martes. 24.11.2020 |
El tiempo
martes. 24.11.2020
El tiempo

Baixar impostos?

HAI DÚAS alternativas antagónicas na política fiscal: unha, alentar os movementos tendentes a baixar impostos e a outra, promover unha política fiscal baseada nos impostos elevados. Na época actual esperamos, desexamos, e mesmo esiximos, porque o necesitamos, que o Estado exerza unha serie de funcións públicas consideradas indispensábeis. O ensino público e universal é non só un logro social senón que constitúe un elemento necesario para capacitar a todos a fin de se defenderen na vida por si mesmos. O ensino público hai que pagalo e normalmente faise pola vía dos fondos recadados vía impostos. A sanidade pública e universal é tamén un servizo que hoxe se considera que cobre un dereito. Tamén custa mantelo, uns miles de millóns de euros, e hai que o financiar cos fondos recadados vía impostos. As persoas dependentes, sobre todo as anciás, aquelas que son necesitadas porque viven soas e non se dan defendido como facían na flor da vida: por razóns físicas ou psicomentais non se dan defendido, e é un deber social atendelas en condicións cun sistema de asistencia que cubra dignamente as súas necesidades que son exactamente as de calquera persoa nesas condicións diminuídas. Tamén custa cartos deseñar, estabelecer, atender, e soster no tempo, un sistema de atención á dependencia que de forma universal atenda aos atinxidos. Ter boas vías de comunicación e poder financialas, sen quedar a deber, tamén pede pola necesidade de fondos orzamentarios suficientes. Mesmo se no pasado se financiaron obras con diñeiro tomado a empréstimo, tamén temos necesidade de que o Goberno conte con abundantes fontes de ingresos aínda que só sexa para pagar os xuros da débeda. Xa que... pagar hai que pagar, todo o que se compra, sexan medicamentos, servizos médicos, servizos de ensino, comedores escolares, residencias de dependentes, centros de día, escolas infantís (antes chamadas garderías, non sei a que obedece o cambio de nome) ou canchas de baloncesto.

Admitido que todo hai que pagalo, tamén debemos analisar o como se obteñen os cartos e aquí tamén hai dúas vías de chegar a recadar: unha máis xusta, e outra menos xusta, denominada regresiva, que quer dicer en termos vulgares que pagan máis os que menos debían facelo. Os impostos indirectos son máis regresivos que os directos pero máis fáciles e seguros de recadar. Os impostos sobre os combustíbeis recádanse con total seguridade e son máis inxustos que os da renda, porque pagamos todos igual, independentemente da contía das nosa renda, ou dos nosos posíbeis. Un supermillonario paga o gasoil igual que o perceptor do salario mínimo. O Ive (imposto sobre o valor engadido) que grava os bens de consumo recádase seguro: non hai opción a discutir o prezo con Ive do viño, da cervexa ou do pescado. O imposto sobre a renda das persoas físicas é en principio máis xusto que os impostos indirectos, pero todo depende da escala máis ou menos progresiva que se marque, xa que é absolutamente distinto pagar o 10% dunha renda de 23.000 euros ano que o 49% dunha renda anual de 300.000 (Continuará).

Baixar impostos?
Comentarios