sábado. 16.11.2019 |
El tiempo
sábado. 16.11.2019
El tiempo

Calidade dos servizos turísticos

 

A CHEGADA DUNHA sociedade como é a nosa —referímonos á sociedade e mais á economía galegas— á sociedade de consumo de súpeto, por non dicer abruptamente (chegou ao mesmo tempo o avión que o transporte público en autobuses, ao mesmo tempo o teléfono que o gas butano e ao mesmo tempo a lavadora que a auga corrente), trouxo aparellados unha serie de efeitos non desexados que se manifestan como desaxustes sociais ou ben como saídas de escena individuais.

Estámonos referindo á velocidade do crecemento económico. Noutros países da actual Unión Europea o crecemento ten sido máis lento, a lume manso, e os cambios sociais fóronse producindo en consonancia con ese ritmo. A asimilación dos adiantos técnicos realizouse ao tempo dos cambios nas institucións sociais, e estes, á súa vez, propiciaron novos cambios técnicos en disposición de volveren mudar as relacións institucionais.

Un caso claro deste ritmo histórico pode ser exemplificado co papel que xogou o ferrocarril no crecemento económico dos países onde primeiro se desenvolveu. É medíbel o seu rol como acelerador da industrialización, do comercio de todo tipo de bens, mesmo os agrícolas, e do consumo, alá onde foi chegando. Á súa vez constituíu un elemento de peso na democratización da información, do coñecemento, e mais da difusión das novidades industriais. Os desaxustes, cando son tamén consecuencias económicas, poden ser contabilizados como custos sociais de ocorrencia asumíbel (por exemplo, estragos de capital empregado, desemprego, certo tipo de violencia social...), é dicer, nada que non sexa inesperado no capitalismo. Hai tamén custos sociais que se manifestan só no plano dos individuos: determinado tipo de enfermidades/dependencias, emigración, marxinalidade, perspectivas persoais de fracaso, violencia... Reiteramos, case nada que non sexa asumido como normal fose cal for a explicación ou xustificación usadas.

Non obstante, neste momento, ten pasado tempo dabondo desde o inicio desta etapa de desenvolvemento social, mesmo se nos colocamos historicamente no ano de comezo da democracia formal, para que xa non se poda xustificar a ausencia de acción gobernamental ante os problemas sociais, porque hai capacidade, coñecemento e certo distanciamento do inmediato, para non saber o que facer en cada caso. O caso que nos ocupa hoxe é a tendencia histérica de virar cara ao turismo cada vez que as forzas de mercado botan fóra do idem un proxecto industrial ou agrario máis ou menos brillante, aceitábel, ou mesmo insensato, como para non fracasar. As ocorrencias son unha cousa oposta ás ideas dun plan destinado a lograr uns fins determinados incardinados nunha estratexia de política económica que conte con dotación orzamentaria, deseño de obxectivos, meios para executalos, e control das realizacións. E os plans son sempre a longo prazo, son froito dun consenso social dun camiñar ao par de toda a sociedade e precisan, polo tanto, de lexitimidade suficiente para teren éxito. Lograr un éxito en turismo precisa de todo o que citamos: un plan, un acordo, un financiamento, un deseño de obxectivos, unha avaliación de custos aparellados, un coñecemento certo dos competidores presentes e futuros do modelo definido (Continuará).

Calidade dos servizos turísticos
Comentarios