes, novos e que circulan correcta e rapidamente co seu automóbil automático, de roda alta, de portas con cristais escuros e con seguridade electrónica en tódolos mandos. Por certo, son mandos que se manexan con impulsos de intención, co pensamento do condutor conectado directamente á IP do ordenador de a bordo. Perfecto, cando se detecta un radar, o mecanismo obriga ao coche a reducir a velocidade ata os límites estipulados.

Así andaremos, programados e seguros, acomodados nas butacas anatómicas dos coches novos, rápida ou lentamente, segundo o interese de cadaquén. Escapando da multa inútil e fuxindo da ourela perigosa, parando a tempo antes de chocar con aquel que vai diante e virando na rotonda, para a dereita ou para a esquerda, segundo conveña. Os recadadores acabarán poñendo as multas pola intención do condutor, non pola acción, que será perfecta sempre ou sempre correcta e axustada ao programado.

Funcionará o control remoto para todo, para seguir a vía, pagar a peaxe, recargar coa luz solar a potente batería e para que a acción gobernamental se faga a través de varias sedes electrónicas. Estamos en senda aberta. Sigamos!

Comentarios