sábado. 24.10.2020 |
El tiempo
sábado. 24.10.2020
El tiempo

Separados, máis calados e máis tristes

O MUNDO anda revolto. Por un lado, hai unha preocupación enorme e xeneralizada pola distancia social, esa que nos separa enmascarados e que nos illa dos iguais, dos parentes, dos familiares directos, dos amigos, dos queridos e dos veciños do lugar ou do andar. Distancia social maior ca nunca, impresionante! Separación total entre namorados, entre irmás, entre parellas de calquera sexo, entre espectadores, actores, locutores, escolares, universitarios e traballadores de tódalas profesións e oficios. O de bailar ao agarrado acabouse por un tempo, igual que moitas outras cousas se acaban e, probablemente, para sempre. Nós non podemos estar xuntos e vós tampouco. Quen o diría!

Moitos pasaron a vida loitando por erradicar as diferencias entres as persoas. Sabendo e respectando o feito de que cada un dos individuos da sociedade ten a súa propia identidade, procuraban a proximidade e interacción entre eles. A xente do mesmo lugar, os que tiñan lingua común, a mesma cultura e os mesmos problemas uníanse xuntiños con atumes consistentes coma os de facer feixes de leña, de estrume ou de palla. Ese afán pola unión, pola igualdade, pola comprensión e compromiso truncouse de repente, reforzando o individualismo e, pois, o egoísmo desconveniente.

Trocáronse os valores, cambiou o mundo e cambiarán os individuos un a un, para crear unha nova sociedade descoñecida polos pensadores humanistas e avistada polas tecnoloxías que promoven a intelixencia artificial. Todos estarán (estaremos) cada vez máis lonxe dos outros, máis separados, máis calados e máis tristes. O coñecemento mutuo perderá interese e a tolerancia perderá todo o mérito que aportaba ás sociedades que ata agora coñecemos. A distancia social, dun metro e medio, de dous metros ou do que sexa, irase agrandando sen parar, mentres a riqueza do multiculturalismo e a pluralidade de culturas, de ideas e pareceres acabará na nada absoluta, como se fose a última gota do vaso baleiro.

As tecnoloxías avanzan e trasladan o cerebro ao peto do pantalón curto ou da camiseta de raias. Dende un deses lugares emitirá sinais silenciosas ou ruidosas e, se é preciso, luminosas para que o usuario saiba de onde é, quen é e a que se dedica. Incluso será quen de dicirlle se o desenvolvemento da intelixencia artificial e as súas aplicacións son ou non son éticas. A vostedes que lles parece?

Separados, máis calados e máis tristes
Comentarios