viernes. 10.07.2020 |
El tiempo
viernes. 10.07.2020
El tiempo

Señoras e señores, por favor!

MOI AO PRINCIPIO dos anos setenta do século pasado o cantautor Jei Noguerol fíxose coñecido e famoso con aquela de Señor ministro, por favor, unha canción que nunca deixou de estar presente na memoria da xente que ten sentido e sentidiño. Unha mensaxe sincera, reivindicativa e aquelada en tempos pasados e nos de hoxe,

Pasaron moitos ministros e aínda agardamos que chegue quen poida amañala. Jei Noguerol está agora en Barcelona e ben merece unha lembranza e un cariño dende Galicia.

Polos mesmos anos, concretamente en 1973, Mario Benedetti publica Letras de emergencia e naquel libro aparece un poema, Seré curioso, señor ministro que máis adiante popularizou Quintín Cabrera e tamén o musicou Alberto Favero e cantou Nacha Guevara. Magníficos versos para aqueles tempos e moi útiles para a reflexión na actualidade, cando no mundo seguen existindo corredoiras, a pesar das modernas e potentes vías de comunicacións informáticas e telemáticas.

En una exacta foto del diario, 
señor ministro del imposible,
vi —en pleno gozo y en plena euforia
y en plena risa— su rostro simple.
Seré curioso, señor ministro,
de qué se ríe, de qué se ríe.

A Tía Manuela tamén quere ser curiosa, "señores e señoras do goberno, de que falan?, señoras e señores da oposición, en que pensan? ? Ustedes duros con nuestra gente,/ por qué con otros son tan serviles. Cando farán a carretera? Cando pensarán en que o ben da sociedade á que representan é o primeiro?". Quen sabe? Mahatma Gandhi afirmaba que 'se hai un idiota no poder é porque os que o elixiron están ben representados', logo xa está, non hai nada que cuestionar nin nada que falar. Será posible?

Os versos e as cancións están aí para fungar e renegar colectivamente, para alentar a oposición ao maltrato, veña de onde veña. Sen esquecer, prezados lectores, que a desinformación é un dos males perigosos da nosa sociedade, capaz de rachala en anacos, de desfacela e aniquilala. Neste caso convén outra pregunta, a quen lle interesa esborrallar e esboroar unha sociedade como a nosa?

CONVERSA ENTRE CONFINADOS
Se vostede é lector deste xornal e quere, nestas semanas que quedan de confinamento, comentar o artigo da TÍA MANUELA co seu autor, indíqueo ao teléfono/whatsapp 609284476 ou ao correo electrónico [email protected], cunha breve mensaxe que inclúa o seu nome e o número de teléfono, para que o xornalista Luís Celeiro chame para manter con vostede unha conversa sobre o artigo que, como sabe, se publica os martes nas edicións impresa e dixital deste xornal. 

Señoras e señores, por favor!
Comentarios