Opinión

Contra o paletismo

OU CONTRA o paifoquismo, xa que teño entendido que paleto é unha palabra castelá pero profusamente utilizada desde o poder, mesmo o exercido na microesfera social para exercer o control persoa a persoa, ou sobre un grupo social. Non obstante, nós definimos os paletos actuais como o conxunto daqueles desertores do seu país. O elemento máis visíbel na comunicación humana é, despois da aparencia, a fala. Aínda non hai tanto tempo que podías escoitar nun comercio calquera "qué paleto", por se expresar en galego. O termo tamén incluía connotacións racistas, xa que na cultura labrega de procedencia do cliente as relacións comerciais son só un aspecto menor da relación de intercambio de bens e conleva, ou conlevaba, un outro tipo de trato por riba da simples entrega de bens contra diñeiro. Hai unha tendencia a considerar que o tempo histórico presente procede de forma lineal dun tipo de relacións sociais idénticas ás actuais pero menos desenvolvidas. Nada máis lonxe da realidade social, examinada con algo de perspectiva: só no capitalismo adquiren vida propria as relacións económicas, e pódense dar espidas de calquer outra relación. Mesmo comparando o que pasa na Galiza actual coas economías que pasaron por un tempo de dominio claramente connotado pola hexemonía militar ou política exercida por dominadores estranxeiros —como foi o caso da India por ingleses— dámonos conta do papel fundamental que cumpriron a lingua e mais a cultura como vehículos indispensábeis do dominio político-social. É tamén unha evidencia histórica que se ten anotado como vitoria por parte dos dominadores o feito de que os dominados falen habitualmente no idioma imposto polos estranxeiros; por esta razón, no momento presente, é un auténtico retroceso social cada perda que signifique un abandono de uso do noso idioma. A nosa defensa non ten nada a ver coa beleza suposta da nosa lingua: eu persoalmente non coñezo unha vara de medir tal variábel; non existen idiomas belos e outros feos. Non ten nada a ver coa consideración de ben cultural protexíbel: non é un ben museístico. Non se trata de "parte da nosa historia"; non se debe protexer porque era o idioma "dos nosos antergos": debemos simplemente falalo e escrebelo porque é o noso idioma e o seu uso garante unha conciencia do proprio que será moi beneficiosa nas restantes relacións sociais cos connacionais e mais cos estranxeiros.

Saber distinguir quen somos e o que queremos colectivamente pasa indefectibelmente por abandonar o paifoquismo de querer ser españois de primeira liña abandonando o ser galegos. De traidores nunca nada se construíu historicamente que valese para algo. Mesmo no caso hindú, Gandhi utilizou intelixentemente o carácter do seu pobo, mesmo amalgamado polo dominador inglés como pobo submiso, para converter a submisión en resistencia pasiva, aprofundando nas características proprias e diferenciadas da cultura invasora. O uso de prendas de vestir proprias e tradicionais de produción india constituíron pezas chaves da sacudida do invasor. En economía, definir a senda futura comeza pola definición do proprio, pasa pola conciencia e o orgullo do ser galegos (Continuará).

Comentarios