Opinión

A boa educación e a economía

A PARTE interesante dunha boa educación, vista desde unha perspectiva social, resúmese no beneficio colectivo derivado dunhas relacións sociais harmoniosas e estas son unha moi boa componente do éxito económico dunha sociedade. Por moito capital que se destine a un investimento para unha determinada acción empresarial (pública ou privada) non se garante un resultado exitoso, se non hai forza de traballo cualificada. A cualificación non é só un elemento técnico. Reúne unha longa serie de elementos dos que a disciplina (é dicer, autocontrol) e o respeito ás normas de organización laboral son imprescindíbeis mesmo para formar parte da clase traballadora. Unha vez ingresados no mercado laboral, traballar, conservar o traballo, promocionarse na escala laboral e, finalmente, ser quen de ascender socialmente, traballando, require xa algo máis que boa educación, pero —de novo un matiz— o uso continuo das boas formas non vai constituír un estorbo. Dise que unha persoa disciplinada afeita ao traballo en comunidade pode mudar facilmente de cualificación porque alberga unha actitude positiva de aprendizado, e xusto esa actitude é o que se aprende a lume lento na socialización das persoas de menor idade. Temos abundantes casos para ilustrar estas aseveracións.

Un labrego galego cualificado, mesmo con moi pequena escolarización, cambiou de oficio facilmente na emigración do século XX a América, converténdose, por exemplo, en camareiro nos restaurantes e cafetarías dunha urbe non comparábel a nada do que había na Galiza, coma eran Buenos Aires, La Habana, Nova Iorque, ou México (CF). Exactamente igual sucedeu para explicar o rol económico da emigración aos centros fabrís da Europa post-bélica: Alemaña, Franza, Reino Unido, Noruega, Suíza, "acolleron" (chamouse emigración asistida) mulleres e homes galegos procedentes maioritariamente dos excedentes laborais dunha agricultura que precisaba dunha boa atención pública, quérese dicer planificación, para o crecemento, en lugar de contribuír a través do Instituto Español de Emigración (o paradoxo é que dependía do Ministerio de Traballo) a levantar miles de labregos e deixar as explotacións sen futuro.

Eses grupos de labregos (cerca de 300.000 en pleno "desarrollismo" español) formaron un exército de traballadores da industria vasca, catalá, suíza, francesa, belga, alemá ou inglesa. Máis tarde, os destinos ocupados no sector servizos foi en postos de menor cualificación, quer dicer, de menor salario e de menor recoñecemento social. Se na emigración americana houbo moitas mulleres galegas cun destino aos servizos persoais —mesmo de amas de cría—, na emigración europea o destino nos servizos hoteleiros, de restauración, de limpeza… acolleu de novo emigrantes galegos, neste caso con elevada representación feminina. Os galegos que traballamos temos demostrado ao longo da historia pasada, e na máis recente, que o noso problema non é a educación, nen a cualificación nen a actitude cara ao traballo. Semella que se pode aseverar que somos quen de facer calquera cousa en calquera sitio, incluídos o máis elevados destinos nas ordes gobernativas, militar, xudicial ou académica. Só botamos a faltar dúas cousas: ser quen de distinguir entre educación correcta e submisión, e ter tanto interese polo país como o país derrama sobre nós.

Comentarios